A MULLER E OS RECURSOS DA AUGA

A auga é fonte de vida e civilización. O futuro depende do uso responsable que fagamos deste recurso tan vulnerable. A nosa actitude de cara á auga non debe basearse só en datos científicos senón en valores culturais e éticos.

A muller africana xoga un papel vital na xestión da auga: é ela quen a recolle, utiliza e administra non só nos fogares, senón tamén na agricultura.
Sen embargo, dada a multiplicidade das súas necesidades e a incompatibilidade entre estas- auga para o gando e para o consumo humano, por exemplo- ás veces non pode evitar a contaminación das fontes de auga. Como consecuencia da contaminación ou, simplemente, por períodos de seca prolongados, as mulleres e as nenas vense obrigadas a percorrer distancias cada vez máis longas na súa procura. Nalgúns países africanos o tempo empregado é dunhas 8 horas.

A auga afecta non só á producción agrícola e gandeira da muller, senón tamén a súa saúde e á da súa familia. Cada ano, as enfermidades ocasionadas por unha pobre calidade de auga afectan a millóns de persoas cunhas economías moi precarias. As mulleres deben entón coidar ós enfermos de malaria, diarrea e outras doenzas e reemprazalos durante a súa enfermidade.

Todas estas circunstancias proporcionaron ás mulleres un valioso coñecemento sobre este recurso: a súa calidade, fiabilidade, restriccións e métodos para almacenala. Non obstante, as mulleres foron tradicionalmente excluídas dos esquemas de planificación do subministro de auga a nivel oficial. Actualmente recoñeceuse que este feito foi unha das principais causas do alto índice de fracaso de numerosos proxectos. Iniciativas internacionais como a Década Internacional da Auga potable, o Ano da Auga e a conferencia Mundial da Muller en Pequín foron decisivas na promoción do papel da muller na xestión e no manexo da auga.

É polo tanto necesario crear material informativo que poida chegar a todas as mulleres das áreas rurais e sexa comprensible para elas. Ás veces comprobouse que as mulleres se comunican mellor con outros grupos de mulleres: estudiantes universitarias, técnicas etc.

Ademais de facilitar ás mulleres o acceso e transporte da auga, é vital animar á comunidade a que as mulleres tomen parte en todas as decisións.

Tamén é urxente a creación e dotación de becas; de feito, estanse a levar a cabo proxectos neste senso, en varios países africanos, que facilitan a formación das mulleres e as capacitan para ocuparen postos técnicos que lles permiten intervir en todas as áreas académicas e políticas relacionadas coa auga: agricultura, forestais , hidroloxía etc. A implicación de mulleres nestes proxectos tradúcese a miúdo no aporte de puntos de vista que ata entón non se tiveran en conta.
É crucial a aprendizaxe dun uso ético da auga para as xeracións vindeiras e dispor da tecnoloxía axeitada é, por suposto, esencial. Sen embargo, en moitos países, a relación entre as mulleres e a auga é un asunto complexo e de vital importancia que precisa dun enfoque interdisciplinar, pois entran en xogo multitude de aspectos sociais e culturais.

A muller africana é unha parte vital da chave do éxito de toda política para o desenvolvemento dos recursos da auga neste continente . O caudal de coñecementos acumulado por estas mulleres non debe perderse.











PROXECTO DE LESOTHO

O seguinte material corresponde a un proxecto levado a cabo en Lesotho (África do Sur) por un grupo de voluntarios e persoal especializado. Non ten nada de especial; é un dos centos de proxectos que se realizan en zonas afectadas periodicamente por secas. Sen embargo, botando unha ollada ó material recollido, podemos intuír a importancia que dan á auga as súas xentes e as dificultades que teñen para acceder a ela. Queda claro, ademais, que a recollida da auga e a xestión da mesma, é un asunto de mulleres.

O proxecto consistía en mellorar o subministro de auga e dar a información necesaria para optimizar o seu uso. Obviamente os voluntarios, un grupo de estudiantes estranxeiros, asesorados por persoal técnico, tiveron que pasar bastante tempo en Lesotho. Durante ese período tiveron que vivir coas mesmas cantidades de auga que o resto dos habitantes. Probablemente xamais esquecerán esa experiencia e a terán presente cada vez que abran unha billa.

 

Podemos observar as diversas tarefas que as mulleres teñen que realizar a diario para asegurarse que as necesidades mínimas de auga das súas familias e da comunidade quedan satisfeitas. A auga é, na maioría dos países africanos da África subsahariana, o máis prezado dos tesouros.

 

 

Ver fotos proxecto Leshoto


  Estas son algunhas das súas testemuñas:

“ ...Uso unha cunca de auga para o café do almorzo, unha xerra de auga para lavar a louza, e outra máis para secala. Utilizo esta mesma auga para lavar a roupa interior. Cando remato, a auga é boa para fregar o chan. Despois, a auga está xa moi sucia, pero é perfecta para regar as plantas.”
Becki Krieg

...” nunca puiden imaxinar que valoraría tanto a auga como fago agora. Cada pinga é moi importante para min porque só me dan 5 litros ó día. Aquí as mulleres pasan horas e camiñan moitísimo na
procura da auga.”
MaryAnn Camp

...”aprendín a usar a mesma auga para lavarme o pelo, ducharme cunha esponxa, lavar a roupa interior e
limpar o chan. Non podía desperdiciar nin unha pinga despois da distancia que as mulleres e as rapazas percorren todos os días, e o peso que transportan...”
Amy Bratsch

Máis fotos de mulleres collendo auga. Esta vez en Etiopía.
http://www.who.int/multimedia/ethiopiaweb/WATER/

Un sitio interesante. Podedes ler información sobre a historia da auga
http://www.unesco.org.uy/phi/libros/histagua/tapa.html