5 ALGÚNS COMPOSITORES DESTACADOS
5.3 Orlando di Lasso (1532-1594)
Viaxeiro infatigable, traballou no Norte de Italia, en Roma, Nápoles e Amberes, antes de instalarse en Munich. A súa producción inclúe unha parte moi importante de música profana: madrigais, chansons, cancións alemás e villanelas. O máis destacado é a súa producción relixiosa: uns 1200 motetes, dos que 516 forman o Magnum opus musicum (1604), máis de 70 misas, das que moitas son parodia, 100 magnificats, 4 pasións, letanías e salmos penitenciais.
O seu estilo é moi característico da madurez da tradición franco-flamenca: importancia do tema ou idea musical como elemento organizador, diferenciación métrica das seccións, uso de texturas contrapuntísticas e homofónicas en alternancia, forma articulada en seccións breves marcadas por cadencias, máximo cuidado na disposición do texto e abundantes madrigalismos.
Así, Orlando di Lasso, ademais dun gran compositor de madrigais e música profana é, con Palestrina e Vitoria, un dos máximos representantes da música católica posterior ao Concilio de Trento é dicir da Contrarreforma. Pertence á última xeración de compositores franco-flamengos e, coma Jacques Arcadelt, tamén estivo ao servizo dos Papas en Roma. Os seus madrigais, cos de Cipriano de Rore, marcan a entrada deste xénero tan característico do Renacemento avanzado na súa época clásica. Aínda que os primeiros madrigais de Lasso son moi sinxelos, a partir de 1555 complica o seu estilo, incorporando recursos expresivos utilizados xa por Lucca Marenzio nun intento de trasladar á música o simbolismo dos textos, que case sempre mostran unha alta calidade literaria.