Funcións do nivel de rede
De Wiki do Pazo da Mercé
Encamiñamento da información
Xa vimos que a principal razón de ser do nivel de rede é a de conectar equipos mediante distintas rutas na que a información vai saltando por distintos equipos intermedios. A selección dunha ruta baséase, xeneralmente, nalgún criterio de rendemento. O criterio máis simple é a elección da ruta máis curta, é dicir, a que atravesa o menor número de nodos ou aquela que utiliza enlaces de maior capacidade. Tamén sería desexable, sen embargo, ter en conta a saturación ou problemas que se detecten na rede, adaptarse a cambios na topoloxía da mesma, etc.
Sen embargo, hai que ter en conta ao mesmo tempo que o algoritmo de encamiñamento que utilizan os equipos para realizar o enrutamento debe ser rápido e simple, xa que se non as comunicacións se verán ralentizadas. É por iso que haberá que buscar unha solución de compromiso entre a busca da ruta ideal e a simplicidade do algoritmo de encamiñamento.
Isto debe ir unido tamén a un protocolo que lle permita a un equipo descubrir preguntando a outros equipos a que equipos se pode chegar a partir deles. Dentro dos mecanismos máis utilizados para isto, destacan RIP (Routing Information Protocol ou Protocolo de Información de Encamiñamento) e OSPF (Open Shortest Path First ou Primeiro o Camiño Aberto Máis Curto).
Independentemente do algoritmo de encamiñamento utilizado, normalmente os equipos almacenan a información de encamiñamento nunhas estruturas chamadas táboas de encamiñamento. Unha táboa de encamiñamento establece para os distintos destinos posibles aos que se pode chegar a través do nodo o enlace de saída polo que debe ese nodo enviar a información. As táboas poden conter, ademais, información de custo asociada á ruta elixida, rutas alternativas, etc.
A táboa de encamiñamento pode ser cuberta de forma automática polo equipo utilizando un algoritmo de encamiñamento, ou ben utilizar o encamiñamento estático. Este método consiste en que se selecciona manualmente de forma fixa un único camiño para cada os destinos posibles para o nodo da rede. Por exemplo, na rede que vemos na seguinte figura, tendo en conta que os números indican o custo das conexións, a táboa de encamiñamento do nodo C sería:
| Nodo destino | Ruta saída |
|---|---|
| A | A |
| B | B |
| D | D |
| E | D |
| F | D |

