
XEOGRAFÍA E HISTORIA
A FILOXERA
É difícil de
precisar cando chegaron a Galicia as novas sobre esta enfermidade. Hai
referencias en prensa local dos primeiros anos da década dos setenta (1870-79),
pero é moi probable que xa houbese aparecido antes desa data, xa que hai núcleos
en Portugal (Braganza) afectados antes de 1880. É lóxico pensar que dada a
proximidade do foco portugués produciríase un rápido contaxio, dada a intensa
actividade contrabandista entre as dúas marxes da “raia”.
O feito de que un primeiro contaxio
non puxese en alerta ás autoridades puido deberse a que só foron destruídos
poucos viñedos acantonados nos pequenos vales, con augas a Portugal, de
Vilardevós e Riós, áreas moi deprimidas. Tamén o foi Verín onde a vide xa
ocupaba importantes extensións.
Desde estes pequenos focos meridionais
a praga foise propagando a outras áreas da provincia de Ourense, asolando ó seu
paso as terras do Bolo ata chegar ó río Sil e logo a Trives e Quiroga.
Parece que ó chegar ó río Miño a
invasión detense ou ralentízase, sobre todo no seu traxecto cara ó sur.
Tamén en Pontevedra aparece
tardiamente a entrada da praga: fíxase en torno a 1899 na zona de Salvaterra do
Miño e no 1906 en Crecente. En calquera caso e de forma xeral todas as zonas
danadas tardiamente contaban xa coa enorme vantaxe da existencia dunha
infraestructura mínima de loita se ben esta posibilidade non foi a que evitou
unha maior dureza da enfermidade: posiblemente a explicación estea na presencia
duns solos con moita area e maior humidade nas zonas de viñedos occidentais.
Ó finalizar o século unha boa parte do viñedo galego estaba
afectado pola filoxera. Sen dúbida era Ourense a provincia máis tocada con preto
do 50% da súa superficie vitícola afectada. Cara ó oeste da provincia de Ourense
as proporcións do desastre diminúen considerablemente, sempre por baixo do 15%
da superficie.
Finalmente, a provincia de Pontevedra
foi pouco tocada por esta crise nos séculos XIX e XX (aproximadamente unhas 106
has.). Só cabe a existencia de focos illados, especialmente no sur, na bisbarra
do Baixo Miño. A partires de 1899 adquire certa virulencia, pero aínda así causa
problemas menores que outras pragas como o oídio ou o mildiu (mildeu). No cambio
de século o coñecemento de técnicas antifiloxéricas deteñen o seu avance.
O inicio do século XX marca o declive
do parasito e nas zonas arrasadas acelera a súa reconstrucción.
José Manuel Santos Solla e Alberto José Pazo Labrador
Mapa da filoxera en España

Mapa da filoxera en Galicia

Datos e gráficos
relativos a denominación de orixe Rias Baixas
Proxecto financiado polo programa Sócrates da UE