O BARROCO MUSICAL

No libro que vedes, afondaremos un pouco nas características musicais da época barroca,das novidades que aparecen na música neste momento e da súa evolución dende o período anterior, o Renacemento.

Sitio: Aula virtual do IES Sofía Casanova
Curso: Música 3º ESO
Libro: O BARROCO MUSICAL
Impreso por: Usuario convidado
Data: Venres, 13 de Marzo de 2026, 23:04

Táboa de contidos

- Cultura urbana, de masas, dirixida e ao servizo de grandes intereses.
- Xorde o fenómemo do público, o uso do espectáculo musical como proxección do poder político, laico ou eclesiástico e vehículo de propaganda ideolóxica, o desenvolvemento do xénero do concerto público (Gran Bretaña), e incluso a conformación das primeiras identidades musicais en relación aos Estados modernos (querella entre franceses e italianos).
- Desenvolvemento do método científico, teoría heliocéntrica (Galileo), a concepción racionalizada e empírica do mundo (Descartes e Newton)…
- Dúas tendencias contrapostas na estética barroca: teoría racional expresable en termos case matemáticos, que desemboca no temperamento igual ou a teoría harmónica; por outra beira a convicción de que a música expresa os estados do alma, a subxectividade creadora. Da coordinación de ambas tendencias xorde a teoría dos afectos.
- Mecenazgo privado e público.

Termo do castelán barrueco, perla deformada, ou do italiano baroco, algo confuso ou rebuscado. Está sacado da historia da arte, en contraposición ao Renacemento.
No século XVIII considerábase a música barroca en termos negativos, contrapoñéndoa á estética clasicista da arte Antiga e Renacentista. A finais do XIX e principios do XX produciuse unha corrente historicista que redescubriu e revalorizou esta música, de xeito que serviu de inspiración, por exemplo a compositores como Stravinsky.

PERIODIZACIÓN:


- 1º Barroco: 1580-1630.
Para o 1580 fálase de manierismo, unha fase de evolución do Renacemento que enlaza co Barroco. Estilo intelectualizado, música reservata.
O primeiro barroco caracterízase por: oposición ao contrapunto, uso de disonancias violentas, harmonía experimental, formas pequenas e seccionadas. Monteverdi: seconda prattica (polémica con Artusi).
Primeiros ensaios de ópera, desenvolvemento do aria en substitución da madrigal, formación do oratorio. Primeiras coleccións de sonatas. Italia. Predominio da música vogal.


- Barroco Medio: 1630-1680. Bel canto, desenvolvemento da ópera, cantata e oratorio. Diferéncianse aria e recitativo. Certa recuperación do contrapunto, harmonía con estruturas máis coherentes, a peza organízase por zonas tonales. Comeza a revolución instrumental coa formación do violín e o crecemento do repertorio. A sonata barroca acada a súa madurez. Barrocos “nacionais”, especialmente en Francia e Inglaterra, en torno a cuxas cortes pululan os músicos italianos. Aparecen óperas en respectivas linguas, distintas á italiana pero derivadas dela. Igual importancia da música vogal e instrumental.


- Barroco Final: 1680-1730. Tonalidade madura. Contrapunto. Fuga. Ritmo mecánico, obras de maiores dimensións. Primeiros indicios de ópera bufa coa inclusión de elementos cómicos. No instrumental apoxeo do estilo de concerto, cos concertos grossi e solísticos.


- A partir do 1715 en Francia: rococó, motivo decorativo (palmeira e cuncha), predominio de temas mundanos e frívolos, estilo alixeirado en estruturas pero recargado de ornamentos, anticipando o estilo clásico.


 

-A música profana adquire maior importancia fronte á relixiosa e a música instrumental independízase da vogal.

- Os compositores practican todos os xéneros e xorden novas formas musicais.

- Os músicos convértense en verdadeiros profesionais.

- Dúas prácticas (primeira práctica ou práctica antigua e segunda práctica ou barroca), tres estilos (ecclesiasticus: misas, motetes e concertos sacros; cubicularis: música de cámara, madrigais; theatralis: ópera).

- Representación afectiva do texto. Absolutismo do texto.

- Polaridade voces baixo-tiple.

- Melodía diatónica e cromática, de ámbito amplo.

- Contrapunto tonal.

- Harmonía por acordes e novo tratamento da disonancia.

- Acordes como entidades autónomas.

- Tonalidade.

- Ritmos cambiantes e contrastantes. Pulsación mecánica e declamación.

