J.S. BACH (1685-1750). Naceu nunha rexión alemá protestante, dentro dunha familia de músicos, na que era tradición que a profesión pasase de pais a fillos.

A súa vida discorreu como a de moitos funcionarios da época, dedicada ó traballo como organista de varias igrexas e como director de orquestra de cámara da corte. O maior logro de Bach foi que sen saír de Alemaña chegou a coñecer profundamente a música barroca italiana e francesa e logrou fundir nun estilo propio os estilos italiano, francés e alemán. Compuxo practicamente en todos os xéneros do Barroco, con excepción da ópera. Dentro da súa produción de música relixiosa sobresaen as cantatas que compuxo para o culto luterano, os oratorios, as paixóns, misas, as fugas e corais para órgano. Na música profana o clave e o violín foron os instrumentos preferidos para os que escribiu concertos, sonatas e fugas. “O clave ben temperado” é unha colección de 24 preludios e fugas para clavecín. Para orquestra de cámara son as suites e os 6 “Concertos de Brandenburgo”. Coméntase que foi valorado en vida, pero a súa morte, a súa dona rematou mendigando polas rúas, sen pensión de viuvez.

G.F. HAENDEL (1685-1759). A súa aprendizaxe fíxoa en Alemaña, aínda que viaxou por Italia asimilando a música deste país. A vida del desenvolveuse entre Alemaña e Inglaterra, onde estableceu residencia definitiva, nacionalizándose inglés. Cultivou todos os xéneros e formas do momento, pero cómpre salientar a produción de música instrumental, as óperas e os oratorios.

Compuxo unhas corenta e tres óperas italianas, nas que buscou o aplauso da nobreza e a gloria. Os seus oratorios estaban dirixidos  á clase media e distinguíanse das óperas pola importancia dos coros e porque o obxectivo “non é agradar ós homes, senón facelos mellores”. O “Mesías”, sen dúbida, é o máis coñecido. A súa produción instrumental é moi ampla e diversa, aínda que as formas preferidas foron a suite e o concerto grosso: xeralmente escritas para celebracións  cortesás, como a suite “Música acuática “ que a compuxo para que se tocase nun paseo do rei polo río Támesis, ou “Música para os Reais fogos  artificiais” que serviu para conmemorar o tratado da Paz de Aquisgrán.

Coméntase que durante o ensaio dunha das súas óperas, na que Haendel acompañaba ó clave, un dos cantantes desgustouse pola súa maneira de tocar e díxolle “Se non me acompaña mellor, brincarei sobre o seu clave e fareino anacos”. Ó que Haendel respondeu “Adiante, pero faga o favor de anunciarme cando, e farei publicidade disto. Moita xente preferiría vir velo que oílo cantar.”

GASPAR SANZ (1640-1710). Foi profesor de música na Corte de Felipe IV onde escribiu “Instruccións de música para a guitarra española” que contén pezas nas súa mayoría de danzas cortesás para este instrumento.

PADRE ANTONIO SOLER (1729-1783). Discípulo de Domenico Scarlatti, foi o gran mestre do noso barroco na música orquestral; compuxo moitas sonatas que amosan o influxo do compositor italiano. Escribiu varios tratados teóricos e foi mestre de música dos fillos do rei, o que lle permitiu acceder á música de cámara europea. Entre as súas obras salientan, ademais das sonatas, os concertos para dous órganos.

A. VIVALDI (1678-1741). É a figura máis salientable da primeira metade do século XVIII. Foi sacerdote e coñecíase como Il petre rosso (o cura roibo), polo seu cabelo louro. Foi mestre de violín no Hospital da Caridade de Venecia e ó mesmo tempo violinista na catedral de San Marcos. O seu catálogo de obras é inmenso: concertos, óperas, sonatas, cantatas e moita música que se perdeu. Adoitaba dicir que compoñía un concertó máis rápido do que o copista tardaba en cópialo. A súa obra máis coñecida son os concertos “As catro estacións”. Están concibidas para violín, cordas e clave ou órgano no baixo continuo. Coméntase que nunha ocasión na que Vivaldi estaba celebrando misa, ocorréuselle unha melodía e deixouno todo para ir á sacristía e apuntala. Ó rematar, continuou coa misa. Por isto foi xulgado e condenado pola Inquisición.

J.B. LULLY (1632-1687). Era de orixe florentina, pero viviu en Francia desde pequeño. Entrou ó servicio de Luis XIV como compositor de música de cámara onde organizou unha pequeña orquestra: Os dezaseis pequenos violóns, que chegou a ser admirada e imitada pola abraiante precisión dos seus concertos, para os que escribiu moitas das súas obras instrumentais, así como para os ballets. Gracias a unha patente concedida polo rei, conseguiu facerse co monopolio da ópera e converterse no meirande representante da ópera francesa. Nas súas óperas, que el chamou “Traxedias líricas”, estableceu o modelo de Obertura francesa, dividida en tres movementos, lento-allegro-lento. Adaptou o recitativo á lingua francesa e deulle unha importancia sen precedentes ós coros. A súa obra maestra foi a ópera “Armida”. Coméntase que o compositor Lully da corte de Luis XIV feriuse no dedo gordo do pé cun bastón, mentres dirixía, e morreu uns días máis tarde por mor de infección producida pola ferida.