|
HISTORIA DA FILOSOFÍA |
Período antropolóxico
Os Sofistas
Características do pensamento sofista Exercicios |
Sócrates
|
Estamos na segunda metade do século V. As doutrinas dos presocráticos acaban por producir un certo escepticismo acerca do coñecemento do Cosmos. Despois das guerras médicas, Atenas convértese na cabeza dunha poderosa liga política. É o centro da vida comercial e cultural de Grecia. O réxime aristocrático é substituído polo democrático. A educación para a vida política adquire entonces unha grande importancia. Neste ambiente aparece un tipo de persoaxe non coñecido ata entonces en Grecia: o sofista, palabra que podemos traducir por "intelectual" ou "profesor", é dicir: profesional. O sofista vai de cidade en ciudade impartindo as súas ensinanzas a aqueles que se constitúen en discípulos seus. Os coñecementos que imparten os sofistas son moi diversos, e o que teñen de común é que capacitan ó individuo para obter éxito na vida da polis, para desempeñar acertadamente os mellores postos e ser recoñecido como bo. A educación impartida polos sofistas tiña, pois, un fin práctico: ensinar ós novos a arte de vivir e gobernar, formar homes que triunfasen na política e nos negocios. Unha ensinanza que é útil, que proporciona éxito, ten un valor no mercado: os sofistas cobran. Naturalmente, dentro do contido desta ensinanza xoga un papel fundamental a arte de conducir ós demais pola palabra, a retórica, así como a arte de discutir e refutar. Como caracterización xeral do tipo de saber que os sofistas propugnaban emprégase dende a Antigüedade a frase de Protágoras: "facer mais forte o argumento mais débil". A ensinanza dos sofistas dase oralmente, a modo de cursos. Ás veces tamén daban conferencias públicas; non solo practicaban o discurso preparado, senón tamén a improvisación; ademais, escribiron. Abandóase o estudio do Cosmos e céntranse no home.
Todalas obras dos presocráticos coinciden en ser meditacións sobre a Physis; agora ben, ata mediados do século V ese pensar da Physis engloba, sin problematización de ningún tipo, o que para nosoutros son os ámbitos diferentes do natural e do social; é dicir, trátase dun pensar cuxo sentido radica en asimilarse, identificarse cun logos único, cunha verdade que articula sen solución de continuidade tanto a Physis como a Polis. En toda a época orixinaria da Filosofía grega, Nomos non está disociado de Physis; a polis é entendida non so como territorio e grupo humán, senón como acontecer histórico no senso mais amplo, non diferenciado do crecer ou brotar da Natureza. Cara a metade do século V e coincidindo co auxe da cultura urbana ateniense, patentízase unha crise decisiva que, anque xestada desde moito antes, sólo coa sofística desembocará nunha escisión que enfrenta e contrapón Physis e Polis, espontaneidade e artificio ou, en termos mais modernos: Natureza e Cultura. Pero esta escisión non pode entenderse de modo simplista, risco que se corre sempre que de antemán se tivera tomado partido polo natural ou polo artificio; trátase de algo moi complexo, que abarca a maioría dos temas e motivacións sobre os que a Filosofía occidental continuará indagando incansablemente. Tratemos, pois, de esclarecer polo menos cales son os elementos fundamentais desa crise, evitando cuidadosamente cualquera valoración previa.
a) Fronte á íntima pertenza do home ó Cosmos, que constitúe unha das bases do pensamento grego arcaico, xurde a escisión do contido global da experiencia en obxectividade e subxectividade, poñendo a un lado a materia e a outro a conciencia formativa, a psijé ou "alma" que, dende agora, aparecerá dun modo ou outro enfrentada ó físico.
b) Esta escisión trae consigo, inevitablemente, o convencemento acerca do carácter ilusorio da busca dun logos único constitutivo de todo, incluído o humán; en adiante, haberá de darse por separado a indagación sobre o logos do espontáneo, da physis, e sobre o logos do nomos , da polis.
c) Agora ben, sobre este punto de partida común diferéncianse varias actitudes:
1. A que considera o ámbito da physis como o verdadeiramente contraposto á convención, anque se trate dunha verdade irremisiblemente perdida ou inasequible.
2. A que contrapón e enfronta ó mesmo nivel o útil e o espontáneo, nomos e physis. Dentro do cal, á súa vez, caben dúas actitudes diferentes:
3. A actitud típica dos sofistas, que se queda sólo coa convención, o artificio, renunciando a crer na consistencia da verdade.