- Especificidade instrumental.

- Invención da monodia ou melodía acompañada. Importancia das voces extremas.

- Baixo continuo: soporte da estrutura. A miúdo a notación reducíase ao baixo e a voz superior. Realizábao un instrumento polifónico como a clave, órgano, laúde (sobre todo os grandes) ou arpa. Reforzábase coa viola de gamba, violón, fagot… Podía cifrarse.

- Camerata Bardi: cenáculo florentino de artistas e diletantes, de capital importancia para a posterior configuración de xéneros como a ópera. Propugnaban o protagonismo do texto, en reacción ao sofisticado contrapunto, para lograr a máxima expresividade, de xeio que a música ilustre os contidos textuais. O ideal é a recuperación do teatro e canto dos antigos gregos.

- Recitativo: recitación dun texto coas mínimas inflexións de voz. A acción continúa.

- Aria: canción monódica con acompañamento de continuo. Primeiro estróficas. Tipo particular: lamentación, de tema tristeiro e altamente expresivo.

- Estilo concertato: do latín concertar, competir xuntos. Por unha parte os instrumentos compiten entre si, pero por outra, seu fluír melódico forma parte dunha totalidade formal máis complexa. Como estilo, refírese ao gusto po o contraste e está presente en todas as formas musicais do período, en maior ou menor medida.

- PRINCIPIOS ESTÉTICO-FORMAIS: Tendencia a unha expresión extremada, intensificación emocional, contraste: timbre, ritmo, harmónico…, movemento: baixo ostinati, concitato…

Unha das formas máis importantes que xorden nesta época barroca é a ópera.

A ópera é unha representación teatral (pois precisa dun escenaio, un vestiario, decorados...) que consta dunha obertura instrumetal, arias (pasaxe melódica solista), coros, interludios instrumentais, recitativos e algunhas veces ballet.

Nace en Florencia a partir dos traballos dun grupo de poetas e compositores chamados Camerata Florentina, que intentaban representar un texto dramático a través da música.

A primeira ópera que conservamos é “Eurídice” de Peri, obra que se estreou no ano 1600. O compositor que deu o paso definitivo para a creación da ópera foi Claudio Monteverdi, que estreou a súa ópera “Orfeo” en 1607.

A ópera barroca estendeuse primeiro por toda Italia, creando varias escolas en Venecia, Nápoles e Roma, e despois por toda Europa.

Existen dous tipos de ópera barroca:

- A ópera seria caracterizouse por tratar personaxes e temas mitolóxicos, pola utilización de coros e polo predominio da aria, con melodías adornadas e acrobacias vocais para lucimento do cantante. Isto motivou a aparación do fenómeno artificial dos castrati. Os castrati eran cantantes de sexo masculino, coa voz contralto ou soprano, ós que castraban antes de mudar a voz para conservala; obtiñan así a textura dunha soprano, pero co poder pulmonar dun tenor ou dun baixo. A maioría proviñan de familias humildes que vían na “operación” un cambio de fortuna, pero só os máis célebres, como Carlo Broschi “Farinelli” se converterían en millonarios e mimados polo público.

- A ópera bufa xurdiu da ópera seria e caracterizouse por tratar temas da vida cotiá, xeralmente cómicos, utilizando melodías de sabor popular e que precisan poucos cantantes e unha pequena orquestra. Un exemplo deste tipo de ópera é “A serva padrona” de G.B. Pergolesi que se estrou en 1733 e tivo un éxito inmediato.

Aínda que nunca se abandonou o uso da polifonía renacentista, a música relixiosa do século XVII viuse afectada polas innovacións da música profana, como a monodia e o baixo continuo, que se aplicaron a formas como a misa e o motete. Ademais aparecen formas novas como o oratorio, a cantata relixiosa ou a paixón.

- O oratorio é unha composición dramática que se diferencia da ópera en que os seus temas están baseados en historias bíblicas e porque os personaxes non actúan, só cantan. Igual cá ópera, utiliza arias, recitativos, dúos e partes instrumentais para narrar unha historia. O oratorio introduce a presenza dun narrador que actúa de fío conductor.

Un oratorio era unha sala de oración na que se reunían para rezar, grupos de cristiáns. Nun principio, os oratorios, escribíronse en latín, aínda que axiña se utilizaron as linguas de cada país. É unha forma que nace en Roma, pero que se estende por toda Italia e Europa. Entre os seus grandes representantes están Telemann, Haendel (O Mesías), Bach.

