AS
DÚAS IRMÁS E O MILAGRE DE FREI PEDRO
Dise
que hai moito tempo, en terras da montaña, había un labrador
que tiña dúas fillas; unha era linda coma o sol e a outra
fea, fea coma un ourizo; a primeira, por ser tan fermosa e tan branca,
dedicárona a costureira. Era moita finura e delicadeza a súa
para sometela aos duros traballos do campo; da outra, nin a escura pel
perdería beleza, nin o corpo, robusto e forte coma o dun home,
habería de deformarse polos rudos esforzos das sementeiras, de
cortar leña no monte e cargar e conducir o carro como se fose
un xornaleiro.
Un día, esta irmá sen fortuna que nada tiña que
agradecer aos seus pais como muller, pois máis parecía
un home con faldras que unha moza e para a cal non había festas
nin regalos, lembrando os milagres que facía frei Pedro Manzano,
ao pasar diante da igrexa onde se venera o santo, pensou:
“Dise que frei Pedro concede canto se lle pide, se eu me atrevese
... –e decidíndose de repente-: por que non hei intentalo?”
E meu dito, meu feito. Así llo prometeu ao santo:
-Frei Pedriño querido, se me fas tan guapa coma a miña
irmá, dareiche o mellor boi que teño na corte.
Todo isto aconteceu cando ía co carro a recoller unha carga de
leña que xa tiña preparada en feixes no monte.
Cando a moza chegou cabo dos seus pais, que a agardaban no monte, dixo
a nai:
-E ti, non fuches hoxe coser? Por que viñeches no lugar da túa
irmá? Non sabes que non quero que te luxes nin te estragues?
A onde foi ela?
O pai, alporizado porque a folgazana e envexosa mandara á súa
irmá, deixándoo a el sen axudante para a ruda tarefa,
berrou enfurecido proferindo ameazas. A rapaza sentiu medo e asombro.
Que era o que alí pasaba? Como podían confundila coa súa
irmá, tan diferente no carácter, no corpo e no vestido?
E murmurou vacilante, tatexando:
-Ai meu pai, miña nai! Por que me falan de tal modo se eu son
a mesma, a de sempre nos meus traballos?
-Non es, non –exclamou a nai-: ti defendes á túa
irmá, pero perdes o tempo; ela é fea, queimada polo sol
e castigada polo traballo do campo; ti es guapa, xentil e delicada.
Afasta de aí, deixa os bois, non toques aos toxos para mancarte;
ponte á sombra!
-Miña nai! –replicou a moza tremendo.
-Non fales, non fales, cala –cortaron os pais e non a deixaron
explicarse nin falar.
Mais cando á tardiña, cargado o carro, volvía camiño
da casa, ao chegar diante da igrexa plantáronse os bois; o labrego
picábaos co aguillón, berraba, empurraba o carro por detrás;
mais o carro nin por esas se movía. E a rapaza, saloucando, puido,
por fin, falar e contar aos pais a promesa que lle fixera a frei Pedro.
Púxose coma tola de ledicia a nai; e o patrón, a pesar
de que sentía a perda dun axudante que tanto lle valía,
confirmou con solemnidade o voto da súa filla, contento polo
cambio que fixera nela o santo. E os bois romperon a andar.
E ao chegar o día da festa de frei Pedro, leváronlle o
boi adornado con fitas de moitas cores.
¿Queres
ver comentarios dos teus compañeiros?