|
COMENTARIO DE TEXTO
"O contexto
social, xeográfico e humano determina en certa medida os mecanismos
estructurais a través dos cales se exerce o poder político, o grao
de concentración ou dispersión do poder e o modo de acceso a posicións
de poder. No mundo moderno, a estructura política máis significativa
e omnipresente é o Estado nacional, que historicamente aparece en
tempos relativamente recentes. (...) Dado que o Estado dispón dun
monopolio legal e coactivo de feito (policía, forzas armadas, etc.),
para controlar o Estado precísase unha posición de forza. Esta centralización
da forza no Estado é unha novidade histórica, xa que a maioría das
sociedades non estiveron tan organizadas. O poder de coerción estivo
máis disperso e mesmo foi inexistente en moitas sociedades primitivas.
Convén, por iso, distinguir entre as sociedades que teñen un sistema
de goberno máis ou menos diferenciado e aqueloutras que non o teñen.
No primeiro caso existe un goberno centralizado que goza de soberanía
sobre unha serie de unidades constitutivas, como cidades, pobos
e grupos étnicos. No segundo tipo de sociedades existe un sentimento
de identidade común, pero non existe unha autoridade política diferenciada
que poida considerarse como o goberno de toda a sociedade."
(R. E. Dowse
e J. A. Hughes, Socioloxía política.)
Quizáis, a tese principal do fragmento podía resumirse
na idea de que os diferentes modos de exerce-lo poder político veñen
determinados por unha serie de causas, a saber, o medio xeográfico,
que leva implícito o concepto de territorialidade, o contexto humano
e social que remite á idea de poboación, densidade da mesma e relacións
entre os seus membros.
Estas diferentes estructuras políticas son agrupadas
por estes autores en dúas clases: unha, anterior ó Estado moderno,
que incluiría tanto ás sociedades pre-estatais, ás que se refire
M. Harris como as dos Grandes homes e xefaturas, como as estatais
(cidades-estado, feudos, etc.) pero que carecen das especiais características
do Estado-nación actual, que representaría a segunda clasificación
das estructuras políticas segundo o texto.
Hai moitos conceptos que necesitan aclaración para
unha profunda comprensión do texto. Probablemente é o concepto de
Estado, o estatal, o primeiro a definir xa que con frecuencia ten
unha dualidade de significados que obscurece o sentido dos textos.
Neste texto concreto tómase "Estado"
nun senso restrinxido ás sociedades modernas que posúen un ordenamento
xurídico unitario, unha soberanía (en calquera dos sensos posibles:
absolutista, nacional ou popular) e o monopolio do poder coactivo,
todo iso resumido na idea de concentración do poder (fronte a focalización
do poder, poliarquía, ...), expresión que aparece explícita no texto
coa forma "goberno centralizado que goza de soberanía ...".
Teríase, quizáis, que preguntar ós autores se a
soberanía, poder exclusivo e único non derivado ou sometido a outros,
é realmente tal nos Estados actuais onde o poder do Estado vese
relativizado polas decisións dos poderes económicos nun mundo globalizado
e polas instancias supra-nacionais e supra-estatais coma na situación
presente europea, por exemplo.
Pero volvendo ó texto, hai outro concepto que require
atención, así na frase " o Estado dispón dun monopolio legal
e coactivo de feito...", o termo legal suscita confusión. Parecería
máis preciso usa-lo termo de lexítimo, que vai moito máis aló do
legal (acorde coas leis) e que significa o recoñecemento do dereito
de ter e de exercer un poder que os cidadáns, o pobo, lle dan a
quen ten ese poder, neste caso o Estado. Estou a considerar o significado
sociolóxico, Webberiano, de lexitimación e prescindindo, polo de
agora, da perspectiva filosófica na que "lexítimo" incorpora
o concepto de xusto.
Os límites de tempo impiden facer unha análise
exhaustiva de tódolos conceptos do texto dignos de aclaración pero
non se debe rematar o presente comentario sen polo menos facer unha
referencia ó concepto de monopolio da coacción, no que tanto fincapé
se fai no presente fragmento. Fincapé que ten razón de ser por canto
acostuma considerarse que un Estado moderno é aquel que conserva
dito monopolio cedendo outros coma o monopolio ideolóxico.
Sen embargo, de novo, cómpre unha mirada á realidade
dos Estados actuais onde os sistemas educativos, o control sobre
os medios de comunicación, os fastos e espectáculos nacionais non
fan senón manter, aínda que non formalmente si de facto,
un certo monopolio ideolóxico, que a pesar de ser máis sútil que
o coactivo, está presente e fai que este último teña que ser menos
utilizado.
Este control ideolóxico serve para
fomentar un sentimento de identidade común, sentimento que os autores,
Dowse e Hughes, sitúan como elemento cohesionador das sociedades
primitivas carentes de goberno único organizado, pero que segue
presente nos Estados-nación modernos. Precisamente, cando este sentimento
se perde entra en crise o Estado-nación abrindo as portas ás, aínda
máis recentes, formas de organización estatatais supra-nacionais.
|