Normalización lingüística

Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego

Amosamos o noso apoio ao manifesto promovido hai uns meses por un amplo grupo de persoas de diferentes ámbitos da sociedade, coa colaboración da Mesa pola Normalización, en defensa da igualdade de dereitos para o galego.

Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galego

Ese texto continúa a estar en vigor, máxime cando o goberno anuncia a súa pretensión de desmantelar puntos básicos da oficialidade do galego, como a existencia de escolas infantís que impartan nesta lingua (as Galescolas), o decreto que regula un mínimo do 50% do ensino en galego ou a lei que sinala que os nomes de lugar do noso país terán como forma oficial a galega. Estas medidas, ademais de suporen o perigo dunha confrontación indesexábel e dunha fractura social, van contra acordos unánimes do Parlamento e vulneran o espírito e a letra do artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos.

Nos últimos meses, repetiuse desde diferentes grupos de poder a falaz idea de que hai un proceso de “imposición del gallego”, presentando, con cinismo, o mundo ao revés. A realidade do día a día e todos os estudos sobre o tema desmontan esa mentira. Así, o Consello de Europa advertiu nun contundente informe de finais de 2008 que en Galiza non se están a cumprir tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos e que non hai garantías mínimas para este idioma en sectores tan importantes como o ensino, os servizos públicos, a xustiza ou os medios de comunicación. Así mesmo, a Real Academia Galega vén de publicar un estudo sinalando que en doce anos se reduciu á metade a cantidade de persoas que fala habitualmente en galego.

 

17maio

 

É preciso traducir as persoas portuguesas na TVG?

Desde hai uns meses a correspondente da TVG en Portugal “traduce” as declaracións dos portugueses, a quen non podemos escoitar. Tratándose do mesmo sistema lingüístico, con pequenas variantes e un sotaque (acento) diferente, non parece en absoluto preciso facer tal cousa, cando ademais convén abrirnos aos diferentes espazos lingüísticos.

Antes, a práctica habitual na TVG era a de permitir ouvir as voces dos entrevistados subtitulando só as declaracións que podían ser de difícil percepción. O significado desta nova política da nosa televisión pública é clara: o galego non serve alén Minho. Como sabemos que isto é falso, desde as CiberIrmandades da Fala anímannos a enviar o seguinte prego esixindo unha rectificación inmediata.

Tras a semente rss dos nosos sitios

Podémolos seguir conxuntamente aquí.

 


 

Demanda de emprego do galego en MONBUS

 

traseira bus Monbus

 

Se usas ou usaches algunha vez o transporte colectivo para desprazarte polo país, é  seguro que subiches a algún autobús da empresa Monbus.

Esta empresa orixinaria de Monforte aspira a converterse no primeiro grupo de transporte do Estado e para iso recibirá unha axuda do IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica) de 6 millóns de euros. Mais, a pesar de ter nacido e medrado en Galiza, e ter entre as galegas/os a
canteira fundamental de clientes, esta empresa segue sen empregar o galego ou facéndoo moi timidamente, tanto na publicidade como na súa páxina web, onde non existe.

Desde as CiberIrmandades da Fala anímannos a que lles enviemos o seguinte prego pedíndolles que galeguicen a atención ao cliente, tanto a nivel telemático como presencial.

Viaxemos coa lingua!

Tes dereito a unha atención en galego

atención en galego

 

É o lema dunha campaña informativa e de animación a exercer o dereito de, non só usar, senón de ser atendido/a na nosa lingua en calquera relación coa Administración ou empresa pública e que vén de ser lanzada pola Mesa pola Normalización.

O seu presidente, Carlos Callón, explicou na presentación da campaña que “é un dereito da cidadanía que a Administración ten obriga de garantir, porque o galego é a lingua propia de Galiza e debe ser oficial a todos os efectos” ao que engadiu que “calquera persoa debe ter garantido o dereito a poder desenvolver a súa vida en galego”.

Segundo afirmou Callón, “ademais da veciñanza, tamén son destinatarios os traballadores e traballadoras destas entidades que teñen que garantir este dereito da cidadanía".

Entre os consellos aos cidadáns que queiran facer as súas xestións en galego, destaca o de non perder en ningún momento o sorriso, en torno ao cal se centra o deseño gráfico da campaña.

“Se mesmo despois de o solicitarmos non podemos continuar coa xestión en galego, o mellor é non entrarmos en discusións de ningún tipo nin perder os nervos ou o tempo. Trátase simplemente dun dereito e de que hai que aplicar a Lei”, indican os folletos que van a comezar a distribuírse no Concello de Ames.

Como solución, explícase que “unha opción é solicitar que nos atenda outro traballador ou outra traballadora que si saiba galego. Se iso non for posíbel ou implica tempo de agarda ou algunha outra dificultade, podemos continuar coa xestión e, posteriormente, realizar unha queixa por escrito na Administración ou empresa correspondente”.

Ademais, neste caso pódese chamar á Liña do Galego no 902 10 64 74, un servizo de recepción de queixas sobre vulneración de dereitos lingüísticos que ofrece A Mesa, tamén dispoñíbel no correo elecrónico linhadogalego@amesanl.org.

Referencias fundamentais

 

Carta europea das linguas

Aprobada polo Comité de Ministros do Consello de Europa, nela os estados europeos asinantes compreméntese, entre outras puntos, a recoñecer as diferentes linguas que hai no seu territorio, a respectar as linguas europeas minoritarias en cadanseu marco xeográfico, a defender e promover o seu ensino e uso, e a suprimir calquera discriminación que teña a lingua por obxecto. Foi ratificada por España en 2001.



Lei de Normalización Lingüística

A Lei 3/1983, do 15 de xuño de Normalización Lingüística (D.O.G.: 14/7/83), desenvolve os aspectos legais relacionados co uso e aprendizaxe do galego no ámbito da Comunidade Autónoma.


Plano Xeral de Normalización Lingüística

Aprobado polo Parlamento galego por unanimidade, en setembro de 2004, aínda non foi obxecto de desenvolvemento regulamentario, mais nel recóllense as liñas mestras que deben rexer a política lingüística en Galiza durante os próximos anos.


Decreto 124/2007, do 28 de xuño,
polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo

Como consecuencia do desenvolvemento do Plan xeral de normalización, en xuño de 2007 publicouse este Decreto que regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo. Neste ano académico estámolo a estrear.

Powered by Drupal - Modified by Danger4k