Matemáticas: feminino/plural

 

 

Anterior

Autora do traballo:

Noemi Casas Bazarra

Cartel Autora do debuxo:

Noa Muñiz Agilda

 
 

Sofía Sonia Kovalevskaya

 

Sofía Sonia Vasilievna Korvin-Krukovskaya Kovalevskaya nace en Moscova o 15 de xaneiro de 1850 no seo dunha familia burguesa que gozaba dunha boa posición económica. Seus pais foron Vasilii Vasilievich Krukovski, xeneral de artillería, e Elizaveta Fiodorovna Schubert;  Sonia era a segunda de tres irmáns (dúas rapazas e un rapaz). A súa irmá Aniuta, seis anos maior, exerceu unha influencia capital sobre ela.

Desde moi cedo sentiu unha grande atracción cara ás matemáticas. Cóntase que o primeiro contacto que tivo con elas foi cando, sendo pequena, empapelaron unha habitación da súa casa con follas  de papel que contiñan moitas formulas e símbolos matemáticos; contemplaba as paredes horas e horas intentando resolver o significado daquelas expresións.

Pero tamén desde nena amou a lectura e a poesía, sentíase poeta no seu interior. A súa formación viuse notablemente influída por dous tíos seus: un deles amante da lectura e, aínda que non era matemático, apaixonáballe esta ciencia; o outro, ensináballe ciencias e bioloxía. Algúns dos seus inmediatos antepasados, por parte de súa nai, foron destacados astrónomos e matemáticos.

Arredor dos trece anos mostraba gran capacidade para a comprensión da álxebra, pero o seu pai decidiu frear as súas inclinacións cara o estudo porque naquela época era moi raro que as mulleres estudasen. Sen embargo, ela non renunciou ás súas aspiracións e seguiu estudando a escondidas e facendo deduccións pola súa conta; deste xeito aprendeu trigonometría.

O físico, e veciño seu, N. P. Tyrtov tivo unha influencia determinante no seu futuro pois, despois de regalarlle un libro de física que acababa de publicar, quedou sorprendido ao ver que Sonia foi quen de reconstruír ela soa fórmulas xeométricas que necesitaba para entender os capítulos do libro. Tyrtov convenceu ao pai de Sonia para que lle facilitase os estudos, e este accedeu poñéndolle profesores.

Cando Sonia finalizou o ensino secundario pretendeu ingresar nunha universidade para seguir cos seus estudos matemáticos. Os seus pais desaprobaban esta idea pero, ademais diso, para as mulleres da época esa aspiración resultaba practicamente imposible.

Por estas razóns, Sonia casou con Vladimir Onufrievich Kovalevsky o día 27 de setembro de 1868. Foi este un matrimonio de conveniencia, pactado polos dous mozos coa única finalidade de poderen acadar a independencia das familias. Acordaron vivir en San Petersburgo,  podendo por fin asistir ela a algunhas clases na universidade sempre que estivese acompañada do seu marido.

Diante destas dificultades para poder estudar, decidiron marchar para Alemaña. En 1869 Sonia e Vladimir instaláronse en Heidelberg, pero aquí tampouco a situación era moito mellor con respecto a que as mulleres puidesen estudar. En 1870 Sonia intentou probar sorte na Universidade de Berlín e tampouco as cousas resultaron fáciles.

O seu propósito ao marchar para Berlín era asistir ás clases do famosísimo matemático Karl Weierstrass, así que, diante da imposibilidade de poder acudir normalmente á Universidade, atreveuse a pedirlle que lle dese clases particulares. Despois de constatar a gran capacidade de Sonia, Weierstrass accedeu a traballar con ela en privado.

Ao mesmo tempo que estudaba, seguindo as recomendacións de Weierstrass, comezou a traballar con vistas a acadar o seu doutoramento. Deste xeito redactou tres teses: A primeira trataba Sobre a teoría de ecuacións en derivadas parciais; a segunda Sobre a redución de certa clase de integrais abelianas de rango tres a integrais elípticas; e a terceira chamouse Notas suplementarias e observacións sobre a investigación de Laplace sobre a forma dos aneis de Saturno.

No ano 1874 Weierstrass conseguiu que a Universidade de Göttingen admitise o primeiro dos traballos como tese de doutoramento e mesmo permitise a súa lectura  in absentia, é dicir, sen que a autora estivese presente. Así acadou Sonia o grao de doutora, sendo a primeira muller da historia que o conseguía.

Como lle resultaba imposible poder traballar na Universidade polo feito de ser muller, Sonia e o seu marido volveron para Rusia en 1875. Pasou un tempo apartada das matemáticas, tivo unha filla e escribiu para algúns periódicos artigos de tema literario ou científico, ata que foi convidada por Chebyshev a dar unha conferencia no Sexto Congreso de Matemática e de Física celebrado en xaneiro de 1880 en San Petersburgo. Sonia dá unha charla baseada no segundo dos traballos que preparara para o seu doutoramento e a súa disertación tivo un importante éxito.

Neste congreso reencóntrase co matemático sueco Gösta Mittag-Leffler, discípulo de  Weierstrass, quen a anima a que volva traballar en matemáticas.

En 1981 visita a Weierstrass en Berlín, que lle aconsella que investigue sobre a propagación da luz nun medio cristalino. Despois viaxou a París, onde foi elixida membro da Sociedade Matemática. Estando en París recibiu a noticia do suicidio do seu marido, o 27 de abril de 1883.

O 11 de novembro de 1883, a proposta de Mittag-Leffler, comeza, por fin, a traballar como profesora provisional na Universidade de Estocolmo ata que, en 1889, foi nomeada profesora vitalicia. Aquí colaborou na redacción da prestixiosa revista matemática Acta Mathematica.

No ano 1888 foille concedido o Premio Bordin da Academia de Ciencias de París, polo seu traballo Sur le Problème de la Rotation d’un Corp Solide autour d’un Point Fixe.

Foi membro honorario da Academia de Ciencias de San Petersburgo e recibiu un premio do Rei Óscar II de Suecia.

Non debemos esquecernos da súa producción literaria en relación coa poesía, a novela e o teatro. Son destacables as súas obras Recordos da infancia, Unha moza nihilista, A loita pola felicidade...

Faleceu o 10 de febreiro de 1891 en Estocolmo, de maneira inesperada e a consecuencia dunha pneumonía, despois dunha viaxe a Xénova (Italia). Acababa de cumprir 41 anos.

Anterior