China é un espazo da nosa imaxinación, unha pagoda que abriga claves milenarias sempre á espera da nosa chegada. Desta figuración, nada parece tan ilustrativo como a lingua chinesa mesma, animada pola danza dos seus carácteres polisémicos e a serpe tonal dos seus monosílabos. Este fluír desemboca na poesía chinesa, expresión suprema do idioma. A poesía entrelázase coa vida: hoxe, os nenos memorízana, os anciáns murmúrana, repítese no campo e na cidade; onte, nos séculos das dinastías, os funcionarios públicos estaban obrigados a coñecela para pasaren os exames do servizo civil, e os letrados mandaríns cultivábana para non perderen os últimos vestixios do paraíso. Un poema chinés é sempre demasiado complexo e delicado para ser traducido. Non adoita expresar ideas, tan só suxire atmosferas, paisaxes nas que a natureza e as emocións humanas están indisolublemente unidas . Na palabra azul está o signo de partir leña e o do auga, sen contar co da seda. Na palabra claro, os signos da lúa e do sol a un mesmo tempo. Na palabra outono os do lume e o trigo. A voz do home disípase no medio das montañas e dos bosques pois a miúdo a Natureza constitúe unha parte esencial dos poemas. A contemplación, a meditación, a quietude e a soidade son trazos distintivos e esenciais da tradición poética chinesa. Tampouco podemos esquecer a relación indisoluble entre pintura e poesía. As dúas artes conflúen na súa forma de expresión e manifestación. Pintura e poesía, poesía e pintura. A interiorización da contemplación da natureza a través da cor e da palabra. Nun poema chinés están presentes, por unha banda, a rima e, por outra, os recursos tonais da lingua. En mandarín, por exemplo, hai catro tons; nos dialectos do sur de China hai oito. Estas modulacións ascendentes, descendentes e implosivas confiren ao idioma chinés unha musicalidade que se acentúa na poesía. A poesía chinesa sempre se cantou e a miúdo acompañouse con música de corda. A música destes instrumentos, sutil e cargada de asociacións, precipita ao oínte nun sortilexio difícil de evitar. Este efecto pode chegar a tal punto que, algunha vez, din, Confucio quedou embriagado por unha melodía ao grao de non probar bocado en tres meses. Extracto de Alejandro Pescador. Poesía china: la fijeza de sus mutaciones |
![]() |
|
![]() |