4. A actitude que poderíamos chamar socrático-platónica que, tomando partido moi claramente, polo lado da psijé, do nomos, pretende sen embargo eliminar todo carácter convencional ou inseguro. O intento platónico, de influencia incalculable en toda a nosa cultura, podería formularse case como un paradoxo: converter a convención nun principio incondicionado, facer da utilidade -sempre subordinada a algo- o máximamente absoluto.
d) En todo caso, o que si resulta indudable é que, ca crise da metade do século V, a Filosofía grega cambia profundamente de signo; por moi diversas que foran as actitudes e as teorías, a través de todas elas patentízase un desprazamento do centro de interese dende a physis á polis, ou, noutras palabras, a indagación acerca da Natureza cede paso a un pensamento interesado sobre todo polo Home. Naturalmente, esto non significa a total erradicación do problema da Natureza, pero sí que ese problema adquire un estatuto completamente distinto.
Características do pensamento sofista
Para que a ensinanza dos sofistas fose, non so permitida, senón buscada e recompensada, debían inspira-la nos valores propios das comunidades onde a expoñían, eludindo críticas e investigacións que chocaran con tales valores. Por outro lado, precisamente por esa situación, podían darse conta moi ben da diversidade ou heteroxeneidade de tales valores; o cal quere dicir tamén da súa limitación. Os sofistas podían ver que dunha cidade a outra, dun poblo a outro, moitos dos valores sobre os que se afianza a vida do home, experimentan variacións radicais e resultan inconmensurables entre sí. A natureza relativista das súas teses teóricas non é mais que a expresión dunha condición fundamental da súa ensinanza. Por outra banda, eles considerábanse sabios no sentido antigo e tradicional do térmo: é dicir, no sentido de facer ós homes hábiles nas súas tarefas, aptos para vivir xuntos, capaces de saír airosos nas competicións civís. É verdade que, neste aspecto, non tódolos sofistas manifestan na súa persoalidade as mesmas características. Protágoras reivindicaba para os sabios e para os bos oradores a tarefa de guiar e aconsella-lo mellor ás mesmas comunidades humanas. Outros sofistas poñían a súa obra expresamente ó servicio dos mais poderosos ou dos mais astutos. En todo caso, o interés dos sofistas limitábase á esfera das actividades humanas e a mesma Filosofía era considerada por eles como un instrumento para moverse sagazmente en dita esfera. No Gorgias platónico, Calicles, discípulo dos sofistas, afirma que a Filosofía estúdiase únicamente "para a propia educación" e que por esto é conveniente á idade xuvenil, pero vólvese inútil e dañosa cando se cultiva mais aló dese límite, xa que impide ó home volverse experto nos negocios políticos e nos privados e en xeral en todo o que concerne á natureza humana. Por este mesmo motivo, o obxecto da ensinanza sofística limitábase a disciplinas formais, como a retórica ou a gramática, ou a diversas nocións brillantes pero carentes de solidez científica, que podían ser de utilidade para a carreira dun avogado ou dun home político. A súa creación fundamental foi a retórica, ou sexa, a arte de persuadir, independentemente da validez das razóns aludidas. Os sofistas afirmaban a independencia e omnipotencia da retórica; a omnipotencia respecto a todo fin que alcanzar. Anque non constitúen unha escola filosófica, pódense apreciar no pensamento sofista as seguintes características:
a) Escepticismo: O entendimiento humano non pode discernir con certeza entre o verdadeiro e o falso, por tanto non podemos estar seguros de nada e a postura mais racional é a dúbida.
b) Relativismo: Non existe unha verdade obxectiva, válida para todos os homes, senón que cada home ten a súa propia verdade.
c) Subxectivismo: O home é a medida de tódalas cousas.
d) Positivismo xurídico: Non existen normas xurídicas inmutables. As leis non teñen fundamento obxectivo, senón que son simples convencións humanas.
e) Indiferentismo moral: Non existen normas morais obxectivas.
f) Interés polo tema do home: Fronte á preocupación cosmolóxica dos presocráticos, os sofistas céntranse nos problemas relacionados co home, especialmente a Ética e a Polítca.
g) Interés
pola linguaxe: Introducen un concepto mais amplo de educación
que o tradicional e contribúen ó perfeccionamiento da linguaxe.
