Amosamos o noso apoio ao manifesto promovido hai uns meses por un amplo grupo de persoas de diferentes ámbitos da sociedade, coa colaboración da Mesa pola Normalización, en defensa da igualdade de dereitos para o galego.
Nos últimos meses, repetiuse desde diferentes grupos de poder a falaz idea de que hai un proceso de “imposición del gallego”, presentando, con cinismo, o mundo ao revés. A realidade do día a día e todos os estudos sobre o tema desmontan esa mentira. Así, o Consello de Europa advertiu nun contundente informe de finais de 2008 que en Galiza non se están a cumprir tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos e que non hai garantías mínimas para este idioma en sectores tan importantes como o ensino, os servizos públicos, a xustiza ou os medios de comunicación. Así mesmo, a Real Academia Galega vén de publicar un estudo sinalando que en doce anos se reduciu á metade a cantidade de persoas que fala habitualmente en galego.