- A cantata relixiosa está relacionada co culto luterano alemán. Cantábanse cada domingo, e o texto estaba relacionado co contido relixioso do Evanxeo. Trátase dunha composición para varias voces estruturada en arias, recitativos e coros con acompañamento orquestral.

- A paixón é unha especie de oratorio que trata o tema da paixón de Cristo baseada nos textos dos catro evanxelistas. Os personaxes adoitaban ser: un evanxelista que narraba a acción, os propios personaxes da paixón e o pobo que expresaba os seus sentimentos. Todo a base de arias, recitativos, coros e orquestra. (Bach: Paixón según San Mateo).

A música instrumental independízase da vocal dentro do período barroco muscial e chega a ser moi abundante. Os grandes “luthiers”, constructores de instrumentos, como Amati, Stradivarius ou Guarnerius, van perfeccionar algúns deles, e isto favorecerá a aparición de obras para solistas que acadan gran virtuosismo. Os instrumentos comezan a se reunir en familias para formar orquestras ben equilibradas, predominando os de arco. En ocasións sinaladas acompáñanse dos aerófonos para execucións en grandes espacios nos que era importante a obtencións dun son grandioso. Ademais, o idioma da melodía acompañada e a técnica do baixo continuo aplicáronse ás formas musicais que imos ver.

- O preludio é unha forma instrumental que prepara o camiño para executar unha obra máis desenvolvida. O seu carácter é improvisatorio.

- A toccata é unha forma musical que adoita ter carácter virtuosista e estaba xeralmente composta para instrumentos de tecla, como o órgano e o clavecín.

- A fuga é unha composición que consta dun só tempo escrita en estilo polifónico. Basicamente consiste na repetición dun tema (suxeito) e da súa imitación (resposta) con fragmentos libres, entre as repeticións.

- A sonata. O seu nome deriva da palabra “sonare” que significa “fretar unha corda”. Consta de varios movementos, que o compositor italiano A. Corelli estableceu en catro, e que contrastan entre si: Lento- Allegro- Moderato- Vivo

- A suite ten a súa orixe nos pares de danzas renacentistas e reúne nunha soa obra orquestral varios aires de danza de diferente carácter contrastante. O modelo típico da suite orquestral estaba composto por catro danzas: Allemanda, de carácter vivo; Courante, máis lenta; Zarabanda, lenta; Xiga, rápida.

- O concerto é unha obra musical dividida en tres ou catro movementos que contrastan entre si, xeralmente son un allego-lento-allegro. Os ipos máis importantes de concerto desta época son:

           - o concerto grosso, onde se establece un diálogo entre dúas masas sonoras: un grupo de solistas, chamado concertino, que se acompaña do baixo continuo e a orquestra que chamamos ripieno.

           - o concerto solista, no que existe un diálogo entre un solista acompañado do baixo continuo e a orquestra.

Os concertos barrocos adoitan alternan un ritornello a modo de “retrouso” que é tocado por toda a orquestra co solo que é tocado polos solistas e que incorpora melodías novas.

Os diferentes tipos de violas renacentistas desaparecen a principios do século XVIII. Con todo, o uso da viola continúa durante o Barroco formando parte do baixo continuo en agrupacións con violíns.

No Barroco xorden os instrumentos de corda fretada que xa coñecemos como compoñentes da orquestra: violín, viola, violoncello e o contrabaixo (con características da familia das violas, xa que tiña seis cordas e trastes ata fins do século XVIII). É a época dos grandes luthiers de violíns: Stradivarius, Guarnerius, Amati.

Nesta época usábanse os violíns de peto; utilizábanos os profesores de baile para acompañar as súas leccións. Monteverdi utiliza instrumentos similares na súa ópera Orfeo.

Outros instrumentos de corda fretada da época son: viola de amore, lira de gamba ou lirone.

Corda punteada: instrumentos que xorden no Renacemento, continuarán durante o Barroco e incluso terán o seu maior esplendor, como é o caso do clavicémbalo. Outros desaparecerán durante esta época como é o caso do virxinal.

Tiorba: ten unha caixa de resonancia voluminosa con dous caravilleiros: un, para as cordas tipo laúde e outro, para as cordas graves, para facer de baixo continuo.

Guitarra: tras desaparecer o uso da vihuela, no Barroco comeza a usarse a guitarra española. Gaspar Sanza compuxo para ela.

