A miúdo os personaxes de Verne son presentados cunha aura de misterio e imprecisión e teñen, en boa medida, un carácter funcional porque o eixo da novela é sempre a aventura. A pesares de que na obra verniana sen dúbida predomina a acción fronte á introspección, podemos atopar unha variada galería de tipos con rasgos que se repiten constantemente. Facemos referencia aos máis importantes:

Os heroes enigmáticos
Trátase de tipos estraños, cun ronsel de misterio romántico, de forte individualismo, marcados por un destino vingador ou xusticeiro que lles fai odiar á sociedade e buscar refuxio na soidade da natureza. a esta categoría pertencen os máis logrados personaxes de Verne: Nemo, Robur o Conquistador, o capitán Hatteras...
Os heroes nenos
Probablemente os máis populares entre os lectores de todas as épocas. Son rapaces adolescentes, prematuramente maduros, intrépidos e valorosos. Neles Verne proxecta a nostalxia dunha adolescencia imposible, toda a tenrura da que careceu. Frecuentemente estes rapaces son orfos e normalmente van unidos a outro tipo de personaxe sabio e maduro que actúa como mentor. Robert en Os fillos do capitán Grant, Dick Sand en Un capitán de quince anos son o exemplos máis populares.
Os sabios
Outro tipo de personaxe case obrigado en todos os relatos do autor. Neles basearía a xustificación racionalista dos estraños e numerosos inventos que aparecen constantemente. Normalmente trátase de seres resentidos contra a sociedade, que desprezou os seus inventos. Estes personaxes son frecuentes nas obras da última etapa.


Extracto de Jules Verne o el sueño de la aventura. Manuel Otero Toral.