![]()
Curso 2007-2008

![]()
TEMPO VERDADEIRO LOCAL, MEDIO CIVIL e UNIVERSAL
O tempo solar é unha medida do tempo que se fundamenta no movemento aparente do Sol sobre o horizonte do lugar. Toma como orixe o instante no que o Sol pasa polo meridiano do lugar, que é o seu punto máis alto no ceo, denominado mediodía. A partir deste instante vanse contando as horas en intervalos de 24 partes ata que completan o ciclo diúrno.
Porén, o Sol non ten un movemento regular ao longo do ano, e por esta razón o tempo solar divídese en dúas categorías:
· O tempo solar verdadeiro está baseado no día solar verdadeiro, que vén sendo o intervalo entre dous regresos sucesivos do Sol ao meridiano do lugar. Pode ser medido cun reloxo de sol, e correspóndese co amencer, o mediodía ou o anoitecer: baséase no que é posible observar de maneira directa.
· O tempo solar medio está baseado nun sol ficticio que viaxa a unha velocidade constante ao longo do ano, e é a base para definir o día solar medio (24 horas). Correspóndese co tempo civil e coordínase mediante o Tempo Medio de Greenwich.
A duración dun día solar verdadeiro varía ao longo do ano. Isto débese a que a órbita terrestre é unha elipse, co cal a Terra no seu movemento de translación móvese máis rápido cando se acerca ao Sol e máis lento cando se afasta del (O que din as leis de Kepler). Debido a isto, no Hemisferio Norte os días solares aparentes son máis curtos nos meses de marzo e setembro que nos meses de xuño ou decembro, producíndose o fenómeno inverso no Hemisferio Sur. Como os días solares verdadeiros non son uniformes non se poden usar como unidade de tempo; por iso, e para poder usar o Sol como unidade de tempo, introdúcese o tempo solar medio.
O tempo civil local é o tempo solar medio aumentado en 12 horas:
tc = Hm + 12 h
Empezamos a contar o tempo civil 12 horas antes de que o Sol medio pase polo meridiano do lugar. O mediodía medio local corresponde a un ángulo horario do Sol medio de 0h e ás 12 de tempo civil local.
O Tempo Universal (TU) é o tempo medio civil correspondente ao meridiano de Greenwich.
A Ecuación do Tempo é a corrección que hai que aplicar ao tempo solar verdadeiro para obter o tempo solar medio. Se Hv é o ángulo horario do Sol verdadeiro (tempo solar verdadeiro) e Hm é o ángulo horario do Sol medio (tempo solar medio), resulta:
E = Hm – Hv
Polo tanto a Ecuación do tempo é a diferenza das horas de paso polo meridiano do Sol medio e do Sol verdadeiro.

|
|
Outra representación da ecuación do tempo, onde no eixe de abscisas representamos os días do ano empezando no 1 de xaneiro, e no eixe de ordenadas a diferenza entre os tempos verdadeiro e medio (v – m) . |

O tempo solar medio e o tempo solar aparente coinciden en catro instantes do ano: o 15 de abril, o 14 de xuño, o 1 de setembro e o 25 de decembro (coinciden aproximadamente cos equinoccios e solsticios). A ecuación do tempo represéntase graficamente cun diagrama denominado analema, que ten forma dun 8 algo asimétrico.
O día solar verdadeiro diferénciase do día solar medio no cambio que sofre ese día a ecuación do tempo e que se sabe que é sempre menor ca 30 segundos. A variación da ecuación do tempo resúmese na seguinte táboa:
|
DATA |
VARIACIÓN de E |
OBSERVACIÓN |
|
11 de febreiro |
0 seg. |
dv = dm |
|
28 de marzo |
– 18´4 seg. |
dv (mínimo) |
|
15 de maio |
0 seg. |
dv = dm |
|
20 de xuño |
13´0 seg. |
dv (máximo) |
|
27 de xullo |
0 seg. |
dv = dm |
|
17 de setembro |
– 21´4 seg. |
dv (mínimo absoluto) |
|
4 de novembro |
0 seg. |
dv = dm |
|
23 de decembro |
29´9 seg. |
dv (máximo absoluto) |
A diferenza de tempo medio local entre dous lugares ven dado pola diferenza das súas lonxitudes xeográficas, e a diferenza entre o tempo local e o TU é a lonxitude xeográfica da localidade referida ao meridiano de Greenwich, diferenza positiva se está ao E e negativa se está ao Oeste. É fácil comprender a gran complicación se cada lugar se guiase polo seu meridiano local. Hoxe en día utilízase un sistema de fusos horarios. A terra divídese en 24 fusos esféricos chamados zonas horarias (numeradas de 0 a 23) e toda a rexión que abarca dito fuso ten a mesma hora legal. Polo centro do fuso pasa o meridiano que dá hora legal a todo o fuso, están separados 15º ou unha hora. O fuso horario 0 está bisecado polo meridiano de Greenwich.
Se cada país adopta como hora legal o tempo medio civil local do meridiano que biseca o fuso no que está situado, as horas entre os diferentes países só diferirían nun número enteiro de horas. Hai países que pola súa extensión teñen varias horas, por exemplo EEUU ten tres horarios. A España corresponderíalle a hora legal do meridiano de Greenwich que pasa por Castellón pero imos adiantados 1 hora sempre respecto a este horario. No verán toda a Unión Europea establece un adianto excepcional doutra hora para aproveitar máis a enerxía solar.