Emisora

Inicio Arriba

Breve historia dunha emisora escolar

Onda Xove-Radio Meixueiro é unha emisora escolar que se atopa na F.M. 104.5.

As orixes desta emisora dátanse alá polo ano 1987, cando os profesores Benigno Torres e Álvaro Gil, responsable da emisora na parte técnica, fixeron o necesario para que esta idea tomase corpo e forma. Con transistores, xiradiscos, estaño, soldador e outras cousas tan habituais no departamento de electrónica, estes profesores (un deles do citado departamento e outro da área das humanidades) axudados por máis de doce alumnos que farían de locutores durante seis horas ó día, puxeron a andar con máis ilusión que medios o que actualmente xa é unha institución ben asentada no instituto.

Daquelas seis horas de emisión ó día pasamos a máis de doce horas (entre as 9:00 e as 21:20 sen interrupción nin á hora de xantar, pois hai locutores que cobren a programación entre as 13:30 e as 15:30) , e dos doce locutores hoxe poden pasar dos cincuenta dependendo dos anos. Daqueles discos de vinilo e dos vellos xiradiscos, hoxe, ademais deles, xa contamos con reproductores de discos compactos e cunha colección de CDs que, tendo en conta as orientacións musicais dos programas, non deixa de crecer.

Escóitasenos no propio instituto no que estamos, o IES Ricardo Mella, durante os tempos de recreo ( de 11:30 a 11:50 ) de luns a venres. Durante eses vinte minutos de emisión aberta funciona a megafonía exterior ( bucinas convenientemente distribuídas no patio ), e o noso alumnado dá mensaxes, dedica cancións, temas musicais, etc... Tamén se conecta a megafonía cando hai que dar un aviso concreto e con certa urxencia. O resto do tempo péchanse estes altofalantes a fin de non trastornar co ruído as clases, e emítese entón cara ó exterior.

A amplitude do noso radio de escoita vén dado polos 50 vatios de potencia de saída e, sobre todo, por estar nunha zona alta da cidade, o Meixueiro. Temos oíntes, por exemplo, na outra banda da ría, en Cangas ou en Moaña, na zona do Calvario, en Candeán, Cabral, Sampaio, Coia, Castrelos, Balaídos, no Bao, Canido, no centro de Vigo, Beade, no centro Residencial Docente Manoel Antonio, e, mesmo cun pouco de sorte, escoitásenos no Porriño e ata na Cañiza.

O camiño polo que os nosos oíntes chegaron a saber de nós foi atopar o dial por casualidade ou porque llelo dixera alguén que xa nos escoitara, alguén do noso instituto ou doutros institutos da cidade e dos arredores.

A meirande parte dos nosos programas contan coa participación dos oíntes a través das chamadas que recibimos ó teléfono 37 93 34. Nestas chamadas piden temas musicais para dedicarllos ó seu noivo ou noiva, ós seus amigos ou amigas, ou participan nalgún dos concursos que se organizan na emisora ( tendo sorteado, por exemplo, camisetas promocionais dalgún grupo musical como "Ella baila sola".)

Os locutores da emisora, de tanto dicir polas ondas o noso número de teléfono e máis o enderezo para os que prefiren escribirnos ( Onda Xove-Radio Meixueiro, IES Ricardo Mella, Estrada Vella de Madrid, 177. C.P. 36214, Vigo ), xa os saben de memoria e, a xulgar polo que se repiten algunhas chamadas e algunhas cartas, os oíntes tamén.

Cando máis sona o teléfono é polas tardes e durante as primeiras horas da franxa do nocturno ( de 18:00 a 20:00 ). Nótase que a estas horas moitos dos nosos oíntes están xa na casa, porque xa acabaron as aulas. Aínda que moitos dos oíntes escóitannos desde o lugar de traballo.

Facendo unha valoración de quén son os nosos oíntes habituais, podemos ter en conta os resultados dunha enquisa feita a través das chamadas que recibimos. Neste senso, diríamos que o 60% das chamadas recibidas son de rapaces e o 40% de rapazas. Elas piden máis música lenta ou romántica, pero xa se pide todo tipo de música, dende a música dos 60 ata bacalao, pasando por rock, disco e heavy.

A idade media dos oíntes é de dezanove anos.

Os programas da emisora non se limitan a "pinchar discos" . Menos emitir publicidade ( a emisora é escolar, non comercial ). Existen programas de noticias ( de especial interese para o alumnado), de humor ( nalgún deste xa ten participado algún profesor ), de entrevistas a grupos musicais ( fanse tanto dentro como fóra da emisora, asistindo ós seus concertos na cidade e arranxando con eles unha entrevista durante ou despois da actuación ), de debates, participando o alumnado e o profesorado de diferentes institutos, e tamén pais e nais que son invitados pola APA ( asociación de Pais e Nais de Alumnas/os "O Monte"), APA que ten colaborado tamén economicamente coa emisora.

A emisora é unha sección ou departamento do instituto que depende para a súa existencia dun coeficiente que lle asigna e renova o Consello Escolar e que conta coa colaboración puntual doutros departamentos, como o de "Normalización Lingüística". En todo caso, toda axuda é pouca cando se emite máis de once horas ó día cinco días á semana e tódolos meses do curso escolar, o que supón un desgaste en materiais que hai que repor ( dende agullas de xiradiscos ata pezas de equipos electrónicos pasando por pinzas para micrófonos... ) tendo en conta que este tipo de material é sempre caro.

Para o bo funcionamento dunha emisora escolar é necesario algo de ilusión e algo de paciencia, organizando ós rapaces e elixindo entre eles a un par de locutores que fagan ás veces de supervisores que colaboran, un na parte administrativa e de catalogación dos fondos, e outro na parte técnica atendendo ás posibles avarías. Tamén é necesario traballar fóra do instituto acordando entrevistas cos mánagers de grupos musicais e solicitando invitacións ós encargados das salas de concertos, ademais de facer as compras dos materiais, discos, etc...


Onda Xove en internet:

A emisora escolar do IES Ricardo Mella está a emitir a súa programación por internet, desde fai un mes aproximadamente.

Se queres escoitala por internet, podes oíla en directo ou ben escoitar programas que xa foron emitidos anteriormente.

A dirección a que tes que acceder para escoitala e a seguinte:

www.ondaxoveradio.blogspot.com

Alí terás instruccións sobre os pasos a seguir para escoitar a emisora.


Inicio | Taboleiro de anuncios | Organigrama | Estudios | Alumnado | Pais/Nais | Profesorado | Exames | Avaliacións | Fotos e vídeos

Imprimir

© 2000 - . IES Ricardo Mella - Estrada Vella de Madrid, nº 177, apdo 3047 36214 - Vigo - Galicia - España

Teléfonos: 986 253711 - 986 253899    Fax: 986 260726

http://centros.edu.xunta.es/iesricardomella/Comunícanos a túa suxestión  

Encargado da páxina web: Comunícanos a túa suxestión