Club de lectura

Libros do Club de Lectura

Se fas click co rato enriba dos libros poderás ler unha breve reseña.
Kafka y la muñeca viajera O único que queda é o amor

Os megatoxos e a espada esmeraldaOs megatoxos e o aprendiz de druída

Club de Lectura

PROXECTO DE  FUNCIONAMENTO DO CLUB DE LECTURA DO IES RAMÓN OTERO PEDRAYO


CLUB DE LECTURA: “BIBLIOTERO”

FINALIDADES.-

O Club de lectura “BIBLIOTERO” da Biblioteca do IES Ramón Otero Pedrayo pretende ser un lugar de encontro arredor dos libros e entre os libros. Este será o segundo curso de andaina do noso grupo de lectura e xa contamos coa experiencia positiva do curso anterior, na que participaron arredor de 30 persoas, entre profesorado e alumnado. Pensamos que a continuidade do Club é necesaria vendo que xa hai alumnos e alumnas que preguntan cal vai ser a primeira sesión.  A nosa  biblioteca, que leva tamén o  nome do ilustre Don Ramón, parécenos o lugar máis propicio para continuar coas conversas sobre os libros e a lectura quew xa iniciabamos o curso pasado e que son a base da nosa  aprendizaje, tanto dentro como fora da aula.
Dende a biblioteca do Otero Pedrayo pensamos que un Club de lectura ten como principais finalidades:

  • Fomentar o interese polos libros e pola lectura.
  • Dar a coñecer moitos libros de interese para o alumnado e que ás veces “dormen” eternamente no Biblioteca sen que ninguén os esperte.
  • Facilitar o intercambio de ideas e de experiencias lectoras.
  • Facer accesibles os libros a moitos alumnos e alumnas que teñen dificultades para chegar a eles.
  • Potenciar a comprensión lectora do alumnado por medio da posta en común de ideas e comentarios sobre a forma e os contidos dos libros lidos.
  • Favorecer a expresión oral do noso alumnado que ás veces na aula en gran grupo está máis restrinxida ás intervencións puntuais sobre temas académicos.
  • Posibilitar o debate e a reflexión en torno a un libro dende varios puntos de vista: literario, histórico, social, filosófico, científico, etc...

ACTIVIDADES PREVISTAS.-

  • Lecturas de libros suxeridos polo profesorado e polo propio alumnado entre unha longa listaxe elaborada pola Biblioteca.
  • O “libro do mes” poderá ser elixido en función da actualidade do tema que trate. Neste curso, pensamos que o primeiro libro podería ser “O único que queda é o amor” de Agustín Fernández Paz, un marabilloso libro de historias de amor, que recibiu neste ano o Premio Nacional de Literatura xuvenil. Sería a mellor homenaxe ó noso autor e o mellor punto de partida para a nosa xeira de lecturas.
  • Encontro dos componentes do Club de lectura co autor ou autora do libro proposto, se fose posible. Estableceríamos un coloquio sobre o libro que se podería convertir nun diálogo moi productivo entre creador e lector.
  • Interésanos especialmente a relación Cine-Literatura e igual que xa fixeramos o curso anterior, pensamos na posibilidade de poder ver a adaptación ó cinema de algún dos libros propostos como lectura .

COMPOSICIÓN DO CLUB DE LECTURA E PARTICIPANTES.-

O Club de lectura estará formado pola persoa responsable da Biblioteca escolar e por tres profesoras máis ademáis de todas aquelas persoas interesadas, tentando implicar ó maior número de alumnado e profesorado, ó persoal do centro e ós propios pais e nais que queiran participar. Nun sondeo inicial pensamos que podemos contar máis ou menos con 30 persoas aproximadamente.
Hai grupos de alumnos que están a traballar xa sobre libros propostos na aula e levan a cabo actividades diversas sobre a súa lectura. Poderían dalgunha maneira aportar a súa experiencia ó Club de Lectura.
Tendo en conta o carácter de grupo do Club de Lectura faise necesaria a colaboración do profesorado do centro que voluntariamente queira participar e que nalgún caso poderá posibilitar que os recreos tamén se poidan convertir en “espazos para o Club e para a lectura”.

FORMA DE ORGANIZACIÓN E FUNCIONAMENTO.-

Pensamos que é fundamental ter presente o concepto de “Club” como sinónimo de “grupo”, onde cada quen pode falar, opinar, comentar e suxerir de forma ordeada e respeituosa cantas ideas queira sobre os textos propostos para lectura.
Pódese nomear ó principio de cada sesión unha persoa moderadora que vaia presentando temas e dando pe para o diálogo e o debate sobre a lectura, e que non terá que ser necesariamente a coordinadora do Club de Lectura.
Deberíanse ter en conta as sugerencias expostas e se fose posible recollelas por escrito e facerllas cegar a cada un dos integrantes do Club.
A posibilidade de contar coa asistencia do autor ou autora do libro lido, faría a actividade moito máis suxestiva e interesante. A sesión entón adaptaríase en tempo e día de acordo coas posibilidades dos escritores/as.

HORARIO E CALENDARIO PREVISTO PARA AS REUNIÓNS PRESENCIAIS.-

Os recreos convírtense tamén en potenciais espazos para a lectura e para o intercambio de ideas sobre os libros, no propia BibliOtero ou tamén nos corredores do Instituto. Algunhas das horas da materia Proxecto Interdisciplinar ou Atención Educativa tamén están a servir para despertar o gusto pola lectura o que redundará en beneficio do noso Club e viceversa.

Actualmente a Biblioteca do Instituto abre os mércores e os xoves polas tardes. Tentariamos que o Club se reunise polo menos un día por mes ainda que non tería que ser necesariamente neses días, senón en función das posibilidades da maioría do grupo. Pensamos que dúas horas ou dúas horas e media sería necesarias como mínimo para poder falar dunha lectura ou tamén ver unha película se houbese versión fílmica do libro proposto.


MEDIOS PREVISTOS PARA A SÚA DIFUSIÓN ENTRE A COMUNIDADE ESCOLAR.-

O Club de Lectura debe darse a coñecer en todo o Instituto para o que se fará unha campaña informativa consistente en carteis  nos que aparecerá, se fose posible, o título do primeiro libro proposto. A hora semanal de titoría podería servir para exporlle con detalle ó alumnado a función, actividades e os posibles contidos do Club de Lectura. Se pudiésemos contar coa presenza dun autor ou autora para o seu lanzamento moito mellor.
A aprobación do Club de Lectura por parte do Consello Escolar do centro xa supón un punto de partida importante no espallamento da natureza do Club.

Distribuir contido