Mandolina: de grande uso sobre todo en Italia. Vivaldi comopuxo varios concertos onde a inclúe.

Instrumentos de vento:

- Vento madeira: continúa o uso das chirimías e das frautas de pico, pero no século XVIII impóñense as traversas (tipo de frauta barroca). Tamén se utilizaron clarinetes e fagot rudimentarios.

- Vento metal: trompetas, sacabuches e trompas. (A aparición no século XVII da primeira trompa de caza marca o seu inicio musical en Occidente).

- Vento mecánico: o órgano foi un dos instrumentos que tivo máis auxe nesta época, empregándoo os grandes compositores como J.S. Bach e G. F. Haendel.

O NACEMENTO DA ORQUESTRA

En todas as épocas existiron os “conxuntos instrumentais” para interpretar as obras dos compositores. No Renacemento comezáronse a organizar estes conxuntos, e así, no último período desta época, aparecen en Venecia, constituíndose basicamente en agrupacións de instrumentos de vento.

A comezos do século XVII, engadíronse os instrumentos de corda, principalmente a familia da viola, coas súas variedades: viola de gamba, viola de braccio e baixo.

Deste xeito, a corda convértese na base da orquestra barroca. Nesta época os instrumentos de corda chegan a súa perfección cos construtores Stradivarius, Guarnerius e Amati.

Para tocar o “baixo continuo” utilizábase un instrumento grave de corda fretada ou de vento, e de tecla, como o clavicémbalo ou o órgano. A partitura tiña xeralmetne uns números escritos “baixo cifrado” e sobre isto, os intérpretes improvisaban. Xeralmente o músico que tocaba o clave era o que levaba o control do resto dos compoñentes da orquestra, xa que facía de “director”.

Nesta época, o director permanece sentado e cun pesado e longo bastón, que ás veces medía ata dous metros, daba golpes contra o chan, marcando así as partes fortes da composición.

A MÚSICA BARROCA EN FRANCIA.

Os músicos franceses tardaron en aceptar as innovacións da música barroca e a música francesa non acadará o seu cumio ata a subida ó trono de Luis XIV e a aparición dun músico como J.B. Lully.

A MÚSICA BARROCA EN ESPAÑA

En España imitouse musicalmente o que se facía en Italia e en Francia acollendo gran número de compositores estranxeiros; pero nesta época nacen xéneros típicamente españois dentro da música escénica.

Os intentos de crear unha ópera española foron apagados pola invasión das compañías italianas de ópera, pero con todo chegáronse a compoñer algunhas obras como “A selva sen amor” e “Celos ainda do aire matan”.

Ó lado destas óperas xorde o xénero da zarzuela de carácter máis popular, nela altérnanse as partes faladas coas cantadas. O nome vén das representacións que se facían no Real Sitio da Zarzuela. “O xardín de Falerina” ou “O golfo das sereas” son algúns exemplos. Pero, a zarzuela tamén foi relegada a un segundo lugar pola ópera italiana. Outro xénero que nace agora é a tonadilla escénica, que foi moi popular entre o pobo. Bén sendo un intermedio de tipo satírico, de carácter castizo, que acostuma finalizar cunha danza.

A música relixiosa mantivo o seu esplendor nalgunhas caterais, onde se practicaban tanto o estilo polifónico como as novas formas barrocas. O vilancico é unha forma musical hispana parecida á cantata relixiosa, con solos, dúos e partes instrumentais.

En canto á música instrumental, no século XVII, a guitarra comeza a ter un éxito que se descoñeceu noutros países; nos tratados teóricos fálase dela como do instrumentos nacional.

J.S. BACH (1685-1750). Naceu nunha rexión alemá protestante, dentro dunha familia de músicos, na que era tradición que a profesión pasase de pais a fillos.

A súa vida discorreu como a de moitos funcionarios da época, dedicada ó traballo como organista de varias igrexas e como director de orquestra de cámara da corte. O maior logro de Bach foi que sen saír de Alemaña chegou a coñecer profundamente a música barroca italiana e francesa e logrou fundir nun estilo propio os estilos italiano, francés e alemán. Compuxo practicamente en todos os xéneros do Barroco, con excepción da ópera. Dentro da súa produción de música relixiosa sobresaen as cantatas que compuxo para o culto luterano, os oratorios, as paixóns, misas, as fugas e corais para órgano. Na música profana o clave e o violín foron os instrumentos preferidos para os que escribiu concertos, sonatas e fugas. “O clave ben temperado” é unha colección de 24 preludios e fugas para clavecín. Para orquestra de cámara son as suites e os 6 “Concertos de Brandenburgo”. Coméntase que foi valorado en vida, pero a súa morte, a súa dona rematou mendigando polas rúas, sen pensión de viuvez.

