| SISTEMA ELECTORAL | |
| Lei D´Hont | |
Os sistemas electorais teñen profundas consecuencias na vida política futura do país, polo que optar por un determinado sistema electoral é unha das decisións institucionais máis importantes nunha democracia.
Entre os factores que inflúen no deseño dun sistema electoral podemos citar: O número de circunscricións, a distribución dos sitios ou mesas de votación, a postulación de candidatos, o rexistro de electores, o organizador das eleccións, o deseño das papeletas, etc.
Un dos factores decisivos nos sistemas electorais é sen dúbida a forma en que se converten os votos emitidos nunha elección en escanos gañados por partidos e candidatos.
Na seguinte escena preséntase unha gráfica coa relación de votos obtidos por unha serie de partidos políticos (os correspondentes aos seis partidos máis votados nas eleccións municipais de 1999 para o concello de Pontevedra) e o seu tanto por cento respecto da poboación. Tendo que elixir 25 escanos ¿poderías indicar, segundo o teu criterio, os escanos que corresponderían a cada partido? Especifica no teu caderno de notas o criterio que seguiches, os escanos que corresponderían a cada partido e o número de votos que lle sobraron a cada partido segundo a túa distribución.
Se observas a parte inferior da escena poderás ver un control "% Votos". Se seleccionas 1 nese control aparecerache unha gráfica coas porcentaxes correspondentes ao tanto por cento dos votos obtidos respecto do total de votos emitido (é dicir, sen incluír as abstencións) ¿A visión desa gráfica modifica o teu criterio? ¿Cal das dúas porcentaxes elixirías agora para a asignación de escanos?
Na seguinte escena podes establecer ti mesmo o número de votos obtido por cada partido (pulsando o botón dereito do rato despregarase unha lista dos partidos na que podes introducir os votos obtidos). Realiza varias probas procurando incluír algún caso límite (por exemplo un caso no que un partido non desperdicie ningún voto e outro desperdicie o máximo de votos que permita o criterio establecido por ti) e trata de investigar as consecuencias do criterio elixido. Tamén podes cambiar o número de votantes no censo de poboación (no control situado na parte superior da escena).
| Jesús Juanatey Silva, 2002 | ||