LINGUA E LITERATURA

 

  UNHA DE LÉXICO

 

A VIDE/A VIDEIRA

 

XUSTIFICACIÓN

Malia a vivir nunha bisbarra onde tradicionalmente se cultiva a vide, a maioría dos nosos alumnos descoñece o léxico referido á mesma.

OBXECTIVOS

            - Coñecer e fixar a nomenclatura galega da vide e os seus órganos.

            - Recoller os mesmos nomes en castelán.

            - Solicitar dos outros centros participantes no proxecto Comenius o mesmo vocabulario.

            - Publicar os resultados coa nomenclatura nas distintas linguas.

PROCEDEMENTO

            - Entrega a cada alumno dunha ficha co debuxo dunha vide na que se sinalarán os órganos.

            - Preguntar os nomes a viticultures.

            - Trasladar a cada centro participante do proxecto Comenius a mesma ficha.

            - Tubulación dos resultados e publicación dos mesmos.

RESULTADOS

Nos nomes en galego costátase o uso de castelanismos para algúns órganos. Case o 40% emprega racimo e mesmo resimo no lugar de acio.
Un 24% identifica o talo ou tronco con cepa.
A totalidade usa correctamente raíz e folla.
Por deficiencia no debuxo entregado o 70% non sinalou os gabians e o 60% a xema.
Hai tamén dúbidas na identificación do ladrón ou vide brava. Un 48% usa correctamente o primeiro termo, un 9% o segundo e o resto confundeo cunha baixa ou con outra vide ou vidra.
As ramas noméanas vide o 85% e vidra un 4%. Tamén se recolleron os termos labor ou torno 3%, rama 3%, bara, barelo, poula e pola.
Con respecto ó froito o 93% identifícao como uva e o 7% como bago.
Existe case unanimidade no recoñecemento do cadrazo (98%). Non así no rabo que une a uva ó cadrazo: rabo, rabicho 44%, cano, canoto, cañoto o 54%.
Referíndose á semente utilizan este nome o 8% e o resto repártese a partes iguais entre pebida e o castelanismo pepita.
Pel/tona é o termo utilizado por un 73%, pelica o 22% e o castelanismo piel, monda o resto.
 

                                     

 

 

 

  OUTRA DE TRADICIÓN ORAL

 

XUSTIFICACION DA ACTIVIDADE: as múltiples experiencias adquiridas no cultivo da vide e na elaboración do viño polos nosos labregos, recolleuse en ditos, refráns, cantigas e adivinas que están a piques de perderse ó ir desaparecendo os falantes que as empregaban.

Obxectivos:

-         Recoller toda clase de testemuñas orais referidas a vide e o viño

-         Coñecer e valorar o noso patrimonio cultural inmaterial.

Procedemento:

-         Entrevista ós labregos máis vellos

-         Publicación dos resultados

 

 

    

 

          CALENDARIO DE TRABALLOS.

 

 

 

Cos refráns recollidos establécese un calendario anual arredor do cultivo da vide e a elaboración do viño. Nel teñen unha marcada influencia as principias festas relixiosas cristiás:

·        Poda en xaneiro, vendima no sombreiro.

·        Se chove en San Antón de xaneiro (17) pipas ao fumeiro, senón pipas ao canteiro.

·        Se chove en febreiro bota as pipas ao quinteiro.

·        Se non chove en febreiro van as pipas ao canteiro.

·        Febreiro uvas dá; senón as deu xa as dará.

·        O que en marzo non poda perde a vendima toda.

·         Gomo de marzo, non vai ao cabazo.

·        Se no marzo ves tronar arroba cubas e lagar.

·        En abril xa só poda o labrego ruin.

·        Abril frío: moito pan e pouco viño.

·        Agua en San Xoán (24.06) mata o viño e non fai pan.

·        Por Santa Mariña (18.08) mira a túa viña, así como a verás, así a vendimarás.

·        Chuva de agosto, mel e mosto.

·        En agosto, nin viño nin mosto.

·        Polo San Mateu (24.09) vendima ti, vendimo eu.

·        San Miguel (29.09) das uvas tarde ves e pouco duras.

·        Polo San Miguel uvas ó tonel.

·        Polo San Migueliño a uva pinta no viño.

·        Polo Pilar, (12.10) nabos á terra e viño a envasar.

·        Polo San Simón (28.10) apreta [tapa] o baldón.

·        Polo San Martiño (11.11) nin fabas nin viño.

·        Polo San Martiño zapa o teu viño.

·        Polo San Martiño abilla o teu viño.

·        No San Martiño xa se coñece o bo viño

·        Polo San Martiño mátase o porco e próbase o viño

·        Ata San Martiño ferve o viño

 

              

 

    OUTROS traballos e consellos:

 

 

 

 

·        O vello pon a viña, o mozo vendímaa

·        Nin viña no baixo, nin trigo no cascallo.

·        Abona forte, poda curto e ara fondo, xa verás como tés viño e pan abondo.

