UNIDADE 11 - ECONOMÍA DE GALICIA |
11.2 - ANÁLISE SECTORIAL
11.2.1 - Sector primario, secundario e terciario
As actividades que se desenvolven nunha determinada economía son moitas e variadas, para poder analizalas no seu conxunto debemos realizar algunha clasificación das mesmas. Tradicionalmente utilizouse para realizar análise sectoriais a clasificación da economía en sector primario, secundario e terciario.
Sector primario
Sector primario: todas aquelas actividades relacionadas coa natureza sen que se realicen transformacións dos recursos naturais, falamos de actividades como a pesca, a agricultura, gandería, etc
Sector secundario
Sector secundario: comprende aquelas actividades consistentes na transformación dos recursos naturais en produtos manufacturados, por exemplo a industria da conserva. Mentres a produción de mexillón en batea pertencería ao sector primario, a actividade industrial para conseguir o mexillón en conserva sería secundario.
Sector terciario
Sector terciario: tamén denominado sector servizos, comprende as actividades de compra-venda de bens sen transformación e da prestación de servizos. Como exemplo temos a sanidade, educación, compravenda de bens, hostalería, etc.
Atendendo a esta clasificación, as economías menos desenvolvidas son aquelas que teñen un maior peso no sector primario; a medida que vanse desenvolvendo (industrializando) vai perdendo en importancia o sector primario e gañando o secundario, estariamos falando entón de economías en vías de desenvolvemento e, posteriormente prodúcese un proceso de terciarización da economía, é dicir, a perda de importancia do sector secundario a favor do terciario; cando o sector terciario é o predominante (en produción e emprego) falamos de economías desenvolvidas.
En Galicia o proceso de terciarización da economía xa se produciu, polo que podemos falar dunha economía desenvolvida.
ACTIVIDADE: Análise sector primario, secundario e terciario
A realidade da economía require facer outro tipo de clasificacións para identificar a importancia que determinadas actividades teñen na economía.
Por exemplo no concello do Grove, dúas actividades son as máis importantes, unha delas é a relacionada co marisqueo e conservas e outro é o da hostalería. Para analizar a economía do Grove, debemos analizar conxuntamente determinadas actividades que pertencen a distintos sectores segundo a anterior clasificación, xa que dependen unhas doutras.
Sen a produción de mexillón do Grove (sector primario), probablemente non se desenvolvería a industria conserveira (sector secundario), é dicir, a dependencia de determinadas actividades desenvolvidas en diferentes sectores require unha análise das mesmas de maneira conxunta.
O sector da hostalería no Grove, depende en certa medida dos produtos de calidade que se producen na súa contorna. Pensemos na “Festa do Marisco” que se celebra no Grove no mes de Outubro que funciona como un reclamo turístico moi importante, colaborando ademais na desestacionalización do turismo na zona.
11.2.2 - Sectores básico, clave e punta
Outra clasificación habitual é a de diferenciar entre:
Sector básico:
aquel que tradicionalmente tivo maior importancia na economía dun país.
Sector Clave:
aquel que ten na actualidade maior peso na economía e unha maior capacidade de arrastre, suponse o motor actual da economía.
Sector punta:
aqueles que teñen maiores potencialidades de crecemento futuro.
Preguntas:
Esta clasificación tamben é moi importante xa que debemos saber de ónde vimos, ónde estamos e hacia ónde debemos camiñar.
11.2.3 - Actividades orientadas al interior ou ao exterior
Como sabemos, un dos principais compoñentes do PIB é o consumo, a demanda de bens e servizos polas familias. Despois debemos analizar a formación bruta de capital tanto desde o ámbito privado como público (desde o punto de vista da demanda), os gastos do Estado ou CCAA e os saldos co exterior.
Neste sentido, tamén é oportuno clasificar as diferentes actividades en función de se están máis orientadas á demanda interna da economía, ou aquelas que están máis orientadas á demanda externa.
Exemplo: en Galicia prodúcese moita máis electricidade da que se consume, vendendo esta ao exterior, o mesmo pasa con outras moitas actividades como a produción de leite, de carne de vacún, etc. Por outra beira, o sector da construción, ten como direccionamento a demanda interna.
Esta diferenciación será moi importante para calibrar o grao de dependencia interna e externa e as súas consecuencias para a economía. Así, podemos dicir que o denominado Complexo Alimentario e os sectores industriais e enerxéticos teñen unha clara orientación exterior, mentres que o sector da construción e boa parte dos servizos teñen unha orientación interior.