Suxestións

Tristes armas, de Marina Mayoral

Tristes armas

Autora: Marina Mayoral

Título: Tristes armas

Editorial: Xerais

Día a día morre xente de países que están en guerra e as súas condicións de vida son pésimas, tan só por intentar loitar polos seus ideais. O libro Tristes armas reflicte a guerra desde o punto de vista máis próximo, facendo que te identifiques coa súa historia e te sorprendas. Así medra o teu interese por lelo.

Fala do exilio nos tempos da guerra, do solidarias que poden chegar a ser algunhas persoas e, sobre todo, da tristeza que producen estes conflitos tan inxustos e innecesarios.

Con este libro aprenderás que na túa vida tes todo tipo de caprichos e tamén pensarás nos que non teñen nada e loitan por sobrevivir.

A partir dos 12 anos pódeo ler calquera persoa que queira saber o que é loitar por vivir sen pedir nada a cambio, simplemente por uns ideais.

Recomendado por Marta del Río Piñeiro (4º PDC)

O conto dos sete medos, de Antón Cortizas

 

conto dos sete medos

 

Autor: Antón Cortizas

Título: O conto dos sete medos

Editorial: O barco de vapor

Quizais pensaches algunha vez cantos medos hai na vida e tamén quixeches saber como combatelos. Neste libro propónseche que os descubras mediante unha protagonista chamada Antía e unhas incribles aventuras. Os medos que existen na vida son moitos: medo a descubrirse a un mesmo, medo a quedarse só, medo a descubrir que quedas sen tempo para gozar da vida, medo á morte... Coa lectura deste libro descubrirás que non debes facer que o teu medo desapareza, senón que viva en ti e ser capaz de controlalo.

Recomendaríallo a calquera que lle guste a boa lectura e que se atreva mediante este libro a coñecer os medos da vida. Mellor a partir dos 12 anos.

Recomendado por Eduardo Cameán Romero (4º PDC)

Entender el cómic: el arte invisible, de MacCloud

 

entender el cómic

 

Autor: McCLOUD, Scott

Obra: Entender el cómic: el arte invisible

Editorial: Astiberri

 

“Duascentas páxinas! Horror! Este non o leo eu nin de broma...” Pero calma, calma lector ao peso. Neste caso non todo é letra e ademais desta vez si que tes debuxos, e non penses que tan só uns pouquichiños por iso de adornar.

Aquí tes un libro que está ben cheo de imaxes e xusto elas son a chave da historia. Imaxinas ben, o título é transparente: aquí tes un auténtico cómic que explica de xeito moi divertido, claro e gráfico que é a banda deseñada, onde están as súas orixes, as convencións da súa linguaxe, os seus variados estilos…

Ler este obra é algo máis que descifrar palabras e sentidos (o cal xa non está mal). Vas contemplar e admirar cada páxina dun xeito especial e diferente. Asegúroche que o farás sen présa, pero sen pausa. Avanzarás viñeta a viñeta engaiolado polo ritmo das imaxes, as suxestións, as relacións que se fan co cine, coa literatura, coa pintura… O xenial vai ser que poderás confirmar moitas das experiencias que ti mesmo tes como lector de cómic, chegarás a comprender como funciona a narración con imaxes gráficas, descubrirás que mecanismos activamos cando desciframos esas atractivas ventás de ficción e un sen fin de cousas. Diría máis: se es desas persoas que sempre están a debuxar, lendo o libro váiseche espertar o formiguiño de compoñer un cómic e experimentar coas propostas de Scott.

E para rematar un poder engadido máis que isto é como o anuncio da coca-cola, para todos hai. Se non les banda deseñada e tes prexuizos con este medio, contas aquí cunha ferramenta que che permitirá xulgar con criterio. McCloud amosa a complexidade desta arte dende dentro e, ao final, pasarache coma a mín: terás moitas ganas de ler e coñecer cómics. Enton… a quen lle imos recomendar esta lectura? Pois xa ves. A todo o mundo. Vivimos, pensamos e sentimos rodeados de mensaxes audiovisuais, que menos que comprender ben como funcionan!

Recomendado por Montserrat López (Lingua castelá e literatura)

Páxina sobre banda deseñada galega e internacional. Inclúe variados recursos e novidades.

La casa de los espíritus, de Isabel Allende

 la casa de los espíritus

 

Título: La casa de los espíritus

Autora: Isabel Allende

Editorial: Planeta DeAgostini

 

Recomendo este libro porque ten ese tipo de historia que chamariamos normal nunha familia, pero á súa vez a escritora dálle un toque misterioso con acontecementos sobrenaturais.

Inconscientemente, mediante os seus extravagantes personaxes de ficción, Isabel Allende introdúcenos nunha historia de amores apaixonados e outros moitos casamentos por comenencia como os que había en Chile, onde ela vivía. É a historia dunha familia de terratenentes, que vai desde a prosperidade ata a decadencia. Polo que pasamos por moitos estados da súa vida que nos permiten descubrir en realidade como son os personaxes.

A autora, filla do famoso presidente Salvador Allende, baseouse no contrario da ideoloxía de seu pai para crear a Esteban Trueba, un dos personaxes no que recae toda a política desta novela.

En conclusión, poderiamos dicir que esta novela teno todo. Desde Amor e Política ata sucuesos sobrenaturais.

Considero que é para xente maior, pero pódese ler de 15 anos en diante. Iso si, quen o lea terá que ter algún principio básico de política, porque se non, seralle algo difícil entender algunhas partes. Pero é moi divertido!

