Percepción

Fondo e figura

Observa o seguinte debuxo. Reproduce unha xilografía de M.C. Escher titulada Sol e Lúa.

Analiza a túa percepción: ¿Que ves? ¿Un conxunto de aves escuras, un conxunto de aves claras, a lúa, o sol? ¿Es quen de ver todo ó mesmo tempo? Unha descripción deste debuxo podería ser: hai catorce paxaros brancos voando nun ceo escuro iluminado pola lúa, estrelas e planetas. Tenta dar ti outra descripción. ¿por que se ve unha cousa ou outra?

Percepción: un todo estructurado

Unha escola de Psicoloxía que defende unha teoría coñecida como Asociacionismo mantiña que a percepción era o resultado de asociar tódalas sensacións provocadas polos estímulos. Así a pintura da esquerda sería a suma total de cada unha das sensacións que o compoñen, unha especie de mosaico de micro-pezas, cada unha dunha tonalidade diferente que colocadas nuha determinada orde daría como resultado a nosa visión.

Outros psicólogos non comparten esta explicación. A chamada Escola da Forma (Gestalt) pon de manifesto que a percepción ten que ser entendida como un proceso primario, onde os estímulos son interpretados seguindo unhas leis de agrupación, por tanto a percepción non é a suma das sensacións, é un todo estructurado. De feito en función de como se estructuren os estímulos nesta obra de Dalí captaremos unhas persoas e fogueiras co mar de fondo ou un grande animal. ¿Quizais percibas algo máis?

As experiencias anteriores e a linguaxe determinantes da percepción

A Escola da Forma contribuíu especialmente á comprensión que na actualidade temos do proceso perceptivo pero centrou os seus estudios máis no pólo obxectivo da percepción que noutros aspectos emocionais e cognitivos que tamén conforman a percepción.

A psicoloxía cognitiva como a levada a cabo por J. Piaget salienta precisamente eses aspectos cognitivos (elementos referidos ó coñecemento), así considera fundamental o papel dos conceptos, da linguaxe á hora de interpretar os datos.

De novo imos recorrer a Dalí. Este é un estudio para unha das súas obras. Fixate nel. ¿Que estas a percibir?

Os teus coñecementos de historia, de cómo se vestía noutras épocas, do que supuxo a Ilustración, mesmo ter visto algún retrato de certos autores ilustrados como Voltaire poden influír na percepción do cadro. Por certo, non dixemos o título. É o estudio para A desaparición do rostro de Voltaire.

Quizais agora percibas de forma diferente a obra. ¿Encontraches o busto de Voltaire no arco situado á esquerda da pantalla?