Adverbios de tempo e conectores temporais:
- onte, antonte, hoxe, mañá, pasadomañá, onte á noite...
-
antes, outrora, agora, arestora, despois, máis tarde...
-
pouco antes, logo, axiña, tarde...
-
sempre, decote, nunca
-
xa, aínda, entón, daquela
-
cando, mentres, mentres tanto
-
a continuación, de alí a pouco, deseguida, a deshora, ao mesmo
tempo, a miúdo, ás veces, de súpeto, ao momento, neste instante, ao outro día, ás veces...
-
pola mañá, ao mediodía, pola tarde, pola noite, ao
espertar, ao chegar, ao saír, unha vez que entrou, meses
máis tarde, a continuación, por último...
Fíxate neste exemplo:
- A estatua
- Cansa xa de levar trinta anos á intemperie, un domingo á tarde,
a estatua do prócer do lugar flexionou as pernas
(notábaas ríxidas por causa de todo ese tempo de
inanición) e dun salto baixou da peaña. Camiñou
pola praza tratando de a recoñecer. Pero viu que as
árbores eran outras (máis vellas), o chan empedrado era
outro (máis gastado) e o branco das casas era outro (máis
pálido). Incluso o silencio semellaba ser novo alí, pois
ela lembraba o bulicio da praza, e recordaba os nenos e os papás
e as mamás, e recordaba as pombas, e recordaba os bicos
agochados dos amantes tras das árbores.
- De súpeto,
dunha esquina viu xurdir unha figura e a estatua aledouse. Foise
agochar detrás dun tileiro e observou como un vello cruzaba
amodiño a praza, apoiado nun caxato e rosmando. Viu tamén
como miraba para o espazo agora baldeiro que ela levaba trinta anos ocupando e sentiulle dicir: Ti tamén, ti tamén tiñas que marchar?
- Naquel instante, a estatua do prócer coidou que elixira mal momento para baixar e, mentres
o vello desaparecía polo fondo da praza apoiando aínda
máis o corpo no bastón, arrimouse ao pedestal e cun salto
(ben áxil, de o comparar con aquel primeiro con que descendera)
instalouse de novo no seu sitio.
- Botaría outros trinta anos antes de volver baixar, ou corenta, quedou pensando.
- RAFA VILLAR: "A estatua", en VV.AA.: Mini.relatos.
Estes elementos tamén soen ser necesarios se se queren marcar rupturas na orde cronolóxica:
- Saltos cara ao pasado (flashbacks) que relatan acontecementos anteriores ao presente narrativo.
- Saltos cara ao futuro (anticipacións) que adiantan acontecementos posteriores ao momento no que se narra.
Velaquí ambos (cunha variación temporal pequena):
- Os domingos é cando máis tocan as campás da igrexa. Insoportable. Xa dende primeira hora non paran. Acordo sobresaltado. Asustado.
- Hoxe si que non lembro nada do día anterior. Estou nunha
cama que non é a miña cama, sinto nos ollos a claridade
que entra pola fiestra e sinto algo máis contra as miñas
costas. Alguén dorme á par de min. Dóeme todo o
corpo.
- Vai para tres días que apenas paso pola casa. Tanto ten. Ninguén me bota de menos. Mais
mañá é luns e hai que volver ao traballo. Ordenar
facturas de gastos por data e por proveedor; as facturas de cliente por
cliente, por número, por data e por concellos; prender o
ordenata e procesar as facturas no programa de contabilidade, unha por
unha, sen trabucarse. Primeiro proveedores, logo clientes. A orde
é fundamental. Todo ben ordenadiño, todo arquivado, para
ben de levar todo dereitiño. Ao rematar, estudar os resultados,
os balances, as perdas e as ganancias e cadrar os correspondentes
beneficios ao mínimo, coas trampas de costume, para llo
presentar todo ao xefe limpiño e encadernadiño.
Dereitiño. Odio a contabilidade, merda de finanzas merda.
- KIKO NEVES: Un baile de moscas.