| Matemáticas: feminino/plural
|
|
|
|
Autora do traballo:
Patricia Parada Pena |
Cartel |
Autora do debuxo:
Gema Rodríguez Roo |
![]() |
|
Florence Nightingale Pertencente a unha familia inglesa moi rica, naceu, o 12 de maio de 1820, en Florencia (Italia) porque seus pais, William Edward Nightingale e Frances Smith, realizaron durante os primeiros anos do seu matrimonio unha longa viaxe turística. Puxéronlle este nome como homenaxe á cidade na que naceu. Seu pai estivo comprometido coa abolición da escravitude e defendía o dereito das mulleres a recibir formación. Deste xeito Florence e súa irmá foron instruídas, por unha tía e o propio pai, en latín grego, historia e matemáticas. Descubriu unha importante atracción cara ás matemáticas e quixo avanzar neste campo. Florence rogoulles a seus pais que lle deixasen estudar matemáticas e eles puxeron grandes impedimentos xa que súa nai só pensaba que a súa filla debía casar e non vía a utilidade que poderían ter as matemáticas para unha muller casada. Ao fin acadou a súa pretensión e un dos seus titores foi o matemático James Joseph Sylvester (1814 – 1897). Aprendeu aritmética, xeometría e álxebra. Despois de recibir esta formación dedicouse durante un tempo a ser titora de nenos, tomando o seu traballo con tanto empeño que deseñaba excelentes plans de leccións, conservándose algúns deles no Museo Británico. Dende moi nova cambiou a cómoda vida á que estaba destinada pola dedicación aos máis necesitados ata que comunicou á familia cal era a súa verdadeira vocación: se enfermeira. Esta decisión atopouse cun rexeitamento familiar practicamente imposible de superar pois consideraban este traballo impropio da súa clase social. Longos anos lle custou a Florence conseguir que lle permitiran facer os estudos que ela quería, pero cando o acadou o permiso puido recibir unha importante formación asistindo ás mellores escolas en diferentes partes do mundo. Obtivo o seu primeiro traballo en 1952, sendo a administradora dun pequeno hospital de Londres que transformou nun dos mellores hospitais de Inglaterra. Pero onde adquiriu verdadeira notoriedade foi durante a Guerra de Crimea (1854-1856). O seu gran logro estivo en aplicar os seus coñecementos matemáticos ao traballo da enfermería. Axudouse de métodos estatísticos (recompilación e organización de datos, realización de cálculos, busca das causas que producían os resultados obtidos...) para mellorar a situación. Deste xeito determinou unha taxa de mortalidade de 1 174 por cada 10 000 soldados feridos, dos cales 1 023 se debían a enfermidades infecciosas contraídas durante a convalecencia nos hospitais militares. Para convencer ás autoridades das súas teorías e conseguir os recursos necesarios, creou uns gráficos estatísticos (antecesores dos actuais diagramas de sectores) que se denominaron Diagrama de Área Polar, ou "coxcombs" como os chamaba ela. Despois de rematada a guerra seguiu cos seus estudos estatísticos descubrindo que, en época de paz, os soldados de entre 20 e 35 anos de idade tiñan unha taxa de mortalidade o dobre ca dos civís. Usando estas estatísticas, puxo de manifesto a necesidade dunha reforma hospitalaria nos hospitais militares. En 1858 converteuse na primeira muller que foi membro electo da Royal Statistical Society polas súas contribucións ás estatísticas do exército e hospitalarias e en 1874 nomeárona membro honorífico da American Statistical Association. Ademais de abrir unha Escola de Adestramento e Fogar Nightingale para Enfermeiras no hospital de St. Thomas en Londres, seguiu colaborando coa Oficina de Guerra Británica prestando asesoramento sobre os coidados médicos para o exército. Tamén foi consultora do goberno dos Estados Unidos sobre a saúde do exército durante a Guerra Civil estadounidense. Rematou prostrada na cama durante unha longa etapa da súa vida debido a unha enfermidade contraída en Crimea, o que lle impediu continuar co seu traballo como enfermeira. Así e todo, preparou múltiples publicacións e difundiu as súas ideas feministas. Considérase como a nai da enfermería moderna grazas a ter actuado coma unha verdadeira matemática: empregando o razoamento, cuestionando as crenzas e coidando o proceso para alcanzar conclusións. Promoveu a creación dunha Cátedra de Estatística Aplicada na Universidade de Oxford estando disposta a facer unha achega económica para o financiamento deste proxecto; sen embargo, retirou a oferta ante o temor de que os cartos se gastasen en estudos teóricos. Faleceu o 13 de agosto de 1910. Diagrama de Área Polar
|
|||