Nos últimos anos o consumo de enerxía derivada do petróleo segue a aumentar nos países máis avanzados como EEUU, Xapón e Europa. Noutros países, en concreto nos chamados países emerxentes (China, India), onde hai cada vez máis potenciais consumidores, estase a producir un aumento considerable do consumo destes combustibles fósiles. O crecemento económico sostense no seu consumo e a chamada sociedade do benestar tamén. Esto estase a notar, por exemplo, no aumento dos prezos dos carburantes.

Pero o petróleo ten data de caducidade, os expertos falan de 40 anos. As enerxías alternativas (eólica, solar, nuclear) seguen a dar solucións insuficientes por ter altos custos ou seren impopulares.

Os biocombustibles irrompen na escena enerxética como a solución de tódolos problemas, pois:

  • Reducen a dependencia dos combustibles fósiles e xa que logo dos países produtores, cuxo poder ameaza a EEUU (Venezuela e Irán) e a Europa (Rusia).
  • Manteñen as infraestruturas de consumo enerxético intactas: gasolineiras, coches. Isto favorece a supervivencia de sectores económicos moi importantes para Europa e EEUU.
  • Manteñen o propio consumo enerxético, xerador de crecemento económico e de benestar (tal como entendémolo) no mundo desenvolvido.
  • Emiten igual CO2, pero dunha planta que antes o consumiu. Isto permite deducir as súas emisións do balance total dun país, o que é un enorme aforro no pago dos chamados dereitos de carbono que establece o tratado de Kyoto.
  • Son un gran revulsivo para un sector agrícola en crise e con dificultades de ser protexido ante a presión do chamado grupo dos 20 (liderado por Brasil).
  • Son unha oportunidade para países en desenvolvemento cunha enorme débeda externa (difícil de cobrar).
  • Son unha fonte de investimento e negocio para todas as multinacionais europeas e americanas de biotecnoloxía.