| Vida | ![]() |
![]()
Encontrámonos en Atenas, cara a metade do século V a.C., nun ambiente dominado polo relativismo e o escepticismo de que facían gala a maioría dos sofistas e que non facía senón reproducir a mentalidade pragmática da época. Esta ausencia de conviccións morais facíase notar na vida cotiá dominada pola cultura do éxito, a cuxo logro se sacrificaba calquera outro valor ou principio, incluído o democrático, que colocara a Atenas, tralas reformas de Solón primeiro e Clístenes despois, á vangarda do espírito reformista grego. A importancia que o pobo chan, desde os máis ignorantes aos máis cultos dos que ostentaban a condición de cidadáns libres, cobraba nesta sociedade ateniense era tal que non só os altos cargos da maxistratura senón a vida mesma dos cidadáns obxecto de denuncias ante os tribunais dependía dos votos dos particulares que, en número de ata cincocentos ou seiscentos, participaban como xurado nos xuízos que se celebraban. Esta circunstancia propiciou en moitas ocasións a intervención interesada en prexuízo da responsabilidade, a compra e venda de votos, en definitiva a corrupción xeralmente consentida e aceptada como un elemento natural da condición humana.
É neste contexto onde xorde a figura de Sócrates, un personaxe peculiar, admirado por uns e rexeitado por outros, pero cuxo influxo na nosa cultura é tal que o seu pensamento a atravesa de cabo a cabo ata os nosos días e ata Kant, ben entrado o século XVIII (¡dous mil catrocentos anos despois!), ninguén ousou enfrontarse directamente coas súas ideas e aínda este poderíamos dicir que o fixo parcialmente, pero non esencialmente, pois se ben negou a posibilidade do coñecemento científico do bo e do malo, non así a súa existencia que aparece na súa filosofía cos mesmos atributos de universalidade e inmutabilidade con que os pensou Sócrates. Porque esa é, ao fin e ao cabo, a súa contribución a esta historia. Fronte ao subxectivismo ao uso, Sócrates afirmaba a existencia de valores morais obxectivos, valores tales como a xustiza, o valor ou a verdade. E espetáballos ao mesmísimo tribunal que, a consecuencia das intrigas para desfacerse deste personaxe molesto, acabaríao xulgando precisamente por ter feito desa indagación o eixo da súa vida: "Bo home, ¿cómo sendo ateniense e cidadán da máis grande cidade do mundo pola súa sabedoría e polo seu valor, como non te avergonzas de non ter pensado máis que en amontoar riquezas, en adquirir crédito e honores, en desprezar os tesouros da verdade e da sabedoría e de non traballar para facer a túa alma tan boa como poida selo?
E se algún me nega que se acha neste estado e sostén que ten coidado da súa alma, non llo negarei ao pronto pero interrogareino, examinareino, refutareino; e se encontro que non é virtuoso, pero que aparenta selo, botareille en cara que prefire cousas tan abxectas e tan perecibles ás que son dun prezo inestimable
"Non é de estrañar que con semellante defensa tivera recibido o veredicto de culpabilidade e a condena de morte.

A morte de Sócrates
A inducción e o concepto: A mayéutica.
Sócrates non deixou nada escrito. Escribir era contrario ao seu talante puramente investigador. Concibía o coñecemento como unha busca incesante. Seguindo o lema que figuraba no oráculo de Apolo de Delfos, "coñécete a ti mesmo", Sócrates incitaba aos seus discípulos a iniciaren esa investigación no seu propio interior. Por eso non predicaba unha doutrina, facelo e ademais por escrito, houbera suposto dar por terminada esa investigación, ofrecer unha conclusión definitiva. Nada máis lonxe da intención de Sócrates que quería ante todo que os seus discípulos pensaran por si mesmos, porque estaba convencido de que a verdade se encontra escondida no fondo de cada un. Esa tarefa podía ser incentivada e orientada desde o exterior a través dunha investigación en común; nese caso, o mestre Sócrates limitábase a orientar a investigación a través de preguntas ben dirixidas ás que os discípulos debían responder exteriorizando así as súas propias contradiccións que debían servir de acicate para continuar a busca. A este método denomínaselle a maiéutica, pois lembrando a profesión de súa nai, que era comadroa, Sócrates dicía que el, coma ela, axudaba a parir aos demais, aínda que non fillos, senón ideas.
