| Aquilo era cruelmente inxusto. Contemplara como o perdera todo, sen poder
facer nada ao respecto. Unha forte azouta do destino estábao obrigando a vivir unha vida
antagónica ao que aprendera. Agora tiña soamente unha moeda, e sen pensar no seu valor, soubo rapidamente que tiña que elixir: cara ou cruz. Ollaba con atención como brillaba o metal nos seus dedos. Buscaba un defecto ou algún sinal que lle indicase o lado afortunado. Escolleu "cara", coma sempre fixera, e deu as costas antes de que a moeda caese. Pechou os ollos e púxose a pensar. Sentía o presentimento de que fallaría. Antes sempre acertaba, pero agora estaba seguro de que non ía ser coma as outras veces. Notaba as miradas do resto da xente queimándolle as costas. Oíu uns risos aspirados tras o son metálico da moeda ao caer, supuxo que perdera. Levantou a cabeza ao ceo, acompañándoa cas mans, quedou un anaco mirando fixamente o Sol, e fregou a faciana con elas. Ía calor, moita calor, demasiada..... E el non estaba pasando o verán no lago, estaba na cidade, coma un pobre desgraciado, con fame, sede, e o corpo ansioso de descanso. O ar parecía pesar, ao igual que o seu corpo que se escangallaba esmorecendo. Caera no ardente asfalto, e, mentres permanecía inconsciente, puido sentirse alleo á miseria que o rodeaba. El víase así, miserable. Todo mudara, ás veces incluso lle custaba recoñecerse a si mesmo, semellaba non saber quen era. Xa comezaba a espertarse. Pero despois de ter estado inconsciente aqueles minutos, ou horas, agora tiña medo de abrir os ollos. Non sabía que hora era, nin onde estaba. Arrepíabao a idea de voltar a aquelas precarias condicións nas que tentaba sobrevivir. El desmaiárase na rúa, ou poida que todo fora un pesadelo, quizais estivese nun hospital. Pero non, todo aquilo fora moi real. Seguramente era real e non un soño, por iso el non podía abrir os ollos, non era capaz.... ELÍAS P. F. |