S.O.S. Planeta terra

Nestes momentos o único que se me ocorre é pedir axuda urxente. Pero atópome cun problema: non sei a quen dirixirme. A pasividade da maioría da xente, e mesmo dos medios de comunicación, ante esta situación déixame totalmente perplexa. Quizais algún de vós poida axudarme: ¿alguén sabe que está a pasar no Amazonas e que ocorreu no parque natural de Doñana? O primeiro foi considerado sempre como "os pulmóns da Terra", un verdadeiro paraíso terreal. Seica agora todos nos convertemos en fumadores empedernidos, deses que adoecen de cancro e seguen a fumar os seus acostumados paquetes diarios ata que morren. Pero é igual, as únicas persoas que sufrirán consecuencias a curto prazo, mellor dito inmediatas, son as e os indíxenas que se quedarán sen fogar. Pouco importa, non pagan impostos, nin fan a declaración, nin nada diso. E de Doñana fálase, unha substancia descoñecida..., ¿pero que foi o culpable o PESOE ou o PP? Lamentable.

 Non sei ben o que pasa, se non nos acabamos de decatar da gravidade do asunto ou é que preferimos eludir o problema e non sentirnos responsables del. O que si sei é que non quero morrer de cancro, e que me importa máis o futuro dalgunhas especies animais que as disputas entre dous partidos políticos. E –aínda que volo pareza- non son unha ecoloxista radical, nin son socia de Greenpeace. Mais estou segura de que sería máis proveitoso isto que calquera outra cousa.¿ De que nos sevirán os euros –por exemplo- nun futuro que se presenta sen materias primas? Pero supoño que aínda han ter que ocorrer moitas cousas para que o home se decate de que os cartos non se comen.

 YANIRA LEÓN

Sumario