PLAN PROA PROGRAMA DE ACOMPAÑAMENTO ACADÉMICO EN EDUCACIÓN PRIMARIA E SECUNDARIA DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR POLOS CENTROS PARTICIPANTES • Solicitude de participación no programa (Data límite de envío: 20/6/06; e-mail: xsoie@edu.xunta.es). • Certificación da aprobación da participación no programa por parte do Claustro (Data límite de envío: 20/6/06; e-mail: xsoie@edu.xunta.es). • Certificación da aprobación no programa por parte do Consello Escolar (Data límite de envío: 20/6/06; e-mail: xsoie@edu.xunta.es). • Ao finalizar o curso, memoria de participación no programa (Data límite de envío: 15/6/07; e-mail: xsoie@edu.xunta.es). PLAN PROA PROGRAMA DE ACOMPAÑAMENTO ACADÉMICO EN EDUCACIÓN PRIMARIA E SECUNDARIA ANEXO 1. Xustificación Os centros educativos dispoñen habitualmente de diversos recursos organizativos, humanos e materiais para facer fronte ás súas necesidades educativas. En condicións normais, cando o número de alumnado que require unha atención maior da ordinaria é limitado ou cando as súas necesidades se moven dentro de certas marxes, eses recursos cos que conta o centro son suficientes. Cando estas necesidades son de maior intensidade ou cando o número de alumnos que require atención diferente da ordinaria é elevado, resulta necesario introducir novos instrumentos que faciliten as respostas educativas que requiran, dando un apoio diferente ao establecido. O “Programa de acompañamento académico” responde á necesidade de mellorar os índices de éxito escolar en determinados centros que recibe alumnado en situación de desvantaxe socioeducativa. Para conseguir esta mellora preténdese actuar en campos que se consideran esenciais para que as perspectivas escolares deste alumnado aumente. Perséguese con elo, tamén, incidir na totalidade do centro, posto que, na medida en que a actuación sobre determinados colectivos pode mellorar o clima do centro, cambian no seu conxunto as expectativas sobre o futuro escolar de todos. Para o deseño deste programa tivéronse en conta as seguintes consideracións: - O alumnado que acumula retraso ao final da educación primaria e ao comezo da educación secundaria necesita un aumento do tempo dedicado ás actividades escolares. Normalmente non ten iniciativa nin autonomía para dedicar ese tempo suplementario por si mesmo. - Ao comezar educación secundaria consolídanse situacións de “rechazo escolar”, proceso que se inicia ao final da educación primaria. É necesario, polo tanto, mellorar a relación do alumnado co centro. - A mellora das expectativas que ten o alumnado sobre as súas propias capacidades e as que ten o centro inflúen decisivamente nas súas perspectivas escolares. É necesario contribuír a que este alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria obteña resultados positivos polo menos nunha parte do currículo. - A mellora das perspectivas escolares require un desenvolvemento maior de capacidades básicas. En particular, é esencial o traballo asociado á lectura, á organización do traballo e á adquisición de hábitos de estudo. Ademais, en xeral convén incidir na expresión oral e escrita e na resolución de problemas. - É conveniente conseguir o maior grao posible de implicación das familias no proceso educativo e mellorar a calidade da súa relación co centro. Para elo, débese alcanzar un compromiso coas familias do alumnado acollido ao programa que facilite a participación destes nel e supoña a extensión dos seus beneficios ao ámbito da participación das familias na formación dos seus fillos e fillas. - As actividades que se realicen no marco deste programa deben formar parte da actuación global do centro. Para conseguilo, é imprescindible a implicación do centro, aceptando e procurando a participación, coordinando as actuacións e colaborando na súa organización, no seu desenvolvemento e a súa avaliación. 2. A quen se dirixe o programa O programa está dirixido aos centros de educación primaria e aos centros de educación secundaria que conten cunha proporción significativa de alumnado en desvantaxe desde o punto de vista educativo. 3. Desenvolvemento do programa 1.- Descrición do programa Programa destinado a mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades nos dous últimos cursos da educación primaria e nos dous primeiros cursos de la educación secundaria obrigatoria, a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición de destrezas básicas, da mellora no hábito lector e da incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes materias. 2.- Destinatarios Alumnado do terceiro ciclo de educación primaria e primeiro ciclo de secundaria obrigatoria que presente dificultades e problemas na aprendizaxe derivados de: -Ausencia de hábitos de traballo, escaseza de motivación polo estudo etc. -Retraso no proceso de maduración persoal. -Unha pobre integración no grupo e no centro. -Deficiencias no proceso de aprendizaxe das áreas instrumentais básicas. Enténdese que, en xeral, o alumnado destinatario non pode recibir o acompañamento e apoio suficientes no seo familiar, pero tamén que é posible alcanzar un compromiso familiar explícito para a participación no programa. A selección do alumnado realizaraa o titor/a xunto co equipo docente baixo a coordinación da xefatura de estudos, co asesoramento do xefe ou xefa do departamento de orientación do centro. Poderán formarse ata dous grupos de acompañamento, cun número de alumnado de entre 5 e 15 como máximo en cada un deles. 