·        Vendima enxoito se queres  coller bo mosto.

·        Se viño queres beber, podar tes que saber.

·        Amoria madura, pinta a uva.

·        Boca que canta non come uvas.

 

            

 

    VIÑO. Ditos e consellos.

 

 

·       


Baguiño a baguiño, fixo unha vella unha pinga de viño.

·        A colleita faina Deus, pero o viño faino o home.

·        O viño das cepas vellas quenta as orellas

·        O viño e a muller búrlanse do saber.

·        O pan con ollos, o queixo sen ollos e o viño que salte ós ollos.

·        Cando o viño anda polos lagares, beben os homes e máis os rapaces; cando o viño está dentro, beben os homes e os rapaces vento.

·        O que con viño se deita, con agua se levanta.

·        Días de viño, vésperas de auga.

·        Con pan e viño ándase[ou lévase, pásase, anda calquera] o camiño.

·        Se tés catarro dalle co xarro.

·        Viño puro e allo crudo fan andar ó mozo agudo.

·        Onde entra o beber sae o saber.

·        Non hai mellor cirurxián  que a boa carne, o bo trago [ou o bo viño] e o bo pan.

·        Nin pote ó lume sen touciño, nin xantar á mesa sen viño.

·        Non hai viño ruin con castañas asadas e sardiñas salgadas.

·        As castañas polo San Martiño teñen sede e queren viño.

·        Santa María, San Manuel castañas asadas e viño con mel.

·        No Nadal, alegría, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote.

·        Por marzo bebe o viño polo vaso.

·        Se bebes para olvidar, paga antes de empezar.

·        Depois de beber cada un dá o seu parecer.

·        A bo viño non hai mal bebedor.

·        Amigo e viño o máis antigo

·        Labrador barallán, non colle viño nin pan

·        Ó pan, pan e ó viño, viño.

·        Ó que bebe viño chéiralle o fuciño.

·        Ó que bebe e non mexa, ó final emborráchase

·        Algo lle falta ó viño que non ten a agulla do caiño

·        Albariño e caíño son os reis do viño.

·        De todo hai na viña do Señor.

·        Morra o conto e veña un neto.

 

               

 

 

    CANTIGAS

 

 

 

Sácate desa ventá

non sexas ventaneira,

a cuba que ten bo viño

non necesita bandeira.

      ......

Este viño que nós temos

naceu nunha cepa torta,

a uns prívalles o sentido

e outros non dan coa porta

      ......

O viño tinto é viño santo

que se dá na cepa torta,

a uns príballes o sentido

e outros non asertan ca porta

      ......

Era o viño, meu ben, era o viño,

era o viño quen a min me falaba,

era o viño, meu ben, era o viño,

era  o viño quen me emborrachaba [que me consolaba]

      ......

Meu amor eu quero viño,

a auga non sei beber,

a auga ten samesugas,

teño medo de morrer.

Inda que vmos de noite

non che vimos de roubar,

vímosche da vendima

vimos de vendimar.

Vimos da vendima,

vimos de vendimar,

vimos da vendima,

vimos de traballar.

      ......

Bebín un viño albariño

por ver se me contentaba [consolaba]

e o viño como era novo

ó ílo beber choraba.

      ......

Manoliño foi ó viño

e rompeu a xerra no camiño,

pobre xerra, pobre viño [mal prá xerra, mal pró viño]

pobre cú de Manoliño [mal pró cú de Manoliño].

      .......

Vendima, vendimadores

na vendima do meu pai.

vendimai e comer uvas [o viño vai na cabaza]

que outra cousa non vos hai [e o pan na cestiña vai]

 

 

 

    CRENZAS E COSTUMES

·       

 

Cando cae o viño da boa sorte.

·        Se se parrea ou poda en martes de Entroido, desátase a viña ou non dá uvas.

·        Non se pode podar con lúa de forza e si na minguante ou lúa nova.

·        Non se pode embotellar o viño con lúa de forza senón bótase a perder.

·        Para trasegar o viño ten que estar a lúa na minguante para que non se turbe ou tolde.

·        Din que a poda inventouna un burro que, ó comer as varas duna cepa, fixo que ó ano seguinte producira máis.

·        En moitos lugares ofréceselles as primeras uvas ós santos: Santa Marta de Ribarteme, Santiago de Rixo, Santa Tegra, San Roque ...

 

 

 

 

    ADIVIÑAS

·       

 

 

Dous irmáns son

un vai a misa

e o outro non

(VIÑO E VINAGRE OU TINTO E BRANCO)

·        Unha vella xorobada,

ten un fillo enredador,

unhas netas moi fermosas

e un xenro predicador

(A VIDEIRA)

·        Estou encarnado e ben maduriño,

Antes do outono de min farán viño

(O ACIO DE UVAS)

·        Unha vella moi arrugada,

Leva no cú unha palla atrancada

(UVA PASA)

 

 

Proxecto financiado polo programa Sócrates da UE