A formación Profesional Específica comprende un conxunto de ciclos formativos que se organizan en módulos profesionais, de formación teórica-práctica e cunha duración que estará en función da natureza da competencia profesional característica do título correspondente.

A finalidade da formación profesional no ámbito do sistema educativo é a preparación do alumnado para a actividade nun campo profesional e a súa capacitación para  o desenvolvemento cualificado das diferentes profesións, proporcionándolle unha formación polivalente que lle permita adaptarse ás modificacións laborais que se poidan producir ao longo a súa vida.

A FORMACIÓN PROFESIONAL DE GRAO MEDIO

Pódese acceder de forma directa se cumpren determinadas condicións, ou mediante unha proba para a que se reserva o 20% das prazas.

Condicións de acceso directo

Para poder cursar estudios de ciclos formativos de grao medio, o alumno debe reunir algún dos seguintes requisitos:

  • Posuír o título de graduado en educación secundaria.
  • Posuír o título de técnico auxiliar.
  • Posuír o título de técnico
  • Ter aprobado o segundo curso de bacharelato unificado polivalente (BUP)
  • Ter superado o segundo curso do primeiro ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias (REM).
  • Ter superado o terceiro curso do plan de 1963 das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos.
  • Ter superado o segundo curso do plan experimental.
  • Ter superados outros estudios declarados equivalentes, para efectos académicos, con algúns dos anteriores
Acceso mediante proba

Nesta proba de acceso, o aspirante deberá acreditar os coñecementos e habilidades suficientes para cursar con proveito as devanditas ensinanzas. A proba consta de dúas partes diferenciadas, unha de carácter sociocultural e unha de carácter científico-tecnolóxico.

Poden concorrer ás probas aquelas persoas que teñan cumpridos 18 anos ou que os cumpran no ano en que se realicen as probas. Non obstante, os que non teñan esta idade poden concorrer ás probas se teñen superado un programa de garantía social.

Duración dos ciclos

A duración destes ciclos é de entre 1300 e 2000 horas de formación, que se reparten entre o  centro educativo e o centro de traballo.

Titulación

A titulación que o alumno obtén logo da superación do ciclo formativo de grao medio é a de técnico na correspondente profesión, coa que pode acceder o mundo laboral.

FORMACIÓN PROFESIONAL DE GRAO SUPERIOR

Pódese acceder de forma directa se se cumpren determinadas condicións, ou mediante unha proba para a que se reserva o 20% das prazas.

Condicións de acceso directo

Para poder cursar estudos de ciclos formativos de grao superior, requirirase cumprir  algún dos requisitos seguintes:

  • Posuír o título de bacharelato.
  • Ter superado o segundo ciclo da reforma das ensinanzas medias (REM).
  • Ter superado o curso de orientación universitaria ou preuniversitario.
  • Posuír o título de técnico especialista, técnico superior ou equivalente para efectos académicos.
  • Estar en posesión dunha titulación universitaria  ou equivalente.
Acceso mediante proba

Poden acceder mediante proba as persoas que non reúnan os requisitos académicos e teñan cumpridos 20 anos de idade, ou os cumpran no ano de realización da proba. No caso de posuír o título de técnico, para acceder mediante proba a un ciclo de grao superior da mesma familia profesional, o requisito de idade é de 18 anos.


A proba constará dunha parte xeral e dunha parte específica. Esta última versará sobre a materia ou materias de bacharelato relacionadas co campo profesional do ciclo formativo ao que se opte.

Duración

A duración oscila entre 1300 e 2000 horas repartidas entre o centro educativo e o centro de traballo.

Titulación

A titulación obtida polo alumnado logo da superación dun ciclo formativo de grao superior é a de técnico superior na correspondente profesión, coa que pode acceder o mundo laboral.
A titulación de técnico superior permite acceder directamente a estudios universitarios relacionados coa profesión estudada.

Os títulos de formación profesional específica de grao superior, en determinados títulos, poderán validar créditos nalgunhas das titulacións universitarias de primeiro ciclo que se impartan nas universidades galegas.