| Matemáticas: feminino/plural
|
|
|
|
Nesta foto que podes ver a seguir aparecemos as alumnas e alumnos que, durante o curso 2007-2008, formamos o Club Matemático Durán Loriga do IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña. Os membros do club, ao longo deste ano, desenvolvemos varias actividades relacionadas coas matemáticas. A maioría dos que aparecemos na foto, participamos nas que denominamos Matemáticas: feminino/plural e Coruña Cúbica. Esta sección está dedicada á actividade Matemáticas: feminino/plural que foi concibida como a achega do Departamento de Matemáticas para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora dentro do IES Ramón Otero Pedrayo da Coruña no ano 2008. A actividade, como acabamos de indicar, forma parte dun traballo máis amplo promovido polo Equipo de Normalización Lingüística do centro e desenvolvido polos Departamentos de Lingua e Literatura Castelá, Lingua e Literatura Galega, Ciencias Sociais, Educación Plástica e Matemáticas. Preséntase, pois, aquí a parte do traballo realizada polo Departamento de Matemáticas xunto coa colaboración gráfica que, para este módulo, fixo o Departamento de Educación Plástica e Visual. Cando deseñamos esta actividade, tiñamos tamén en mente o obxectivo de preparar a nosa participación no XIII Día da Ciencia na Rúa (Parque de Santa Margarida da Coruña, 10 de maio de 2008), e na II Feira Matemática (Palacio da Opera da Coruña, 24 de maio de 2008). Sen que estivese na nosa intención inicial, os materiais que se crearon, presentáronse ademais no IV CONGRESO DE EDUCACIÓN MATEMÁTICA DE AGAPEMA celebrado os días 26, 27 e 28 de xuño de 2008 no IES FRANCISCO AGUIAR de Betanzos (A Coruña). |
|
|