Nas
últimas décadas o número de conflictos interestatais
aumentou dramaticamente. Alentados por diferencias relixiosas ou étnicas,
estes conflictos desenvólvense en áreas habitadas e as
consecuencias para a poboación civil son devastadoras.
Durante
estes períodos de guerra e conflictos armados, tan frecuentes
no continente africano, as mulleres pertencentes a tódolos grupos
de idade, desde a infancia ata a ancianidade, sofren todo tipo de abusos:
violacións, humillacións, explotación sexual, etc.

A
práctica totalidade de organismos internacionais testemuñan
que estas prácticas non son, de ningún xeito, efectos
colaterais das guerras. Os abusos son, desgraciadamente, un instrumento
de guerra máis, como tantas veces tivemos ocasión de comprobar.
Normalmente, os grupos en conflicto adoitan utilizar toda sorte de estratexias
arrepiantes e grotescas para manter o control, aterrorizando á
poboación civil.

A
guerra parece ser endémica en determinadas zonas do continente
africano. Uganda é un bo exemplo. Este país vén
sendo asolado por constantes ciclos de conflictos armados desde hai
máis de 35 anos. En países así, o número
de mulleres é moi superior ó dos homes, debido ó
gran número de baixas ocasionadas pola guerra. A maioría
das mulleres superviventes están en condicións físicas
e psicolóxicas lamentables. Despois de sufriren a perda das súas
parellas, despois de soportaren elas mesmas múltiples vexacións,
non están en condicións de poñerse á fronte
das súas familias ou o que queda delas. Moitas teñen embarazos
non desexados ou SIDA.

¿Hai
algunha solución? Unha vez máis, ábrese a posibilidade
dun cambio de enfoque substancialmente diferente: faise necesario introducir
o concepto de xénero en todas aquelas etapas de pacificación
e solución de conflictos. É necesario por unha razón
obvia: as mulleres son alomenos o 50% da poboación.
Esto
non significa, por suposto, que as mulleres sexan por natureza pacíficas
e os homes violentos, significa que se poden deseñar estratexias
nas que homes e mulleres estean representados en igualdade de condicións
e os seus coñecementos e destrezas sexan usados na mesma medida
e a todos os niveis.

Tentaremos
ser máis precisos: recoñécese o papel desempeñado
polas mulleres como mediadoras en determinadas fases dos conflictos;
hai grupos de mulleres pertencentes a ambos os bandos de disputa que
son capaces de manter contactos frecuentes. Hai mulleres locais traballando
en ONGs que , a forza de experiencia, son expertas en coidados postraumáticos
que permiten paliar as consecuencias destes conflictos tan violentos.
As mulleres saben como organizarse para xestionar a viabilidade dos
campamentos pasados os primeiros momentos, sempre moi duros. Sen embargo,
á hora de tomar as decisións importantes, os políticos
e militares do máis alto nivel, son sempre homes. Eles asinan
os acordos e determinan as condicións. O punto de vista, a experiencia,
o coñecemento da metade da poboación simplemente non se
ten en conta.