Na formación de noso esquema corporal, é dicir, da idea ou percepción que temos do noso propio corpo interveñen diversos factores, como por exemplo, a súa observación visual nun espello, os nosos sentimentos e estados de ánimo, os nosos pensamentos e ideas. Tamén inflúen o que nos din as demais persoas, especialmente se é en forma de burla, durante a infancia ou na mocidade. Así mesmo a nosa imaxe corporal está poderosamente influída por factores de tipo sociocultural, como a moda.
O feito de termos problemas na percepción de nosa imaxe corporal dáse nunha proporción moito maior nas mulleres naquelas sociedades que enfatizan a preocupación pola figura e a delgadeza como criterios de beleza, asociándoas a conceptos altamente positivos e valorados. Delgadeza é sinónimo de elegancia, boa forma física, xuventude, prestixio social, e mesmo hixiene e capacidade de busca da perfección.

Un momento de risco especial é a puberdade e a adolescencia, xa que nestas etapas vívense importantes cambios persoais.
O corpo cambia de forma significativa e, ás veces, os cambios resultan demasiado rápidos, evidentes e difíciles de aceptar. Cambiar sempre implica gañar e perder algo; neste caso pérdese o corpo infantil, pérdese o rol de nena e o corpo pódese converter por un tempo en algo alleo a nós.
Xunto ás transformacións corporais aparecen novos interese e desexos, algúns, como os sexuais, intensifícanse. Queremos estar máis tempo coas amigas e amigos e menos cos nosos pais que xa non parecen tan sabios e perfectos como antes.

Aínda que afectan a homes e mulleres de calquera idade, grupo étnico e extracción social, a información que vos ofertamos na web céntrase nos aspectos que atinxen ás rapazas adolescentes e preadolescentes, por seren, con diferenza, o grupo de risco máis alto.
Este enlace ten acceso a unha presentación en powerpoint sobre diversos aspectos relevantes na xestación dos Trastornos da Conduta Alimentaria e información sobre os mesmos. A lectura deste documento tamén sería recomendable para nais e pais con fillos e fillas adolescentes porque a familia ten un importante rol na prevención destes trastornos.

Ten paciencia, tarda en descargar, pero paga a pena

A normas sociais e culturais e os valores dominantes sobre como debemos pensar, actuar e sentir homes e mulleres, ás veces limítannos porque coartan as nosas capacidades e posibilidades.
En definitiva a adolescencia é a época de construír a nosa identidade, a nosa diferenciación e isto non é unha tarefa doada
Un elevado número de adolescentes padece importantes trastornos emocionais que, ás veces poden derivar en trastornos da alimentación, sendo a Anorexia y a Bulimia os máis estendidos e perigosos.

É imperativo promover desde as familias e centros educativos o desenvolvemento de xuízo crítico ante as imposicións sociais, a elección de modelos positivos, de acordo coas posibilidades físicas e emocionais dos/as adolescentes, a aceptación de erros e frustracións, a comunicación e expresión de sentimentos negativos, a aprendizaxe de satisfacer as necesidades naturais de fame e saciedade dun xeito racional e non de acordo a un peso ideal e desexado.
En definitiva, é necesario revisar as mensaxes e valoracións que recibimos dende a nenez para descubrir e saber identificar aqueles que nos esixen un aspecto e un rol determinado e potenciar en cambio os que nos axuden a respectar, aceptar e gozar dos nosos corpos como son.
Texto baseado nas ideas expostas por Pilar Migallón e Beatriz Gálvez. “Anorexia y Bulimia”

 

Estes enlaces levan a animacións sobre diversos temas que esperamos sexan do voso interese. Foron gravados por actrices moi coñecidas: Nicole Kidmann, Halle Berry…
Os textos están en inglés.

BULIMIA
ANOREXIA
AUTOLESIÓN
AUTOESTIMA