![]() |
¡ANDROCENTRISMO TECNOLÓXICO, NON!
|
Fronte á tecnoloxía caben diversas posturas que polo xeral oscilan entre dúas: Unha visión negativa e catastrofista que augura que as tecnoloxías propiciarán a perda do humano, supercontrol, cousificación. Unha visión positiva. A tecnoloxía como posibilidade de reencarnación, como prolongación do humano. |
¿Por que hai tan só unhas poucas mulleres en posicións visibles de liderado no mundo electrónico? ¿Por que as mulleres programadoras e as hackers son só unha pequena minoría, a cotío considerada como unha anomalía? "A
proposta é comezar a pensarse coma nodos dun sistema de redes que
se retroalimentan constantemente, de xeito que esta nova entidade ontolóxica
vén a desfacer moitas das grandes dicotomías do pensamento
occidental: natureza/cultura, ego/mundo, máquina/humano, etc." |
Os logos e fotos teñen enlaces
Na
actualidade arte e tecnoloxía van da man.
Comeza a falarse de tecno-ceación e dunha arte virtual alternativa como
crítica ó dominio da visualización baseada na valorización
da imaxe corporal, a exaltación do corpo "danone"
froito de corporacións que teñen a tecnoloxía no seu poder
para influír no imaxinario contemporáneo.
¿Onde
está o real?, ¿cal é a realidade da nosa identidade?, ¿cal
é a realidade do noso mundo social, económico e político?
A realidade é unha invención que se pode cuestionar. O imaxinario
e o simbólico inflúen no real, así o real pode considerarse
coma un marco baleiro que se constrúe mediante o simbólico e o
imaxinario.
Nun
intento de contestar a estas preguntas sitúase a arte crítica
do momento que fronte ó desenvolvemento dunha sociedade de consumo e
mediática onde manda a publicidade coas súas promesas de felicidade,
estas prácticas artísticas amósannos a non-inocencia da
mirada, que toda identidade é unha construcción social, e para
iso reconsideran o corpo desde a súa propia experiencia.
Este é o memento do cyborg. “O cyborg é un organismo cibernético,
un híbrido de máquina e organismo, unha criatura de realidade
e tamén de ficción” di Donna Haraway, e se reflexionamos
un pouco tod@s somos xa cyborgs, que outra cousa son se non un home ou muller
conectados ós procesadores e á rede mediante os interfaces dos
ordenadores, mesmo ¿que somos ó volante dun coche, onde vibramos
coa máquina, collemos a velocidade da máquina e freamos coa máquina?
Agora trátase de intervir nos procesos de construcción da subxectividade,
que seguramente ninguén de nós desexa deixar en mans dos que dirixen
os medios de comunicación, dos enxeñeiros xenéticos ou
das multinacionais.
Aquí entra a arte que se encara coa cuestión da identidade, do suxeito ¿quen somos? e sobre todo ¿como nos queremos facer?; alén dos espacios que se nos asignaron ¿cal é o noso espacio? Estas preocupacións fixéronse patentes nas recentes grandes manifestacións artísticas internacionais coma Documenta X de Kassel (1998) ou a Bienal de Venecia de 2001.
As
artistas optan por desenvolver novas formas máis achegadas á propia
vida. Comeza así o chamado feminismo expandido. Os feminismos máis
clásicos da igualdade e da diferencia amplíanse para asumir as
propostas de gays e lesbianas
e nos últimos anos para incorporar as posibilidades das novas tecnoloxías:
o ciberfeminismo.
Na
actualidade o ciberfeminismo fai unha crítica ó estereotipo do
que é ser feminista pero ó mesmo tempo considera que é
necesario que exista un feminismo crítico, aberto a novas perspectivas
e non dogmático.
Neste punto arte e feminismo danse a man, propóñense métodos
de exposición directos, quérese superar o museo e mediante performances,
vídeos, fotografías, conquista dos lugares públicos, arte
na rede, é como o persoal se
volve político, xa que unha vez derribada a esencia de muller que se
nos impuxo cómpre aferrarse ó único que queda: a nosa experiencia
persoal. Este interese vitalista, experiencial e reivindicativo é a forma
característica de entender o feminismo na rede.
“Seguramente
non hai mellor forma de comprender o ciberfeminismo que como programa vital
de ocupación dun espacio público virtual –e polo tanto real
como o real–, e como espacio experimental de construcción dunha
subxectividade alternativa.
Facer habitable a rede, urbanizar este territorio expandido das comunicacións
informáticas foi unha das tarefas que ten convocado a moitos artistas,
críticos, activistas políticos e historiadores. (...) É,
polo tanto, un territorio tamén especialmente seductor para a intervención
das mulleres e o ciberfeminismo”.