G.F. HAENDEL (1685-1759). A súa aprendizaxe fíxoa en Alemaña, aínda que viaxou por Italia asimilando a música deste país. A vida del desenvolveuse entre Alemaña e Inglaterra, onde estableceu residencia definitiva, nacionalizándose inglés. Cultivou todos os xéneros e formas do momento, pero cómpre salientar a produción de música instrumental, as óperas e os oratorios.

Compuxo unhas corenta e tres óperas italianas, nas que buscou o aplauso da nobreza e a gloria. Os seus oratorios estaban dirixidos  á clase media e distinguíanse das óperas pola importancia dos coros e porque o obxectivo “non é agradar ós homes, senón facelos mellores”. O “Mesías”, sen dúbida, é o máis coñecido. A súa produción instrumental é moi ampla e diversa, aínda que as formas preferidas foron a suite e o concerto grosso: xeralmente escritas para celebracións  cortesás, como a suite “Música acuática “ que a compuxo para que se tocase nun paseo do rei polo río Támesis, ou “Música para os Reais fogos  artificiais” que serviu para conmemorar o tratado da Paz de Aquisgrán.

Coméntase que durante o ensaio dunha das súas óperas, na que Haendel acompañaba ó clave, un dos cantantes desgustouse pola súa maneira de tocar e díxolle “Se non me acompaña mellor, brincarei sobre o seu clave e fareino anacos”. Ó que Haendel respondeu “Adiante, pero faga o favor de anunciarme cando, e farei publicidade disto. Moita xente preferiría vir velo que oílo cantar.”

GASPAR SANZ (1640-1710). Foi profesor de música na Corte de Felipe IV onde escribiu “Instruccións de música para a guitarra española” que contén pezas nas súa mayoría de danzas cortesás para este instrumento.

PADRE ANTONIO SOLER (1729-1783). Discípulo de Domenico Scarlatti, foi o gran mestre do noso barroco na música orquestral; compuxo moitas sonatas que amosan o influxo do compositor italiano. Escribiu varios tratados teóricos e foi mestre de música dos fillos do rei, o que lle permitiu acceder á música de cámara europea. Entre as súas obras salientan, ademais das sonatas, os concertos para dous órganos.

A. VIVALDI (1678-1741). É a figura máis salientable da primeira metade do século XVIII. Foi sacerdote e coñecíase como Il petre rosso (o cura roibo), polo seu cabelo louro. Foi mestre de violín no Hospital da Caridade de Venecia e ó mesmo tempo violinista na catedral de San Marcos. O seu catálogo de obras é inmenso: concertos, óperas, sonatas, cantatas e moita música que se perdeu. Adoitaba dicir que compoñía un concertó máis rápido do que o copista tardaba en cópialo. A súa obra máis coñecida son os concertos “As catro estacións”. Están concibidas para violín, cordas e clave ou órgano no baixo continuo. Coméntase que nunha ocasión na que Vivaldi estaba celebrando misa, ocorréuselle unha melodía e deixouno todo para ir á sacristía e apuntala. Ó rematar, continuou coa misa. Por isto foi xulgado e condenado pola Inquisición.

J.B. LULLY (1632-1687). Era de orixe florentina, pero viviu en Francia desde pequeño. Entrou ó servicio de Luis XIV como compositor de música de cámara onde organizou unha pequeña orquestra: Os dezaseis pequenos violóns, que chegou a ser admirada e imitada pola abraiante precisión dos seus concertos, para os que escribiu moitas das súas obras instrumentais, así como para os ballets. Gracias a unha patente concedida polo rei, conseguiu facerse co monopolio da ópera e converterse no meirande representante da ópera francesa. Nas súas óperas, que el chamou “Traxedias líricas”, estableceu o modelo de Obertura francesa, dividida en tres movementos, lento-allegro-lento. Adaptou o recitativo á lingua francesa e deulle unha importancia sen precedentes ós coros. A súa obra maestra foi a ópera “Armida”. Coméntase que o compositor Lully da corte de Luis XIV feriuse no dedo gordo do pé cun bastón, mentres dirixía, e morreu uns días máis tarde por mor de infección producida pola ferida.