7 GRANDES INTÉRPRETES
7.1 Fuxan os ventos

Alá polo ano 1972 un grupo de rapazas e rapaces, que cantan asiduamente no coro do Colexio Menor Santísimo Sacramento de Lugo, deciden formar un grupo de música folk sen máis intención que se divertiren. O grupo chámase Folk 72 e, como tal, participa no III Festival De As San Lucas de Mondoñedo (Lugo), en outubro do mesmo ano, un dos festivais-concurso máis importantes do momento. Gañan o primeiro premio cunha canción que levaba por título Fuxan os Ventos. A partir deste momento adoptan o título da canción como nome propio e comezan a realizar actuacións en colexios, festivais, aldeas e vilas, primeiro da provincia de Lugo, e logo no resto de Galicia e Madrid.

O seu repertorio está integrado por música folk universal e música popular galega e de composición propia.

As súas actuacións en lugares e aldeas permítenlle ó grupo “recoller” centos de cantigas que os vellos e vellas do lugar gardan na memoria e que irán incorporando ó seu repertorio. Tamén musican poemas doutros autores.