
COMPETENCIAS BÁSICAS
Nos últimos anos cobrou importancia a figura das competencias básicas, xurdidas a partires de propostas da Unión Europea, nas que se basea o espírito da última Lei Orgánica de Educación (LOE). As competencias básicas son, a grandes rasgos, as capacidades de poñer en práctica, en contextos e situacións diversas, as habelencias e actitudes persoais adquiridas ao longo do tempo. A súa inclusión no currículo obedece á intención de remarcar desde unha perspectiva integradora os saberes adquiridos nas diferentes disciplinas así como outras aprendizaxes básicas de realización persoal e social básicas para unha incorporación satisfactoria á vida adulta.
Os textos legais recollen as seguintes oito competencias básicas, das cales expoñemos brevemente unha pequena descrición:
-
Competencia en comunicación lingüística.
Utilización da linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita, construción do pensamento, representación, interpretación e comprensión da realidade.
-
Competencia matemática.
Capacidade para utilizar e relacionar os números, realizar operacións básicas, empregar símbolos para producir e interpretar información de tipo cuantitativo e espacial da realidade, así como resolver problemas relacionados coa vida cotiá.
-
Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.
Interacción con aspectos naturais como derivados da acción humana, comprensión e predición das súas consecuencias, preservación das condicións da vida propia e do resto dos seres vivos.
-
Tratamento da información e competencia dixital.
Habilidade para buscar, obter, procesar e comunicar información mediante varios soportes, incluidos os prestados polas novas tecnoloxías, para a súa transformación en coñecemento.
-
Competencia social e cidadá.
Comprensión da realidade social en que se vive, cooperación, convivencia, toma de decisións, responsabilidade e participación nunha cidadanía democrática dentro dunha sociedade plural.
-
Competencia cultural e artística.
Apreciación do feito cultural e artístico en xeral, a través do coñecemento e valoración crítica de diferentes manifestacións culturais, artísticas e deportivas como parte do patrimonio dos pobos, para utilizalas como fonte de enriquecemento e desfrute.
-
Competencia para aprender a aprender.
Habilidade para iniciarse na aprendizaxe e/ou posterior continuación da mesma de xeito cada vez máis eficaz e autónomo, seguindo os propios obxectivos e necesidades.
-
Autonomía e iniciativa persoal.
Concienciación e aplicación dun conxunto de valores e actitudes persoais interrelacionadas, entre as que destacan a responsabilidade, autoestima, creatividade, autocrítica, control emocional e capacidade de aprender dos erros e a toma de decisións.
Tal e como figura nas bases deste concurso, cada unha das probas pretende activar diversas habelencias e capacidades matemáticas nos concursantes. A natureza especialmente matemática desta actividade implica un estudo máis a fondo da competencia matemática, que establecemos a continuación:
►Competencia matemática
Seguindo os textos lexislativos vixentes así como outros estudos como a iniciativa PISA, determinamos que a competencia matemática a partir dos seguintes grupos (interrelacionados) de capacidades e destrezas:
-
Pensar e razoar.
- Formular preguntas e razoamentos lóxicos.
- Coñecer as respostas ofrecidas polas matemáticas.
- Diferenciar entre diferentes tipos de enunciados: definicións, proposicións, conxecturas,...
- Entender e utilizar os conceptos matemáticos.
- Analizar criticamente diversas situacións e/ou resultados.
- Saber integrar coñecementos adquiridos.
- Xeralizar e particularizar resultados.
-
Argumentar.
- Crear e expresar argumentos, hipóteses e conxeturas.
- Establecer un plan de traballo, revisalo e adaptalo.
- Saber probar e comprobar resultados e afirmacións matemáticas.
- Seguir e valorar cadeas de argumentos matemáticos de diferentes tipos.
- Decatarse do rango de posibilidades nun razonamento.
-
Comunicar.
- Expresar contidos matemáticos, de forma oral e escrita, con claridade e precisión.
- Entender enunciados en forma oral e escrita.
- Ler comprensivamente textos matemáticos.
- Buscar e obter información por medios audiovisuais e as TIC.
-
Modelar.
- Estruturar a situación en estudo.
- Traducir a realidade á estrutura matemática.
- Interpretar modelos matemáticos en termos da realidade.
- Controlar, dirixir e traballar con modelizacións matemáticas.
- Reflexionar sobre a validez dun modelo e dos seus resultados.
- Comunicar e explicar un modelo, atendendo ás súas posibilidades e limitacións.
-
Resolver problemas.
- Formular e definir unha variedade de problemas de tipo matemático.
- Resolver problemas matemáticos mediante diversas vías.
-
Representar.
- Decodificar, interpretar e distinguir diferentes tipos de representacións matemáticas.
- Relacionar situacións reais cos seus correspondentes modelos.
- Escoller a mellor das posibles representacións atendendo á situación e o propósito.
-
Utilizar a linguaxe formal e simbólica.
- Entender as relacións da linguaxe formal das matemáticas coa linguaxe natural.
- Traducir entre os dous tipos de linguaxes, tanto formal como natural.
- Escoller a linguaxe axeitada a cada situación.
- Manexar enunciados e expresións que conteñan símbolos e fórmulas.
- Realizar satisfactoriamente operacións e algoritmos con diferentes tipos de números.
- Entender a utilidade e interpretación de cada operación.
- Utilizar variables, resolver ecuacións e comprender os cálculos e os resultados.
►O concurso e as competencias
Aínda que poderían atoparse características en común coas diversas habilidades anteriormente expostas, destacamos as seguintes contribucións do concurso de cara ao traballo das competencias básicas:
-
Competencia matemática Obviamente, mediante os pasos que levan á solución dun problema, tales como o seu plan de resolución, os instrumentos empregados, os razoamentos construidos, a reflexión da validez dos resultados e a súa explicación.
-
Competencia lingüística Os participantes aprenden a verbalizar os conceptos e a facer explícitas as súas ideas cando teñen que plasmar a solución dos problemas propostos.
-
Tratamento da información e competencia dixital O funcionamento do concurso a través de internet promove o uso das novas tecnoloxías.
-
Autonomía e iniciativa persoal. A propia participación e presentación de solucións implica desenvolver unha decisión persoal.
-
Competencia para aprender a aprender Ao avanzar na resolución dun problema, aínda que non se chegue á solución final, fai que a autoestima mellore, así como que se desenvolva unha aprendizaxe autónoma. Isto valórase nas puntuacións dos problemas, non tendo en conta soamente o resultado senón o camiño seguido para acadalo.

|