Niveis do modelo OSI
De Wiki do Pazo da Mercé
A capa física comunica directamente co medio de comunicación e ten dúas responsabilidades: enviar bits e recibir bits. Outras capas se responsabilizan do agrupamento dos bits de forma que representen datos dunha mensaxe. Os bits represéntanse por cambios nos sinais do medio da rede.
Utilízase unha gran variedade de medios na comunicación de datos; entre outros, cables eléctricos, ondas de luz ou de radio e microondas. O medio empregado pode variar; para substituilo, basta con utilizar un conxunto distinto de protocolos de capa física. As capas superiores son totalmente independentes do proceso utilizado para transmitir os bits a través do medio da rede.
Unha distinción importante é que a capa física OSI non describe os medios, estritamente falando. As especificacións da capa física describen o modo no que os datos se codifican en sinais do medio e as características da interface de conexión co medio, pero non describen o medio en si.
