Ferramentas de diagramación para o deseño de redes
De Wiki do Pazo da Mercé
Para a realización dos esquemas lóxicos da rede e representación dos percorridos do cableado polo edificio, resulta moi útil o uso de ferramentas de diagramación, que nos permiten realizar gráficos nos que se conectan os distintos elementos da rede e que se poden modificar e reestruturar de forma sinxela.
Unha das ferramentas máis potentes para a diagramación de redes é Microsoft Visio, que ten como inconveniente que é unha ferramenta de pago e que só se pode usar sobre sistemas operativos Windows. É por iso que utilizaremos outra ferramenta máis simple chamada Dia, que é gratuíta e se pode usar tanto en Windows como en Linux.
Cando arrancamos o programa, aparece a pantalla principal que podemos ver á dereita, e que nos permite seleccionar distintas accións que podemos facer sobre os elementos do diagrama (movelos, redimensionalos, modificar o texto, ou introducir elementos e conectores básicos) e seleccionar folla coa que imos traballar. Unha folla contén un conxunto de elementos que representan os iconos básicos para o diagrama que imos deseñar, e iremos incluíndo os elementos no diagrama picando sobre eles para seleccionalos e logo arrastrando no diagrama para indicar o tamaño que lles queremos dar.