3.- Obxectivos • Potenciar a aprendizaxe e o rendemento escolar deste alumnado mediante: - a adquisición de hábitos de organización e constancia no traballo, - a motivación ao estudo, propoñéndolles formas de traballo eficaces, - a mellora en habilidades e actitudes asociadas á lectura. • Mellorar a súa integración social, no grupo e no centro. • Facilitar a integración no centro. • Asentar coñecementos e destrezas das áreas instrumentais. 4.- Desenvolvemento O alumnado participante no programa acudirá ao centro durante catro horas semanais, en dúas sesións de dúas horas cada unha. Neste tempo terá ocasión de ler de maneira guiada e traballar as actividades propostas en clase. O profesorado levará a cabo as funcións de guía e orientación proporcionando, no seu caso, os materiais adecuados, resolvendo dúbidas e axudando no desenvolvemento de actitudes e hábitos de organización do tempo, planificación do traballo, concentración e constancia na súa elaboración e calidade na realización e expresión dos resultados. Do mesmo modo, sería aconsellable que durante estas horas a biblioteca escolar permanecese aberta e a disposición do alumnado, tanto si participan no programa como se non o fai. A colaboración co concello no que estea situado o centro pode facilitar a posta en marcha do programa, contribuír ao seu desenvolvemento e integralo no conxunto de accións de carácter educativo que se dan no ámbito local. 5.- Características O acompañamento lévano a cabo varios profesores e profesoras do propio centro que, ademais das funcións anteriores, contribúen a reforzar ao alumnado nas aprendizaxes non alcanzadas en clase e a revisar contidos non suficientemente aprendidos. A función do profesorado acompañante é a de completar o traballo do profesorado e titores axudando individualmente ao alumnado seleccionado a resolver dificultades de distinto tipo. En particular pode axudar a: • Animar e estimular o hábito lector. • Planificar e ordenar o traballo escolar. • Adquirir hábitos e técnicas de estudo eficaz. • Poñerse ao día na marcha das clases. • Mellorar as aprendizaxes básicas. • Enfrontarse de maneira construtiva á resolución dos conflitos co demais alumnado e profesorado. O centro nomeará un profesor/a coordinador/a do programa coas seguintes funcións: • Responsabilizarse directamente do funcionamento do programa, sen prexuízo de que o equipo directivo sexa o responsable principal. • Marcar as pautas e asegurar a coherencia no traballo do profesorado acompañante. • Actuar de enlace entre todos os participantes no programa. • Asegurar a integración do programa no funcionamento ordinario do centro. Tanto o profesorado coordinador como o profesorado acompañante recibirán unha retribución complementaria que, cando menos, será de dez euros no primeiro caso e vintecinco no segundo. 6.- Compromisos do centro A eficacia do programa depende, en boa medida, da súa integración no funcionamento do centro. Debe pasar a formar parte da organización do mesmo. É necesario, polo tanto, a participación e o compromiso do Claustro, que debe facilitar o seu funcionamento e colaborar na súa organización e na súa valoración. O Equipo directivo, directamente e a través do coordinador ou coordinadora, débese responsabilizar do seu funcionamento. Entre outras esixencias, esto leva consigo: a) Contribuír á organización e á integración do programa no funcionamento do centro. b) Coordinar a selección do alumnado participante, de acordo cos criterios expostos e negociar coas familias dita participación. c) Propoñer o profesorado que se farán cargo das actividades do programa. d) Colaborar na valoración dos resultados. A participación do centro no programa non debe supoñer o incremento significativo dos procedementos administrativos nin un aumento do gasto que deba financiarse cos seus actuais fondos para gastos de funcionamento. Os centros recibirán unha partida complementaria para financiar os gastos derivados do programa. 7.- Compromiso da familia O bo funcionamento do programa e a súa eficacia a medio prazo require o acordo activo das familias do alumnado participante. Preténdese mellorar tamén a relación da familia co centro e a súa implicación nas actividades escolares do alumnado. O compromiso da familia debe a) Apoiar a asistencia do alumnado ás actividades do programa. b) Facer máis visible, ante o alumnado, o interese pola súa evolución escolar. c) Mellorar, en cantidade e en calidade, a relación co centro, adquirindo o compromiso de asistir ás reunións e citas individuais que se convoquen. 4. Compromisos da Administración educativa co centro A Administración educativa adquire os seguintes compromisos fronte aos centros participantes: a) Aportar os recursos económicos necesarios para a aplicación do programa. b) Manter unha estrutura de apoio aos centros que facilite a resolución dos problemas de organización ou doutra índole relacionados co programa. c) Facilitar os instrumentos para a valoración dos resultados do programa. 5. Proceso de valoración Realizarase a valoración do programa a partir dos resultados escolares do alumnado e de enquisas breves aos titores/as e equipos de profesorado. Así mesmo, recabarase a opinión do propio alumnado e das súas familias sobre o grao de satisfacción acadado e a súa percepción sobre a evolución escolar do alumnado.