Xornada didáctica de orientación. 23 de Marzo
February 16th, 2011
Fase provincial do Campionato Escolar
Agradecendo, en primeiro lugar, o interese dun gran número de centros por participar nesta xornada, pasamos a continuación a informarvos de todo o referente a esta.LUGAR E DATA
O 23 de Marzo ás 10:30 da mañá no Colexio Galén de Lugo (Rua Xian 8, 27003 Lugo. Tlf 982 265205). A xornada rematará ás 14 horas aproximadamente.
TRANSPORTE
Os gastos e a organización do transporte dende os centros levarase a cabo pola organización. Contactar con Carlos López Lorenzo no 982294560 para cuestións relativas ao desprazamento. INSCRICIÓN
Poderán participar os alumnos de categoría infantil (nacidos en 1997 e 1998) e cadete (1995 e 1996).
A inscrición realizarase a través de http://www.deporteescolargalego.com/ . Ademais prégase enviar un listado no formato do ficheiro adxunto a eduardoperez@edu.xunta.es. Para máis información sobre o proceso de inscrición dirixirse a Carlos López Lorenzo no 982294560.
No caso de alumnos de ESO nacidos antes de 1995 debe consultarse a posibilidade de participación e a inscrición non se realizará a través do procedemento descrito neste apartado, senón contactando con eduardoperez@edu.xunta.es.
Por cuestións relativas á organización (transporte, material, técnicos…) é moi importante que este proceso se leve a cabo con responsabilidade e non haxa un desfase entre os alumnos inscritos e os que asistan á actividade.A data tope para a súa formalización é o 4 de marzo de 2010
PROGRAMA DO DIA 23 DE MARZO
1ª parte: Os alumnos aprenderán a utilizar un mapa para situarse e desprazarse, orientándose ao distinguir os elementos do mapa que recoñecerán sobre o terreo. Iniciaranse nos fundamentos da orientación deportiva: a baliza, a pinza, a tarxeta de control e a descripción de controis.
2º parte: Realización dun percorrido sinxelo que será cronometrado, e que constituirá a fase provincial do campionato escolar galego de orientación.
Os profesores terán un papel activo na realización da xornada, que será dirixida por profesores e técnicos deportivos de orientación.
Aconséllase que os alumnos leven roupa e calzado de reposto así como algo de comida (froita, bocadillos, auga…). Estarán a disposición dos participantes os vestiarios do colexio.
PROPOSTA DE SESIÓN PREPARATORIA
Co fin de dar a coñecer este deporte no voso centro e animar os alumnos a participar na xornada do día 23 de Marzo propoñémosvos realizar a seguinte actividade:
1. OBXECTIVO
Presentar o deporte da orientación a través dunha actividade práctica sinxela que se pode levar a cabo nun período lectivo no ámbito do instituto.
Motivar e preparar os alumnos para a súa participación na xornada do 23 de Marzo.
2. MATERIAL 2.1 O PLANO
Deséñase a partir dunha foto aérea tomada do SIGPAC (Ministerio de medio ambiente http://www.mapa.es/es/sig/pags/sigpac/intro.htm ). En cada centro adaptarase ás súas características físicas. Como exemplo achéganse as fotos e os planos elaborados para esta actividade no instituto Xoán Montes de Lugo.
1 plano por alumno sen balizas marcadas
1 plano por equipo coas cinco balizas do xogo da palabra máxica
2.2 AS BALIZAS
5 balizas cunha sílaba da palabra máxica (SIN-SA-LA-BIM-BOM) cada unha numeradas do 1 ao 5
Usaranse balizas de papel (achégase modelo)
3. DESENVOLVEMENTO DA SESIÓN (realizada no IES Xoán Montes de lugo)
. Prólogo: o deporte de orientación. 5′
. Traslado ao exterior e se repartición dos planos.5′
. 1ª actividade: ORIENTAR O PLANO GUIÁNDOSE POLOS ELEMENTOS DO TERREO. Todo o grupo .10′
. O profesor divide o grupo en equipos de 5. A cada un asígnaselle un número que marcará a orde de saída, quedando sentados en círculo.5,’
. Realización da 2ª actividade: EN BUSCA DA PALABRA MÁXICA. 20′
. Epílogo: A xornada de iniciación do 23 de Marzo.
1ª actividade: ORIENTAR O PLANO GUIÁNDOSE POLOS ELEMENTOS DO TERREO (realizada no IES Xoán Montes de lugo) 1. Unha vez no centro do patio o profesor pide ao grupo que mire cara ao canil. Faise notar os alumnos que os mapas de orientación están orientados cara ao norte. Isto indícase coa frecha de dirección e a letra N e coas liñas paralelas de meridiano. Agora temos o plano orientado e o que vemos no plano coincide co que vemos diante de nós: o canil. Avanzamos cara ao canil co plano orientado e observamos no plano que a muralla queda á esquerda, como no plano.
2. Volvemos ao centro e agora xirámonos cara á dereita. O que vemos diante de nós é o fondo do patio e se miramos o plano seguimos vendo o canil: hai que orientar o mapa. Xirámolo nas nosas mans. Agora se vemos no plano o fondo do patio que temos diante de nós e o canil queda á nosa esquerda. Avanzamos cara ao fondo do patio e observamos que á nosa dereita queda o edificio do instituto, igual que no plano. Desprazámonos cara a en Leste.
3. Volvemos ao centro e repetimos estas operacións cara á muralla e cara ao instituto (direccións Oeste e Sur respectivamente).
4. Movémonos polo patio co plano orientado e fixamos a atención dos alumnos nos distintos elementos polos que imos pasando. Recoñecemos no plano o que vemos no terreo
5. CONCLUSIÓN: Hai que ter sempre o mapa orientado e desprazarse tendo diante sobre o terreo o mesmo que vemos no plano.
2ª actividade: EN BUSCA DA PALABRA MÁXICA
O obxectivo do xogo é encontrar as 5 balizas que conteñen as 5 sílabas da palabra máxica con axuda do plano.
Cada grupo partirá en intervalos de entre 30″ e 1′ e alí orientará o plano para situar a
baliza 1 e ir a buscala. Un membro do equipo memorizará a primeira sílaba. Continúase o percorrido memorizando unha sílaba da palabra máxica cada un dos compoñentes do grupo.Cando se encontren as 5 balizas e teñamos memorizadas en orde as sílabas volveremos ao punto de partida e diremos ao profesor a palabra máxica. (SIM-SA-LA-BIM-BOM). Todos os equipos que din ben a palabra máxica ao chegar conseguiron completar o xogo con éxito.
Eduardo Pérez Romero
profesor de educación física
IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes
Eugenio Rodríguez Núñez
responsable da sección de orientación
Club Fluvial de Lugo
CONTACTO:
eduardoperez@edu.xunta.es tlf.: 646084178
eugenio.rodriguez@usc.es tlf.: 600940240


