![]()
Curso 2007-2008

![]()
O GNOMON COMO INSTRUMENTO DE MEDIDA
MEDIDAS DA ALTURA, AZIMUT E DURACIÓN DO SOL DURANTE O ANO
Na antigüidade a translación dos astros de
Oriente a Occidente, constituíu un reloxo rudimentario. Pero este reloxo
precisaba dalgún mecanismo
tanxible
que permitise diferenciar os instantes con algunha precisión na sucesión rítmica
dos fenómenos naturais. E foi este mecanismo o
Gnomon
Solar,
un pau espetado verticalmente no chan que proxectaba sobre este unha liña de
sombra ao darlle o sol; a medida que o astro efectuaba o seu percorrido na
bóveda celeste, a sombra do pau ía modificando a súa lonxitude e situación.
Os grandes obeliscos da Praza da Concordia en París, da Praza de San Pedro en Roma e do Hipódromo de Constantinopla, non son máis que antigos Gnomon. Outro gnomon que se fixo famoso recentemente foi o da igrexa de St. Sulpice (París) a raíz da súa aparición na novela do “Código Da Vinci”.
O gnomon é a base do reloxo de sol. Na orixe, a palabra gnomon facía referencia a un obxecto alongado cuxa sombra se proxectaba sobre unha escala graduada para medir o paso do tempo.
Eratóstenes
de Cirene usou un gnomon para medir o diámetro da Terra, con aceptable
precisión.
Na antigüidade, para saber a hora, de día, utilizaban o gnomon, unha
simple vara ou pau vertical espetado no chan, cuxa sombra xira co Sol. O gnomon
é a forma primitiva do cuadrante solar. Os caldeos dispuxeron dunha preciosa
variedade do gnomon, o
polos.
Este instrumento consiste nunha semiesfera escavada na terra ou nun
bloque de pedra; unha esfera pequena, sostida por unha vara ou suspendida dunha
cadea, está fixa no centro da esfera. A sombra da pequena esfera sobre as
paredes da semiesfera é a imaxe do Sol sobre a bóveda celeste. Esta sombra xira
uniformemente e pode graduarse o aparato dunha vez por todas; a graduación é
válida calquera que sexa a estación (dúas calidades que non posúe o gnomon).
O
reloxo de sol é un instrumento de medida do tempo que se basea na sombra
producida por un marcador exposto á luz solar sobre unha superficie plana. Un
reloxo de sol componse de dúas partes: o gnomon e a superficie de lectura. O
gnomon é o
dispositivo
que produce a sombra; polo xeral é unha peza paralela ao eixe da Terra, que
apunta ao ceo. A superficie de lectura
está marcada coas
horas do día. Para calcular a hora oficial a partir da hora solar empréganse
táboas, porque a hora solar é
irregular ao
variar a velocidade aparente do Sol ao longo do ano. Os reloxos de sol
utilizábanse para calcular a hora antes de que os reloxos se xeneralizaran no
século XVIII.
O reloxo de sol baséase na posición da sombra do gnomon, sobre o cuadrante. O Sol móvese polo ceo a velocidade constante de Este a Oeste, polo tanto a sombra do gnomon moverase en sentido inverso e a súa posición determinará a hora. É esencial que o gnomon estea orientado de norte a Sur e paralelo ao eixe terrestre. Por este motivo sempre terá unha inclinación determinada que dependerá da latitude do lugar onde estea.

A túa man pódeche servir coma un reloxo: Colles un lapis e agárralo forte entre o dedo polgar e a palma da man (fíxate na figura). A palma da man debe estar o máis horizontal posible. Orienta o lapis cara ao norte. Funcionará sempre que esteas situado entre 45º e 55º de latitude. Se é inferior, inclina un pouco máis o lapis. As horas márcaas a sombra na túa man (fíxate no debuxo). Para as horas da mañá debes usar a man esquerda e para as da tarde a man dereita, sempre que esteas no hemisferio Norte.
|
|
|
MEDIDAS DA ALTURA, AZIMUT E DURACIÓN DO SOL DURANTE O ANO
As medidas da altura, acimut e duración do sol cara ao 22 de cada mes do ano (entrada aproximativa do sol nas diferentes constelacións) xunto coas comparacións gráficas finais entre os diferentes centros asociados; ademais da duración do día solar e o paso polo meridiano do sol en catro momentos coincidentes cos solsticios e equinoccios atópanse recollidos na páxina web do centro coordinador.