O
espacio virtual no que se insire a rede fai máis complexo o asunto da
realidade. O espacio virtual é unha enorme prolongación dos nosos
corpos ó que, polo tanto, se lle superpoñerán códigos
de xénero e de identidade, e como as novas tecnoloxías de por
si non eliminan as diferencias de xénero cómpre reflexionar e
actuar en relación co noso corpo virtual.
A experiencia artística crítica realizada por mulleres construíu
o espacio simbólico no ciberespacio, reflexionando sobre as preguntas
relativas á identidade e realidade, facendo da experiencia persoal unha
ferramenta política e salientando o que xa desde o feminismo teórico
se afirmou respecto á necesidade de acabar co mito da suposta tecnofobia
das mulleres.
Como
exemplos temos desde a pioneiras VNS Matrix: “Manifesto da Zorra-Mutante”,
en 1990, ó traballo de Tina Laporta: “Traducción-expresión”
no que a estructura do corpo feminino pode ser modificada, construída
ou proxectada, segundo as nosas indicacións.
Eva Wohlgemulth con “Bodyscan” no que navegamos por un corpo perdendo
o sentido da dimensión, aceptando a fragmentación do suxeito e
a súa propia disolución na interface.
A
simbiose humano-máquina é cada vez máis forte en base ó
desenvolvemento da nanotecnoloxía, biotecnoloxía e enxeñería
xenética.
Esta materialización do virtual nos nosos corpos ten incidencia na sexualidade
xa que agora o sexo non ten a función indispensable da reproducción
e unha vez máis a arte reflicte esta temática como se observa
na presentación de Ars Electrónica 2000: O próximo sexo.
A sexualidade na era da procreación superflua.
“As
actividades do grupo subRosa están dedicadas tamén a cuestionar
as relacións entre o corpo feminino, a biotecnoloxía, e as técnicas
de reproducción.(...)
Inevitablemente son moitas as preguntas ¿Que consecuencias terá
a reproducción tecnolóxica? ¿Será o espacio de liberación
para a muller, ou será unha expropiación forzosa, unha nova forza
de poder e de control? ¿Exercida por quen? ¿Podemos confiar en
que cando chegue o momento quizais as mulleres xa teñan unha capacidade
no control, programación e deseño das novas tecnoloxías?”
Esta
nova condición que poderíamos chamar post-humana supón
que os límites entre os sexos fanse máis difusos, pero isto non
garante que supoña un beneficio para as mulleres, nin en xeral para a
sociedade polo que cómpre analizar o impacto das novas tecnoloxías
na representación da diferencia sexual.
Para isto o cine de ciencia ficción é un instrumento axeitado,
presenta modelos alternativos de procreación e fantasías sobre
o corpo, que van preparando o camiño sobre o que debemos considerar bo
e positivo; fan o que noutros tempos facían os cantos de Cincenta ou
Carapuchiña Vermella.

Segundo as críticas feministas nas películas en que se combinan ficción e terror pártese de ansiedades caracteristicamente masculinas e ó inventar formas alternativas de reproducción minimízase a figura do corpo feminino. Os robots actuantes principais do cine de ciencia ficción non están exentos de contidos políticos e a xa antiga imaxe de muller fatal toma na postmodernidade a forma de robot con características femininas.
A animación e o deseño por ordenador teñen un grande potencial creativo, non só nas aplicacións profesionais senón tamén dirixido ás masas como por exemplo no campo dos videoxogos, onde a cotío aparecen imaxes pornográficas, violentas e humillantes nas que aparecen mulleres; hai unha persistencia dos estereotipos sexuais e toques de misoxinia disfrazados de novos avances tecnolóxicos.
Desde a esfera comercial a alta tecnoloxía non está a crear novas imaxes e representacións pero isto contrasta coa creatividade e novidade das propostas dalgunhas artistas, de modo que a súa obra se está a desvelar coma unha estratexia válida fronte ás imposicións falocráticas, do poder e da violencia sistematizada.
Como
di o Manifesto of the Bad Girls “por medio da risa,
a nosa ira convértese nunha arma de liberación”(...) “As
mulleres teñen ás súas costas unha longa historia ó
longo da cal teñen bailado sobre campos potencialmente minados para buscar
a xustiza sociosimbólica. Hoxe en día, as mulleres teñen
que bailar polo ciberespacio, aínda que só sexa para que os joy-stik
dos vaqueiros do ciberespacio non reproduzan falismos univocais (...) e tamén
para asegurarse de que as mozas disturbio na súa ira e paixón
visionaria non recreen a lei e a orde baixo o disfrace dun feminismo triunfante.”