Para iso cría necesario, en primeiro lugar, recoñecer a propia ignorancia; o cal é por si só signo de sabedoría, como descubrira tras coñecer por boca do oráculo que el mesmo era considerado o máis sabio dos homes e, non podendo dar creto a tan reputada opinión, resolveu visitar a cantos homes gozaban de fama de sabios e non encontrou ningún que coñecese sequera aquilo que máis cría coñecer. Por iso se deu conta que el, coñecendo a súa propia ignorancia, era máis sabio que todos aqueles que créndose sabios nin sequera sabían que non sabían. "Só sei que non sei nada", repetía e chegou a xulgarse por iso, el tamén, o máis sabio dos homes. Por esta razón, cando se encontraba con algún sabichón recalcitrante facía uso da súa famosa ironía mostrándose ignorante, adulando a sabedoría do adversario, e incitándoo a responder ás súas preguntas de maneira concisa e fácil de entender. Evitaba así os longos discursos e frecuentes rodeos da retórica oca e procuraba dirixirse sempre directamente ao obxecto da discusión. O propósito de Sócrates era alcanzar as definicións dos valores morais, para o cal se valía da inducción, método que segundo Aristóteles tomara da xeometría e que consistía en reducir a multiplicidade das cousas á unidade do concepto. Da mesma forma, en efecto, que a xeometría extrae da diversidade dos obxectos triangulares a noción de "triángulo", ou dos circulares a de "circulo", etc., para logo aplicar aos obxectos particulares as características esenciais desta noción, tamén Sócrates pretendía elaborar definicións precisas que captaran o esencial, pero non dos obxectos da matemática, así como tampouco se interesou nunca pola ciencia dos físicos, senón da conducta humana que pretendía clasificar segundo aqueles conceptos do xusto, o belo, a verdade, ou a virtude; conceptos morais en suma que puidesen ofrecer unha orientación para o obrar humano ao tempo que servir de instrumentos para responder ás súas preguntas cruciais: ¿que é o ben? e ¿cal é o mellor réxime político para alcanzalo? É esa indagación a que o fixo merecedor do título de fundador da ética ou filosofía da moral.
A busca de si mesmo é ao mesmo tempo a busca do verdadeiro saber e da mellor maneira de vivir; en outras palabras, é á vez investigación do saber e da virtude. Saber e virtude identifícanse, segundo Sócrates. O home non pode tender máis que a saber o que debe facer ou o que debe ser; e tal saber é a virtude mesma. Se o home se entrega a certos impulsos significa que sabe ou cre saber que obrar así é para el lo máis útil ou o máis conveniente. Un erro de xuízo, é dicir, a ignorancia, é a base de todo vicio. A diferencia entre o home virtuoso e o home que non o é consiste en que o primeiro sabe calcular os praceres e escolle o maior; o segundo non sabe facer este cálculo e non pode, por tanto, máis que entregarse ao pracer do momento. A virtude non é nin puro pracer nin puro esforzo, senón cálculo intelixente.
A esta doutrina segundo a cal a virtude consiste en saber denomínaselle "Intelectualismo moral" e ten a súa orixe no establecemento dun paralelismo entre os aspectos éticos e os aspectos técnicos: En efecto, no mundo da técnica sucede que o que aprendeu e sabe unha arte realizará ben o seu oficio. Así, un home que coñece as técnicas da arquitectura fará ben unha casa, ou o home que coñece a medicina realizará ben a curación dunha enfermidade. E se un arquitecto ou un médico fan mal o seu oficio, non é porque queiran facer o mal, senón porque non saben facer o ben. Pois ben, Sócrates traslada esta concepción ao mundo moral. Así, o que aprendeu unha virtude é virtuoso. Se un home sabe o que é a xustiza, será xusto. E se un home comete unha inxustiza non é porque queira facer o mal, senón porque non sabe. Desta maneira de entender a virtude despréndense varias consecuencias: Determinismo moral. Ninguén fai o mal voluntariamente, senón por ignorancia, porque non coñece o ben. Por tanto, ao que comete o mal non se lle pode castigar, senón instruír. Para Sócrates, pois, non existe a culpa, ninguén é culpable, senón soamente ignorante.
Outra consecuencia é que a virtude pode ensinarse. En realidade só hai unha virtude: a Sabedoría. Sobre esta base montou Sócrates todo o seu labor educativo en Atenas. Todas as virtudes poden reducirse a unha soa, porque todas consisten en saber.
Por último, segundo algúns autores, ese intelectualismo explicaría a animadversión de Sócrates cara a democracia ateniense. Así como os bos médicos son os que coñecen a arte da medicina e non se nos ocorre elixir ao chou ou por votación a un home para que nos cure, os bos gobernantes serán tamén os que coñecen a arte de dirixir o Estado e vai contra toda razón o escoller aos que teñan que ocupar os cargos públicos botando a sortes ou por votación entre a inexperta multitude.
| Enlaces: | http://acacia.pntic.mec.es/~falvar4/socrates.htm |