Este é un artigo en homenaxe ó equipo de profesores do I.B. María Soliño que lograron o subcampinato de Copa e que está formado por Óscar, Suso, Carlos, Luis, Emilio, Pedro Pablo, Quico e Salva. Hai quen cre que non hai gloria nun vicecolista pero... Semellaba unha tarde de ballet e vodka pero rematou por ser unha noite de tulipáns. Rimas Dasaev, aquel porteiro que nutría os seus movementos do adestramento cos bailaríns e patinadores e que empurraba como unha brisa miúda os pais de Mihailichenko, foi víctima da Philips. Alf, no Estadio Olímpico de Munich, un trotamundos inventou curvas ó compás da eletricidade; chamábase Rijkard, un ser que trouxo do Surinam a tecnoloxía punta do primitivo, do natural.... Aquela elipse foi acollida por un relámpago denominado Van Basten: a súa volea valía a final da Copa de Europa de Seleccións...; ata os alérxicos temos qae confesar que, ás veces, os tulipáns cheiran a maravilla e evocan trenzas e miradas pícaras. Aquela tarde tampouco había goles pero Suso demostrou que tamén os bucaneiros poden ser artistas, roubou das neuronas sinuosidades imposibles para a informática e enviou unha folla seca ó encontro co infinito, alí apareceu Pedro Pablo, a nova corporeidade de Van Basten e o remate foi un encontro sutil co "ángulo escuro" da portería. ¡Raio!, ¡sóame esa presencia! é Luis pero parece Obdu1io Varela, sóame tamén a súa elegancia, ten o porte de Enzo Francescoli, un dos máximos representantes do pensamento dinámico. ¡Ese defensa! ¡Ese defensa! ¿Como non percibe que tamén ten o gatillo de Fernando Morena? Demasiada vantaxe para un lúcido. Non sei se a intelixencia se fixo potencia ou a potencia gol, só sei que na porta de Esopo, de La Fontaine e de Monterroso unha concentración de arañas protestaba polas molestias. Hai quen cre que o delirio non é posible entre os que quedan fóra na primeira rolda... Era un recreo de asubíos e de repente un novo Gregorio Samsa: unha metamorfose. Pedro Pablo tansustanciouse en tango, recuperou o vello estilo de don Alfredo Di Stefano e superou o complexo de Aquiles: converteu o calcañal no punto forte. Foi así como sulcou arcadas en forma de coxas e deixou o balón para un man a man co porteiro, resolto nun tiro cruzado por quen sempre agarda a maxia do compañeiro. Hai quen cre que, aínda que Pullidor sexa máis renomeado que Roche, non hai memoria posible para os segundos.... En cuartos de final agardounos o San Narciso, pero un gambeteo e un tiro seco de Suso levounos á semifinal; alí agardábanos o Pondal, dous goles de carreira e pegada de Carlos e outro de Suso tras varias paredes deunos vantaxe pero haubo que recorrer ó gol de ouro. Foi alí onde Emilio amosou o seu perfil dourado e meteunos na final. Foi unha final de veciños, Monte Carrasco-María Soliño. Os vixentes campións de liga lograron un rápido dous-cero que parecía definitivo, pero alí apareceu Carlos, desta volta escorado á esquerda, debuxou un toque suave e o balón bicou a rede cun deseño clásico. Na segunda parte Salva recuperou unha parte do sentido da liña de fondo de Butragueño ante o Cádiz, caneou ó estilo do gran Cruyff e deu o pase da morte para que Pedro rubricase o gol. Cinco minutos máis tarde, nun contraataque a presencia-distracción de Pedro posibilitou que Salva deitase ó porteiro evocando unha das sortes de Johnny Red no Mundial de Arxentina, e lograse o empate a tres. Certo que o soño durou pouco porque minutos antes do final os nosos veciños lograron o gol da victoria e do doblete. É posible que ninguén mo crea pero este é un equipo de Óscar; o seu alcume é a obsesión e aumentou as minutas dos psicoanalistas, as ventas de somníferos, antidepresivos e outro tipo de terapias para dianteiros frustrados ante: A MURALLA. A verdade, nunca saberei se te mira con displicencia ou coa grandeza de Lev Yashin. En fin, que cando vexades os seus perfiles orondos, as súas sens prateadas, o seu andar cansino... pensade que estar derrotado non é o mesmo que ser derrotista e que sempre hai maxia en calquera músculo con vocación de tacto. S.C. |