Educar é unha arte que consiste en facer reflexionar ó alumno sobre a súa vida e a
interpretación que dela fai; para iso é preciso ter en conta toda a información que recibe e
tódalas influencias persoais e afectivas. Sempre estamos tentados de xustificar comportamentos
en relación a situacións anteriores e nisto si que diferimos un pouco; estamos de acordo en
comprender pero non en xustificar. Cada persoa, sexa alumno ou mestre, ten a obriga de chegar
a ser o que pode ser sen violentar o seu proceso; quere isto dicir que non todos imos ser enxeñeiros,
médicos ou albaneis .... cada quen gústalle o que lle gusta e pode facer, non o que quere moitas veces,
senón o que pode, e por iso non ten porque sentirse mal. A sociedade funciona co traballo diverso
e coordinado de todos nós. Nisto que parece tan doado confundimos moitas veces o noso desexo como pais
ou profesores co do aprendiz e temos a teima de dicirlle o que lle convén. Grave erro, produto de non
aceptar os demais como son.
No proceso educativo escolar, interveñen nun primeiro momento os profesores e os alumnos, ambos teñen
os seus problemas e conflitos difíciles de solucionar en moitos casos; gustaríame facer unha descrición
a groso modo do que ocorre en ambos lados:
Os profesores temos programas que cumprir, obxectivos, contidos, procedementos que a lei determina sen
contar moitas veces coa realidade. A constante macabra,que fala de que suspender é a crenza de ser
un bo profesor, non me parece que sexa un argumento sostible, a pesar da investigación.
Non obstante é importante facer unha reflexión centrándonos no proceso completo da aprendizaxe;
o profesorado debe saber que é exactamente o que o alumno ou a alumna non consegue facer e queremos
que faga, e que decisións metodolóxicas debemos tomar para axudar ó alumno-a a dar cada un dos pasos para
acadar unha aprendizaxe previamente marcada.
Antes de estudarmos o dito anteriormente, temos que ser realistas: non todos os alumnos-as que chegan
ás nosas aulas poden seguir as ensinanzas con facilidade e non todos queren seguilas, pero todos eles estan no mesmo saco educativo. A miúdo chéganos ós centros alumnos-as de entre 12 e 16 anos, de moi diversos estractos e de diferentes circunstancias, cun posible diagnóstico de fracaso escolar e co agravante de que moitos deles, ó cumprir os 14 anos,
sentense autónomos, e en múltiples casos preparados para empezar a incorporarse ó
mercado laboral, e no peor dos casos séntense inadaptados nun sistema de ensinanza que nin poden
nin queren seguir.
A esta realidade hai que engadirlle o feito de que moitas veces o noso alumnado séntese pouco apoiado e
comprendido; non só queren unha axuda académica senón tamén un apoio persoal e un "oído" que os
escoite cando se senten sós.Cando un alumno-a non se sente apoiado, entra nun malestar que o fan pagar
chamando a atención en tódalas materias e ensañándose especialmente co alumnado e profesorado que eles
detectan máis débil.
Por outra banda o alumno, na meirande parte dos casos vive nunha familia con escasos recursos económicos
e culturais, os seus pais traballan todo o día e fan o que poden; o que pasa coa formación académica do
seu fillo/a é algo que os sobrepasa. E non digamos coa forma de divertirse, saír e participar nun mundo
tan diferente e nunha sociedade máis tecnificada. Afortunadamente tamén hai pais e nais moi pendentes,
así como asociacións de pais/nais (ANPA) que participan activamente colaborando co labor educativo
do profesorado. O ser humano ten moitas posibilidades e se trata aquí de desenvolvelas co mellor dos
ánimos, por eso......
Tratamos de establecer unha ponte de diálogo entre os membros desta comunidade educativa para buscar
puntos de encontro que permitan unha meirande oportunidade no eido dunha educación integral.
- ¿Que cres que podes facer ti para mellorar esta situación? Aportanos ideas e opinións construtivas.
Botar a culpa ós demais non resolve o problema.
AUTORES: Profesores
- María Luisa Silvela Costoya
- Ramón José Casal García
DEBUXO: Pintado polo alumno Lolo