7 de Febreiro, 16.30. Hai, coma cada xoves clase na Escola de Adultos, alí vou a reunirme cun grupo de mulleres ás que lle conto o traballo que estou a realizar e ver se me poden axudar. Recíbenme encantadas e comeza a entrevista.

            Pregúntolles que cales son os seus recordos do entroido, e, cando empezan a falar aínda que o comezo da entrevista intentaba seguir o guión prendo a gravadora e simplemente escóitoas, o que contan é demasiado interesante, non as interrompo, só lles falo cando quedan caladas ou cando me preguntan algo.

Fala Irene e cóntame “antes celebrábase o entroido pero cando foi da guerra prohibiron que a xente se disfrazara”. Ela naceu no 28 e por aquel entón era pequena polo que non ten moitos recordos. Di que “despois si saía a xente”, cambia de tema e afirma “en Cangas si que hai unha cousa e é que a xente canta moi ben, facíanse moitas murgas, moitos coros,...”, neste momento o resto interrómpea para dicir que é eso dos coros; ela respóndelles “pero tamén había coros, eu teño na casa dous papeis das cancións que se botaran, ían os do cine, os de alá de Andrea, non os de Andrea non, os de alá da de Leta”. Unha voz di que tamén nas tabernas e Irene continúa “nas tabernas os homes cando viñan de marea, na miña casa había unha taberna que era a da Cepa e alí cantaban, vaia voces que había, daba gusto oílos”.

Pregúntolles se as cantigas eran coma as de agora, de burla e de crítica. Primeiro dime que non, logo que sí e volve o das tabernas, vese que era o que máis lle gustaba pois dime “eu non andaba na mascarita”. Toma a palabra María e di “eu acórdome que o Sábado de Carnaval prepárase todo e o Domingo era o primeiro día máis grande do carnaval, bailaban todos nunha eira, facían unha comparsa, os homes vestidos de branco e as mulleres de papel de colores, iso era antigamente, non coma agora”, despois din que todas as murgas das demais aldeas viñan a Cangas e continúa co tema da roupa “era de papel de colores, a saia, a blusa era normal e a saia de colores, ían a Beluso o luns tódalas comparsas tocando homes, mulleres e rapaces coas cunchas e castañolas e unhas canas que abrían e tocaban”, todas recordan isto e explícanme que as canas levaban un carozo no medio.

Irene vaise pois dime que xa non ten nada máis que contar. María continúa coa súa narración, “bailaban e tocaban alí, había tres músicos, un bombo, unha gaita e unha caixa. Alí  dábanlle de comer e beber aos músicos, a xente levaba touciño que era o que había e pan”, recórdanlle que tamén viño nas bolsas e nos barrís, todas rin con esta última broma. María segue contando que “sobre as catro da tarde ou as cinco a xente que quedaba nas casas e non ía ás comparsas reuníase e collían un burro ou así e ían facendo eles tamén unha comparsa ata a metade do camiño a esperar a outra, despois volvían todos a Cangas, onde saudaban polas casas”. Fálame do último día que era martes, non o mércores coma agora, xa que antes non se facía festa máis alá do martes pois entraba na coresma. “Seguía a festa, ían a Darbo e ao Hío pero pola tarde xa non saían da vila, bailaban e tocaban ata as tantas da noite”.

Luísa leme unha redacción que ten sobre o entroido, na que fala de como lle gustaba a ela disfrazarse “aquelo era unha delicia” afirma. Nela menciona á señora Venancia e todas se lembran dela, era da Rocha, rin ao recordala. Segue contando que a festa era ao lado da taberna da Romera, “alí bailábamos todas a xota e a muiñeira, ensaiábamos unha semaniña antes, unhas cantas e veña cantar e a bailar e a velliña alí con nós era a que organizaba todo e iso que era unha velliña con bastantes anos”.

Todo isto foi antes da guerra, cando eran pequenas. Dinme que tamén había os galáns e as damas e que en Darbo as saias non eran de cores senón de tela. Aclaran que eso era no 53 ou así, pero unha voz rectifica e di que o seu avó bailaba de galán polo que tivo que ser antes, tamén conta que as mulleres levaban uns sombreiros redondos de palla con moitas cintas de cores e flores. Dígolles que antes era moito máis tradicional, danme a razón, que “había un carnaval en Darbo...” pero que despois evolucionou a como é agora e que todo se foi perdendo, no que todas coincidimos. Cóntanme que os traxes estragábanse ao chover e que desteñían todo, polo que pasaron a facerse as saias con colchas de cores que había moitas. “Era moi bonito pero iso perdeuse todo”;”era unha alegría”;”alí bailaba todo o mundo, grandes e pequenos....” sentencian.

Recordan como se ía cantando de casa en casa e como daban filloas. Chega Maruxa. “o carnaval era precioso, había comida, gaiteirada, chulas, filloas e caldeirada do que fora, daba gusto ir ás aldeas, agora en Cangas non hai nada, antes falaban cos gaiteiros e quedaban nunha casa.”, explica.

Comezan todas a falar sobre isto, algunhas familias celebraban o carnaval nos baixos das casas. Os gaiteiros que viñan de Coruxo, Tomiño e de por aí vivían do que lles daba a xente. Vanse do tema pero elas mesmas volven outra vez, “a comparsa de Avilés daba gusto oílos, eran mariñeiros”; fala Pilar a petición das súas compañeiras: “eu fun a un baile que había en Cangas vestida de dama antiga, tamén de húngara a un do Alondras e mais ao Enterro da Sardiña vestida de viúva, paseino de marabilla”.

            Dígolles que me falen das bromas, “as bromas pesadas que se facían uns a outros, moitos enfadábanse”, “enfadábanse os que non sabían levar a broma: cando son Carnavais hai que saber levar as bromas”; falan de que a xente que non coñecías íate saudar e tiñas que adiviñar quen era ou de que os homes se vestían moito de mulleres. De repente de maneira espontánea comezan a cantar “Carnaval, carnaval”.

      Chega o profesor e ponse a falar de como recorda el o carnaval e todas asenten que elas tamén o recordan así “estabamos na casa comendo e chegaba un grupo de xentes con gaitas que traían o entroido, este era un boneco de palla grande e tocaban cornos e gaitas arredor del, nós saiamos de comer abríamos o baúl de roupa vella, poñiamos sombreiros vellos, pantalóns, camisas todo roto, colliamos unha vimbia e saiamos para fora”, unha muller di que tamén se vestía con pixamas de raias dos seus pais, que era unha alegría.

Comentan que agora é así en Nerga, en Hío e en Balea aínda que xa é distinto. Alguén fai un comentario “o luns ían os homes sós; saían pola mañá e ata a noite non viñan, sen embargo o martes saían homes e mulleres, estas con colares de bolas con “coloríns”, pendentes canto máis longos mellor, calquera cousa valía”, din que “o carnaval é o tempo novo: acabou o inverno”.

Unha muller di que “meus pais eran velliños e disfrazábanse sempre, gustáballes moito” respóndenlle “acórdome de velos, a min sempre me viñan pola porta a pedir filloas e chulas”.

Xela Cuñarro Otero