7 GRANDES INTÉRPRETES
7.6 Milladoiro
Milladoiro xorde da unión do grupo de música tradicional de Catoira, “Faíscas do Xiabre” formado por Fernando Casal, Xosé V. Ferreirós e Ramón García Rey e o dúo Antón Seoane-Rodrigo Romaní, promotores da música e instrumentos do medievo.
Toman o seu nome do das moreas de pedras (milladoiros) que deixaban os peregrinos no seu percorrido polo Camiño de Santiago.
A inspiración e a creatividade dos músicos deste grupo, unido ó coñecemento das melodías populares (tan abondosas no noso país e que constitúen a verdadeira raigame da nosa cultura) configuran unha música case perfecta, cuns efectos sublimes. Ademais enriquécense con influencias de Irlanda, Escocia, Gales…
A música clásica tamén ten acollida no seu repertorio, así o seu Iacobus Magnus, suite orquestral composta para a celebración do Xacobeo 93 é unha mostra clara desta mestura de estilos.
Ten levado a saudade, a morriña e o ensoño do pobo galego a moitos lugares do mundo. E por riba de todos, á case totalidade das vilas e lugares galegos.
Os instrumentos que empregan móvense en dúas frontes, combinan instrumentos tradicionais e relativamente novos: gaita, zanfona, acordeón, percusión, teclados, guitarra acústica, arpa, ocarina, guitarra, bouzouki, óboe, mandolina, tin wistle, uillean pipe, clarinete, cromorno, frautas, violín…
Milladoiro resistirá o paso do tempo, porque a súa proposta é eficacísima, “música popular constantemente actual”.
Posúen un disco titulado 25 que conmemora os seus vintecinco anos de traxectoria. Recentemente realizaron o que foi, ata o de agora, Unha estrela por guía.