Unha das formas máis importantes que xorden nesta época barroca é a ópera.

A ópera é unha representación teatral (pois precisa dun escenaio, un vestiario, decorados...) que consta dunha obertura instrumetal, arias (pasaxe melódica solista), coros, interludios instrumentais, recitativos e algunhas veces ballet.

Nace en Florencia a partir dos traballos dun grupo de poetas e compositores chamados Camerata Florentina, que intentaban representar un texto dramático a través da música.

A primeira ópera que conservamos é “Eurídice” de Peri, obra que se estreou no ano 1600. O compositor que deu o paso definitivo para a creación da ópera foi Claudio Monteverdi, que estreou a súa ópera “Orfeo” en 1607.

A ópera barroca estendeuse primeiro por toda Italia, creando varias escolas en Venecia, Nápoles e Roma, e despois por toda Europa.

Existen dous tipos de ópera barroca:

- A ópera seria caracterizouse por tratar personaxes e temas mitolóxicos, pola utilización de coros e polo predominio da aria, con melodías adornadas e acrobacias vocais para lucimento do cantante. Isto motivou a aparación do fenómeno artificial dos castrati. Os castrati eran cantantes de sexo masculino, coa voz contralto ou soprano, ós que castraban antes de mudar a voz para conservala; obtiñan así a textura dunha soprano, pero co poder pulmonar dun tenor ou dun baixo. A maioría proviñan de familias humildes que vían na “operación” un cambio de fortuna, pero só os máis célebres, como Carlo Broschi “Farinelli” se converterían en millonarios e mimados polo público.

- A ópera bufa xurdiu da ópera seria e caracterizouse por tratar temas da vida cotiá, xeralmente cómicos, utilizando melodías de sabor popular e que precisan poucos cantantes e unha pequena orquestra. Un exemplo deste tipo de ópera é “A serva padrona” de G.B. Pergolesi que se estrou en 1733 e tivo un éxito inmediato.