| Localización.
A vila da Pobra é a capital do concello e sitúase fronte á ría, ocupando practicamente o litoral dende San Lázaro ata a Praia dos Areos. É o resultado da unión das antigas vilas do Caramiñal e Pobra do Deán, comprendendo as dúas parroquias de Santa María e Santiago. Confina o termo: ó Norte e Oeste, separado pola Serra da Barbanza, co Concello do Son, ó Sur co de Ribeira, dividido por alturas e o arroio de Esteirón antes mencionado, e ó Leste ca ría e o Concello de Boiro, correndo entre ambos o regato Trabe, que morre na enseada así nomeada. |
| Dende o punto de vista topográfico, a Vila ocupa a zona de menor pendente do Concello, existindo deica os seus estremos, San Lázaro e Xobre, desniveles significativos.
O núcleo central, que se corresponde ca zona máis antiga da Vila, caracterízase polas súas mazás de reducidas dimensións, características de asentamentos mariñeiros, nas que o exiguo parcelario foi asimilando edificacións de maiores alturas, ata chegar a configurar o centro actual con edificacións de ata baixo e catro andares Existen, asemade, edificios dunha grande valor arquitectónica que configuran, xunto co viario e prazas existentes, un conxunto de grande valor histórico. Os equipamentos comunitarios e espacios libres existentes na Vila sitúanse practicamente na súa totalidade na zona gañada ó mar hai xa moitos anos, e aseguran unha oferta importante de servicios ós habitantes da Pobra. O concello da Pobra consta de catro parroquias que distribúen así a superficie do termo: Xobre............................. 400 ha. Lesón...........................1.440 ha. Posmarcos.....................1.040 ha. Pobra............................. 440 ha. TOTAL...........................3.320 ha. |
|
|
Topografía No terreo do termo municipal da Pobra, consideráronse dúas zonas ben diferenciadas: unha cha, que constitúe unha franxa dun largo de 2.000 metros paralela á costa, e outra montañosa (o resto do termo municipal) cara á Serra da Barbanza no límite co Concello do Porto do Son. Dunha análise altimétrica, podemos agrupa-los terreos en tres zonas: terreos paralelos á costa comprendidos entre as cotas 0 e 200 metros (parroquias do Xobre, Pobra e parte das de Lesón e Posmarcos), zona de terreos comprendidos entre 200 e 400 metros de altitude, na faldra da Serra da Barbanza (Lesón e Posmarcos) e unha terceira zona, por riba da cota 400 metros sita ó Norte do Concello e que constitúe as cotas máis altas da Serra da Barbanza, con puntos de altitude considerable como o do Barbanza (650 metros), Os Forcados (618 metros), A Curota (498 metros) e outros. |
|
Concas hidrográficas O terreo, que é fértil e de boa calidade, está regado por varias correntes. Sobresaen os ríos Pedras e Barbanza, o Lérez e os arroios Atalaia ou Mirandela, Rego, Calzada, Esteirón e o de San Roque, procedentes das vertentes da Serra. Estes ríos desembocan todos na ría da Arousa, excepto o Esteirón, que na súa práctica totalidade delimita a este concello co de Ribeira, desembocando na Praia do Esteiro. |
|
Vías de comunicación A Pobra do Caramiñal tén unha posición privilexiada dende o punto de vista das comunicacións terrestres. Por unha banda a estrada comarcal C-550 (Fisterra – Tui) chega á Pobra do Caramiñal a 34 quilómetros da autoestrada do Atlántico (A-9), dende Padrón e a 55 quilómetros dende Santiago. Nesta mesma estrada (C–550) existe a posibilidade de coller un desvío en Padrón que nos achegará a través da vía de Alta Capacidade do Barbanza (VR-G 11). Dúas empresas de autobuses de liña cobren a distancia co concello de Ribeira, unha das cales tamén cobre o percorrido ata Santiago. Outra empresa cobre a liña Pobra – Noia pasando polo concello de Boiro. No caso de non querer facer uso das estradas, no verán un circuíto de vapores de pasaxe une as dúas marxes da ría, atracando no porto de Ribeira, a 8 quilómetros da Pobra. Ademais, A Pobra dispón dun importante porto comercial (o de maior volume de descarga de túnidos de toda Europa) así como dun dos mellores portos deportivos de toda Galicia. |