Concursantes. Poderá participar todo o alumnado maior de 12 anos e menor de 18 que estea matriculado nalgún dos catro cursos da Educación Secundaria Obrigatoria nun instituto ou colexio da Mariña Luguesa.
Xurado. Os membros do departamento de matemáticas do IES Porta da Auga constituirán o xurado. As súas decisións serán inapelables.
Grupos. Os participantes quedarán divididos en dous grupos, un deles correspondente aos alumnos de primeiro ciclo da ESO (cursos 1º e 2º) e o outro aos alumnos de segundo ciclo (3º e 4º de ESO).
Fases do concurso. O concurso constará de dúas fases: a primeira a través da web e a segunda presencial.
- Fase WEB.
- Publicación de boletíns. De forma periódica (ver calendario), publicarase nesta web o boletín de problemas para resolver no prazo establecido. Tamén se publicarán as solucións de boletíns anteriores e os resultados acadados polos participantes.
- Solucións: Cada alumno/a presentará unha solución única a unha ou máis cuestións de cada boletín. As respostas deben ser claras, concisas e suficientemente razoadas. A participación no concurso non implica a presentación de solucións a todos os boletíns. Pódense presentar solucións totais ou parciais a todos ou só algúns dos boletíns.
- Entrega das solucións. As solucións poden facerse chegar ao IES Porta da Auga por calquera das seguintes vías:
- Por e-mail a: ies.porta.auga@edu.xunta.es, indicando en asunto "Concurso As Mates Molan". As solucións incluiranse nun documento adxunto de formato doc. No texto do correo indicarase o nome e apelidos, curso e instituto ou colexio no que cursa a ESO.
- Por correo ordinario a: IES Porta da Auga, departamento de matemáticas, Avd. de Luarca, s/n. 27700, Ribadeo, Lugo. Redactaranse en papel DIN A4 e no remite figurará o nome e apelidos, curso e instituto ou colexio no que cursa a ESO.
- Fase presencial.
- Convocatoria. Convocarase a esta fase aos/ás participantes que acaden unha puntuación total de 20 puntos se cursan 3º ou 4º de ESO e 15 puntos se cursan 1º ou 2º. De non acadar estas puntuacións polo menos dous participantes, o xurado escollerá aos cinco mellores de cada grupo.
- Lugar. IES Porta da Auga.
- Proba. consistirá nunha única proba de resolución de exercicios similares aos propostos na fase web nun tempo máximo de dúas horas. Haberá dúas probas distintas: unha para os/as clasificados de 1º e 2º de ESO e outra para os/as de 3º e 4º.
- En caso de empate resultará gañador/a quen acadara maior puntuación na fase WEB. Se persiste o empate gañará quen presentara maior número de boletíns. Se aínda así persiste o empate dividirase o premio á metade.
Puntuación. Cada boletín da fase web constará de 4 preguntas, que tratarán de traballar diferentes aspectos da competencia matemática. Cada pregunta puntuarase de 0 a 2 puntos, a intervalos de 0,5. A falta de explicacións á solución pode invalidar totalmente o resultado. Polo contrario, pode puntuarse unha exposición correcta cun resultado erróneo. No caso da fase presencial, a puntuación asignada a cada pregunta figurará na mesma proba.
Publicación de solucións. Os nomes dos concursantes, as puntuacións acadadas e as mellores solucións aportadas poderán publicarse nesta web.
Premios. Establécense dous premios, un para os participantes de 1º e 2º de ESO e outro para os de 3º e 4º, que acaden maior puntuación na proba presencial, consistentes en diplomas acreditativos e 100 € en vales de compra.
Aceptación das bases. A presentación ao concurso leva implícita a aceptación de todas estas bases, así como as decisións e fallos do xurado, e todo isto sen necesidade de novos requisitos.