Recomendado por Esperanza Mª Maneiro González (4º C)

Os dous de sempre, de Castelao

 

os dous de sempre

 

 

Título: Os dous de sempre

Autor: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

Editorial: Galaxia

 

Nesta novela, Castelao nárranos a vida de dous personaxes contrapostos, dous amigos que ven e viven a vida de forma totalmente diferente.

  • Por un lado Pedriño, mimado e consentido desde a súa infancia pola súa tía Águeda. Convértese nun lacazán, comellón, sen ningún obxectivo na súa vida. Representa o conservadorismo.
  • Pola outra banda, Rañolas, un neno eivado, orfo de pai e cunha nai con problemas de bebida. Vai enfrontarse á vida cun gran afán de superación, loitando por conseguir o que quere. Representa o idealismo.

Recomendaría este libro porque me gusta a maneira en que Castelao nos dá a coñecer os problemas da Galicia da época (emigración, caciquismo, pobreza, mendicidade, etc.) a través destes personaxes de vidas paralelas e opostas. Paréceme moi enxeñoso.

Ademais, achéganos unha mensaxe a través da vida de Rañolas: de loita, inconformismo e protesta nunha sociedade chea de escollos a vencer, onde o conformismo é dar as costas á realidade.

Penso que a idade axeitada para comezar a lectura desta obra é a partir dos 12 anos, xa que, aínda que está formado por 44 capítulos curtos que fan cómoda a lectura, coido que é un libro un pouco difícil de ler polo seu galego non normativo e a profundidade da mensaxe.

Recomedado por ALBA FERNÁNDEZ SOUTO (4º A)

 

Algúns capítulos poden lerse na rede desde a páxina do Museo Castelao.

Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro

 

longa noite de pedra

 

 

Autor: Celso Emilio Ferreiro

Título: Longa noite de pedra

Editorial: Xerais

 

É unha obra poética escrita por Celso Emilio durante e despois da Guerra Civil española. Nos seus poemas reflicte a situación do país durante a ditadura e o sentimento do autor nese momento.

Consta de 61 poemas, nos que se distinguen dúas grandes liñas temáticas:

  • Denuncia social e crítica, predominante na obra, onde fala da explotación á clase obreira, da morte de inocentes, da guerra, etc. Apréciase a influencia de Marx.
  • Intimista, onde recorda a súa infancia e tempos mellores.

Recomendaríallo a quen lle interesen libros de temática social.Tamén pode ser relevante para a elección desta obra o feito de que a súa publicación foi un acontecemento importante e tivo gran influencia en moita xente pola súa crítica á sociedade.

Suxerido por Laura Sánchez Santiago (2º BAC B)

 

Tamén se poden ler os poemas na rede.

Para escoitar musicado o poema que lle dá título: Son de poetas.

El síndrome de Mozart, de Gonzalo Moure

síndrome mozart
Autor: Gonzalo Moure
Editorial: Gran Angular

Recomendábel libro porque podes aumentar os teus coñecementos sobre esta enfermidade e tamén podes sentirte identificado/a con algúns dos personaxes.
Recoméndollo a quen lle guste ler moito. Creo que a idade máis adecuada é a dunha persoa de 15 anos para arriba.

Sara López Pérez (1º ESO A) 

Anxos en tempos de chuvia, de Vázquez Freire

anxos en tempos de chuvia
 Recomendación en podcast tertuliano realizada por Raquel, Natalia, Tamara e Jéssica (4ºA)


Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste

 

dos arquivos do trasno

 

Autor: Rafael Dieste

Título: Dos arquivos do trasno

Editorial: Galaxia

O libro consta de vinte relatos de temática variada, con predominio da intriga e o medo. Ten chamadas ao lector, as cales fan que te introduzas na historia e comprendas a agonía do personaxe.

Están escritos de maneira moi variada; por exemplo, no que se refire á estrutura, temos relatos circulares, relatos dentro de relatos e abundancia de finais abertos, o que fai que haxa posibles interpretacións.

Recomendariamos esta colección de relatos a quen lle gusten as historias curtas e que fagan reflexionar sobre o contido. Por outro lado, teñen que ser persoas con boa comprensión lectora ou cunha certa idade. Non recomendariamos o libro a xoves menores de quince anos, xa que ten unha interpretación un pouco complicada e non saberían aprecialo.

Suxerido por Lucía Santiago Caamaño e Fátima Romero Fontao (2º BAC B)

Máis, en Praza das Letras

Relato O neno suicida na Biblioteca Virtual Galega

Na noite estrelecida, de Ramón Cabanillas

Portada de Na noite estrelecida
Escalibor

Autor: Ramón Cabanillas

Título: Na noite estrelecida

Editorial: Xerais

Recomendamos este libro porque, sendo poesía, é fácil de ler e, así, de comprender. Ademais, achéganos unha historia coñecida por todos, a do rei Artur e os cabaleiros da Táboa Redonda; é dicir, a materia da Bretaña trasladada a Galiza.

É unha historia moi curta e bastante amena, dividida en tres capítulos que tratan sobre o nomeamento do rei cando este consegue a súa espada, que se atopaba incrustada nunha pedra, a busca do Santo Grial e, por último, a morte do rei e a paz en Camelot.

Recomendariamos este libro a calquera persoa que queira ler algo de poesía e non estea moi acostumado a facelo; porque se trata, como xa dixemos antes, dunha historia coñecida e que, polo tanto, pode entenderse ben. Tamén lles podería pracer ás persoas ás que lles gustan os libros que reivindican Galiza e a súa orixe céltica, xa que Cabanillas ambienta a obra nisto.

Suxerido por Alba Varela Domínguez e Laura Sánchez Santiago (2º BAC B)

Máis, na Galipedia.

Unha escolma en internet, na Biblioteca Virtual.

Powered by Drupal - Modified by Danger4k