|
HISTORIA DO INSTITUTO
O
Instituto Nacional Mixto foi construído na cidade de Monforte de
Lemos no ano 1965. Ata ese momento os mozos e mozas monfortinos remataban
o seu bacharelato en institutos de Ourense ou Lugo. O solar no que se
enclava, na rúa de San Pedro, foi adquirido por subscrición
popular entre os veciños de Monforte durante os anos l963 e 1964,
e unha vez recadada a totalidade do seu valor e mercado ós seus
propietarios, o Ministerio de Educación e Ciencia iniciou a súa
construcción.
O curso 1964-65 foi o primeiro ano do seu funcionamento.
Naquel momento tiña unha capacidade para 400 postos escolares.
Durante este curso e o seguinte dependeu para o seu funcionamento do Instituto
Masculino de Lugo.
O día 1 de outubro de 1967 comezou a funcionar como
instituto independente, tendo neste curso unha matrícula oficial
de 655 alumnos, dos cales 608 eran de Bacharelato elemental e 47 de 5º
curso. Para poder admitir ese número de alumnos oficiais (que exceden
en 254 o número dos que podían ser admitidos) habilitáronse
tres aulas dentro do propio edificio, pechando dous patios cubertos, e
adicando a aula-cociña a aula xeral, privando así ós
alumnos de fogar do seu local, e tamén quedando sen lugar onde
gorecerse os alumnos en época de choiva. Tamén nos foron
cedidos locais no Grupo Nacional Ferroviario e no Grupo Escolar para poder
habilitar varias aulas máis.
Neste primeiro ano como Instituto independente tiña
unha totalidade de 24 profesores.

Hoxe (curso 2003-04) o número de profesores é
de 70 e o número de alumnos repártense como segue:
241 alumnos de E.S.O.
171 alumnos de bacharelato
6 alumnos do Fondo de Garantía Social
137 alumnos de ensino de Adultos
18 alumnos do Ciclo superior de Actividades
Físicas e Deportivas
O que fai un total de 573 alumnos.
No ano 1972 o edificio do instituto ampliouse, ata unha
superficie útil edificada de 8000 m2 en total (hoxe son 8.127 m2).
Neste primeiro ano de funcionamento do chamado “Instituto Novo” o curso
comezou sen o mobiliario das aulas, de modo que os alumnos víronse
obrigados a utilizar como aulas os laboratorios (únicos totalmente
rematados) ata a primavera, en que chegaron as novas mesas e sillas e
se puideron utilizar as aulas de maneira normal.

A partir deste momento o Instituto xa vai sufrir poucos
cambios, e estes serán de índole interna: a biblioteca,
instalada nun primeiro momento no piso baixo (actual salón de actos)
será trasladada ó segundo piso (anterior aula de debuxo).
A aula de debuxo trasladarase á aula-cociña (que queda integrada
no departamento de Fogar no segundo piso).

O edificio do instituto goza de dúas entradas ben
separadas que nun principio se destinaban a usos diferentes: a entrada
principal estaba destinada para uso dos profesores, mentres que a entrada
lateral e a súa correspondente escaleira se destinaban a uso do
alumnado. Esta situación modificouse nos anos 80 por considerarse
discriminatoria e na actualidade uns e outros utilizan a entrada principal,
que ten un acceso máis cómodo desde a rúa.
Nestes case 40 anos de funcionamento tamén se modificou
o contorno do edificio. Se ó principio estaba enclavado entre campos
de trigo nunha rúa a penas urbanizada e con poucos edificios, na
proximidade duna factoría pirotécnica (que sufriu unha explosión
no verán do ano 69 deixando ó instituto sen cristais nas
fiestras que miran ó leste), na actualidade resulta estar inmerso
nun conxunto de edificacións que medraron ó seu redor e
nunha rúa que sofre un tráfico intenso.
|