Os diferentes tipos de violas renacentistas desaparecen a principios do século XVIII. Con todo, o uso da viola continúa durante o Barroco formando parte do baixo continuo en agrupacións con violíns.
No Barroco xorden os instrumentos de corda fretada que xa coñecemos como compoñentes da orquestra: violín, viola, violoncello e o contrabaixo (con características da familia das violas, xa que tiña seis cordas e trastes ata fins do século XVIII). É a época dos grandes luthiers de violíns: Stradivarius, Guarnerius, Amati.
Nesta época usábanse os violíns de peto; utilizábanos os profesores de baile para acompañar as súas leccións. Monteverdi utiliza instrumentos similares na súa ópera Orfeo.
Outros instrumentos de corda fretada da época son: viola de amore, lira de gamba ou lirone.
Corda punteada: instrumentos que xorden no Renacemento, continuarán durante o Barroco e incluso terán o seu maior esplendor, como é o caso do clavicémbalo. Outros desaparecerán durante esta época como é o caso do virxinal.
Tiorba: ten unha caixa de resonancia voluminosa con dous caravilleiros: un, para as cordas tipo laúde e outro, para as cordas graves, para facer de baixo continuo.
Guitarra: tras desaparecer o uso da vihuela, no Barroco comeza a usarse a guitarra española. Gaspar Sanza compuxo para ela.
Mandolina: de grande uso sobre todo en Italia. Vivaldi comopuxo varios concertos onde a inclúe.
Instrumentos de vento:
- Vento madeira: continúa o uso das chirimías e das frautas de pico, pero no século XVIII impóñense as traversas (tipo de frauta barroca). Tamén se utilizaron clarinetes e fagot rudimentarios.
- Vento metal: trompetas, sacabuches e trompas. (A aparición no século XVII da primeira trompa de caza marca o seu inicio musical en Occidente).
- Vento mecánico: o órgano foi un dos instrumentos que tivo máis auxe nesta época, empregándoo os grandes compositores como J.S. Bach e G. F. Haendel.
O NACEMENTO DA ORQUESTRA
En todas as épocas existiron os “conxuntos instrumentais” para interpretar as obras dos compositores. No Renacemento comezáronse a organizar estes conxuntos, e así, no último período desta época, aparecen en Venecia, constituíndose basicamente en agrupacións de instrumentos de vento.
A comezos do século XVII, engadíronse os instrumentos de corda, principalmente a familia da viola, coas súas variedades: viola de gamba, viola de braccio e baixo.
Deste xeito, a corda convértese na base da orquestra barroca. Nesta época os instrumentos de corda chegan a súa perfección cos construtores Stradivarius, Guarnerius e Amati.
Para tocar o “baixo continuo” utilizábase un instrumento grave de corda fretada ou de vento, e de tecla, como o clavicémbalo ou o órgano. A partitura tiña xeralmetne uns números escritos “baixo cifrado” e sobre isto, os intérpretes improvisaban. Xeralmente o músico que tocaba o clave era o que levaba o control do resto dos compoñentes da orquestra, xa que facía de “director”.
Nesta época, o director permanece sentado e cun pesado e longo bastón, que ás veces medía ata dous metros, daba golpes contra o chan, marcando así as partes fortes da composición.