5 O GALROCK
5.6 Os Diplomáticos de Monte Alto
Os Diplomáticos de Monte alto son un grupo de “rock bravo”, ou como eles prefiren, “rock bravú”. Un grupo de mesturas, que combina o rock máis salvaxe coa música tabernaria das aldeas da súa terra.
A música de Os Diplomáticos, chamada na súa terra arroutada, expresa todas as mesturas que petan no peito dos mozos galegos. Rapaces de barrio, país de aldea. Como son de Monte-Alto, barrio coruñés, son heavies; porque son de aldea, cantan muiñeiras e foliadas. Son de Los Chicos, porque son de barrio; porque veñen da aldea réndenlle acatamento a México e ao acordeón (Cando os galegos volveron de Campeche (México) só trouxeron estilográficas e cintas de rancheiras).
Galicia, afastada nun recuncho, envolta en brétemas e mitos celtas, terra de vacas, gaiteiros e emigrantes, está lonxe de todo, pero os seus quince mil grupos de rapaces concentran suficiente bravura como para partir o universo.
Dende a híper-periferia o rock bravú expándese como un novo poder musical para este novo milenio.
Sorpresa e conmoción pangalaica. Tabernas e disco-tascas corean as melodías bravas. Identidade solidaria de vellos bebedores de tazas e xeracións de bourbon. Alegría de gaiteiro xubilado en verbenas.