INTRODUCIÓN

(Tomado de BARBARA GOODWIN: O USO DAS IDEAS POLÍTICAS)

 

¿Han de ser as persoas máis iguais entre si?

¿É máis importante o Estado que o individuo?

¿Pode ser libre unha sociedade socialista?

¿Hai algún caso en que estea xustificada a violencia política?

¿Pode a maioría impoñer os seus desexos á minoría?

¿É xusto que os ricos sexan tamén poderosos?

Parece que estes interrogantes se poideran respostar cun si ou cun non pero cada unha destas preguntas agacha supostos discutibles e cómpre ademais clarificar o significado das palabras clave.

 

A teoría política axúdanos a darnos respostas a estas preguntas con senso lóxico e a criticar as respostas que outros proporcionan, libéranos da descripción daquilo que existe coma se nunca poidera ser cambiado. Supera, pois, as respostas fácticas dun xurista e das ciencias políticas.
As respostas dadas ós interrogantes políticos varían non só en función da opinión individual senón que difiren tamén con cada posición ideolóxica.

Unha das funcións da teoría política consiste en disipar os erros comúns e sacar á luz as ideas incorrectas.
As teorías políticas, ideoloxías e opinións esconden unha variedade de supostos e de argumentacións que non sempre están ben fundados e que un estudiante de teoría política está en mellores condicións para descubrilos que un profano.

Un exemplo: a miúdo se invoca como autoridade final para sustentar argumentos políticos á natureza humana. ¿Cantas veces escoitamos dicir que o socialismo é imposible porque as persoas son egoístas por natureza? Pero a meirande parte dos teóricos derivan as súas xeneralizacións sobre a natureza humana a partir da forma en que as persoas se comportan en sociedade: esto é, definindo unha conducta socialmente determinada.


A ciencia política analiza a realidade e constrúe teorías explicativas sobre a base dos feitos

CONTRASTA COA

A teoría política analiza e valora ideas con referencia a outros conceptos e valores.

A teoría política garda estreita relación coa filosofía moral (ética). Ambas son normativas e valorativas, se basean nuha linguaxe moral, posto que o valor é algo que consideramos bo, e chegado o caso preferiremos ter máis valor que menos. Se ben un ideal semellante á democracia é primordialmente político, os valores que o sustentan, a libertade e a igualdade, interesan tanto á moral como á filosofía política.

Vén sendo a mesma distinción que descriptivo / normativo

O significado de normativo en ciencias sociais é conforme a unha norma ou promedio pero en teoría política normativo significa que alude ou promove normas (no senso de valores), oposto a descriptivo.

O descriptivo é o campo dos feitos. Os feitos que se establecen empiricamente dise que están máis alá de discusión: ¡coma se non souberamos mentir coas estatísticas ou como presentar una caso unilateralmente!   Actualmente, en ciencia social recoñécese que os feitos non son entidades tan inocentes como semellan, posto que calquera esquema de investigación social dicta que feitos deben ser tomados en conta e cales ignorados.

Un exemplo:

Perspectiva descriptiva: A democracia pode definirse estudiando os atributos dos países democráticos, é dicir, un exame empírico dunha apariencia, as características continxentes ou accidentais dos sistemas democráticos.

Perspectiva normativa: Considerar teoricamente a esencia da democracia, as súas características necesarias e definitorias (concebidas abstractamente).

Nesta materia intentaremos traballar desde as dúas perspectivas: a das ciencias políticas e a da teoría política.

 

¿Hai algunha conexión entre teoría política e ideoloxía?

En tanto materialista, Marx cría que as causas materiais determinaban tódolos feitos e os fenómenos no mundo. Tódalas teorías, os pensamentos e as ideas humanas, a "conciencia" en xeral, están, segundo Marx, determinadas por factores materiais e, máis precisamente, por circunstancias sociais. Pensaba que a estructura económica da sociedade determinaba tódolos demais aspectos, desde as relacións sociais e as formas políticas ata a lei, a moral e o coñecemento mesmo.

Materialista é o oposto a idealista

Idealismo aquí non significa "perseguir ideais", senón considerar que as ideas teñen unha existencia autónoma e poden actuar como causas independentes dos acontecementos no mundo material.